AGE en Europa
  • Inicio
  • Actualidade
  • Xornadas
  • Publicacións
  • Videos
  • Contacto
  • Inicio
  • /
  • ACTUALIDADE
  • /

Temos que conseguir que os avances institucionais en materia de igualdade cheguen á vida real

15 Xaneiro, 2019

 

  • Senra saúda a aprobación hoxe no PE de dous informes que compilan políticas en materia de igualdade, pero chama á autocrítica institucional
  • Lembra que hoxe mesmo milleiros de persoas van saír ás rúas para rexeitar a utilización dos dereitos das mulleres como moeda de cambio

 

Estrasburgo, 15 de Xaneiro de 2019. Reunido durante esta semana en sesión plenaria en Estrasburgo (Francia) o Parlamento Europeo aprobou hoxe dous informes a través dos cales achega unha análise sobre algunhas das desigualdades presentes entre homes e mulleres e presenta iniciativas para facerlles fronte.

“Nun momento no que precisamente hai organizacións políticas fascistas que queren utilizar os dereitos das mulleres como moeda de cambio, como por exemplo nas negociacións para apoiar a investidura dun presidente do Partido Popular en Andalucía, temos que observar positivamente a aprobación hoxe de dous informes que fan fincapé tanto na transversalización da perspectiva de xénero nas institucións -neste caso concreto no PE-, como na necesidade de que as políticas económicas sexan revisadas dende unha perspectiva de xénero e reaxustadas para corrixir os seus sesgos discriminatorios”, valorou a eurodeputada galega do Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL), Lídia Senra, responsábel para todo o Parlamento Europeo da transversalización da perspectiva de xénero na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural.

O primeiro deles céntrase especificamente na integración da perspectiva de xénero no Parlamento Europeo[1], onde inda que existen tendencias positivas, queda moito traballo por facer. Exemplificado no propio texto, as cifras de altos cargos -direccións xerais e direccións intermedias-, revelan que as persoas elixidas para ocupar estas posicións na Eurocámara no ano 2016 foron homes nun 89% dos casos, un 67% no 2017.

“O proceso de integración da perspectiva de xénero nunha institución non só se limita a supervisar a súa presencia nos contidos dos documentos. Xa sabemos que, como se adoita dicir, “o papel aguanta todo”. Non podemos dotar de perspectiva de xénero unha institución se non prestamos atención á representación de mulleres e homes nas tarefas administrativas e nos postos de decisión e dirección”, afirma Senra na liña dos argumentos presentados no informe. “Precisamos cousas concretas, realidades. E nese sentido pensamos que é importante o chamamento do PE á Comisión Europea recollido neste informe demandando unha verdadeira Estratexia Europea de Igualdade, que presente obxectivos claros e na medida do posíbel cuantificábeis”.

O segundo dos informes en materia de xénero aprobados hoxe céntrase na aplicación de políticas fiscais que axuden a avanzar na eliminación da discriminación estrutural que afecta ás mulleres[2]. Lembra que seguen infrarrepresentadas no ámbito  laboral en toda a UE, ao que hai que engadir unha fenda salarial media do 16%. Recalca asemade que é extremadamente importante abordar a fenda de xénero neste eido, xa que só deste xeito se poderá rematar ca discriminación de xénero presente nas pensións de xubilación, de media un 40% máis baixas para as mulleres en toda a UE, situación que reflicte a acumulación da desigualdade estrutural padecida ao longo de toda a vida laboral das mulleres.

Este informe recolle ademais unha cuestión da que moi poucas veces se fala na UE, que son os sesgos implícitos nas políticas, neste caso nas fiscais. “Temos que pór sobre a mesa a realidade de que moitas veces dende as institucións estanse a desenvolver medidas de xeito teoricamente igual para homes e mulleres, pero que ao interactuar coa realidade de cada Estado, teñen un impacto de xénero diferente. Ese é un dos motivos polos que é tan importante que as persoas que traballan na elaboración de políticas públicas, así como aquelas que o fan en eidos fundamentais para toda a sociedade, como poden ser a Sanidade ou a Xustiza, conten con formación continua en perspectiva de xénero”, reitera Senra. “Ademais, este informe subliña tamén que a nivel fiscal estámonos atopando con que ás grandes multinacionais proporciónanselle unha serie de privilexios fiscais que repercuten en forma de perdas económicas para os Estados,  que logo deciden aumentar ingresos por outras vías fiscais ou limitar gastos en cuestións que afectan de modo diferenciado ás mulleres, como son os servizos públicos”.

