- Lídia Senra anima a apoiar a campaña que pide a fin da competencia desleal e do dumping que afecta aos camioneiros e camioneiras
- Requírense 1 millón de sinaturas de sete Estados diferentes para que vaia adiante a proposta lexislativa cidadá no Parlamento Europeo
Santiago, 30 xuño 2016. Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) súmase á Iniciativa Cidadá Europea (ICE) impulsada pola Federación Europea de Traballadores e Traballadoras do Transporte (ETF) por un transporte xusto en Europa e pola igualdade de trato para todas as persoas que traballan neste sector. Lídia Senra, eurodeputada de AGEe, estivo esta semana participando en Ámsterdam nas Xornadas de Estudo organizadas polo Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), ao que pertence, e alí tivo a oportunidade de coñecer de primeira man a campaña que se está desenvolvendo en toda Europa para recoller o mínimo esixido de 1 millón de sinaturas de aló menos sete Estados diferentes para poder entregarllas á Comisión Europea (CE) e levar adiante unha proposta lexislativa cidadá no Parlamento Europeo que acabe coa competencia desleal e o dumping ao que se están vendo sometidas as persoas que traballan no sector transportista.
Lídia Senra considera fundamental unirse a esta campaña europea, tamén desde Galiza, para poñer fin á competencia desleal que supón para os camioneiros e camioneiras, tanto persoas asalariadas como autónomas, as condicións de case escravitude nas que as empresas de transporte contratan a persoas rumanas, filipinas, etc. O tema non é unha novidade para AGEe, pois Lídia Senra xa abordara a cuestión o ano pasado, rexistrando unha pregunta por escrito á Comisión Europea despois de reunirse con representantes das camioneiras e camioneiros autonómos na Galiza, con motivo do conflito que mantiveron con empresas como Celta ou Begano. Celta e Begano abriran a porta a introducir operadores que impoñen aos autonómos e autónomas e ás pequenas empresas unhas condicións tarifarias por debaixo dos custos reais, o que supón un nivel de precarización que lembra moitas características propias de escravitude e ameaza con eliminar moitos postos de traballo no sector.
Naquela pregunta, a eurodeputada denunciou que a aplicación no Estado español do Regulamento “Omnibus”, polo cal se liberalizan os servizos de transporte, permite que calquera operador poida acollerse á lexislación laboral do país de orixe da persoa traballadora, suprimindo a obriga, para os servizos de transporte, de cubrir os custos reais, o que equivale na práctica a legalizar o dumping no transporte por estrada.
Lídia Senra pedía que se adoptasen iniciativas que erradiquen o dumping en todos os Estados membros da UE e que se modifiquen as regras de competencia, permitindo ás asociacións e representantes das e dos transportistas que negocien unha taxa mínima por debaixo da cal ningún operador poida ofrecer os seus servizos.
Insistindo no tema, a raíz da nova campaña europea, a membro de AGEe declarou hoxe que “apoiamos agora por suposto, plenamente, a ICE, que pide unhas condicións xustas para as camioneiras e camioneiros e o fin do dumping” en toda a UE, defende a eurodeputada, que anima a toda a poboación a asinar a Iniciativa Cidadá Europea.
O obxectivo agora da ICE é acadar un transporte xusto en Europa e acabar coas prácticas empresariais inaceptables, que se traducen en prácticas de dumping social e salarial. “Pedimos á CE que garanta unha competencia leal nos distintos modos de transporte así como a igualdade de trato dos traballadores do sector, respectando o principio da igualdade de salario e condicións laborais, independentemente do país de orixe”, recolle.
Durante a Xornada de Estudo do GUE/NGL en Ámsterdam, Lídia Senra tamén se reuniu esta semana con Niek Stam, secretario xeral do FNV Harbour. Alí coñeceu a posición do sindicato sobre a automatización e uso da robótica para eliminar postos de traballo no porto de Rotterdam e todas as persoas asistentes