Sen embargo, malia aos aspectos positivos dos informes aprobados hoxe polo Parlamento Europeo, no proceso de pór fin ao machismo estrutural sistémico as institucións a tódolos niveis deben facer autocrítica. “A miúdo estamos aprobando medidas para avanzar na igualdade entre mulleres e homes que finalmente non están tendo un impacto axeitado na sociedade, no mundo real. Sen embargo o que estamos vendo son retrocesos. Inda está por resolver que haxa verdadeira xustiza na sentenza contra os violadores da Manada, e hoxe mesmo milleiros de persoas vanse botar á rúa para rexeitar o avance das políticas da extrema dereita, que son unha declaración de guerra contra as mulleres, e tamén para esixir que a dereita, como está a facer o PP en Andalucía, non use os dereitos das mulleres como moeda de cambio para acadar o Goberno en Andalucía.  Temos que conseguir que os avances institucionais cheguen á vida real”, advirte a eurodeputada galega.

 

150119_AngelaVallina-coordinadora do GUE-NGL en FEMM e Senra--
Lídia Senra xunto á coordenadora do GUE/NGL na Comisión de Dereitos da Muller e Igualdade de Xénero do Parlamento Europeo, Ángela Vallina, durante a acción reivindicativa realizada na sede do Parlamento Europeo en Estrasburgo baixo o lema #NoStepBack, impulsada polo movemento #MeTooEP en apoio ás concentracións #NinUnPasoAtrás convocadas para hoxe no Estado español.

 

[1]http://www.europarl.europa.eu/sides/getDoc.do?pubRef=-//EP//NONSGML+REPORT+A8-2018-0429+0+DOC+PDF+V0//pt

[2]http://www.europarl.europa.eu/sides/getDoc.do?pubRef=-//EP//NONSGML+REPORT+A8-2018-0416+0+DOC+PDF+V0//pt

anterior seguinte

Artigos relacionados

Lidia Senra no banco mais fedento do mundo con vistas ao vertedoiro de sogama

Lídia Senra: “Na Galiza urxe un modelo de xestión de residuos público 100%, descentralizado e baseado na redución, reciclaxe, reutilización e protección do medio ”

14 Maio, 2019
Comprobando o estado da contorna da Lanzada_2656x1494

Lídia Senra denuncia ante a CE a invasión de especies exóticas na Lanzada e as obras que danan as dunas

12 Abril, 2019
VdMRXGtM

Lídia Senra reclama na CE solucións para que unha muller poida acceder sen barreiras á súa casa en Abadín

9 Abril, 2019

Últimas novas

  • Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra
    Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito 26 Maio, 2019
  • Lidia Senra comprando no mercado de teo
    Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei” 25 Maio, 2019
  • Vista xeral_2592x1460
    Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade 24 Maio, 2019

Etiquetas

acordos comerciais actividades AGEe agricultura bruxelas Comisión Europea comité de emerxencia da Ría de Ferrol compromiso por europa contaminación crise agrícola europea crise de dereitos dereito a decidir dereitos humanos economía rural eleccions europeas emerxencia social En Marea estafa bancaria estafa financieira feminismo GUE/NGL leite liberalización liberalización comercial liberalización sector lácteo libre mercado Lidia Senra marisqueo mariñeiros mulleres OMC Organización Mundial do Comercio PAC Parlamento Europeo pensións pesca pesca artesanal pleno políticas públicas rural soberanía alimentaria sustentabilidade transxénicos UE Unión Europea

Calendario

Maio 2025
M T W T F S S
« Mai    
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031  
Aviso legal

Este sitio web utiliza cookies para dar unha mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das cookies mencionadas e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para obter máis información. .

ACEPTAR
Aviso de cookies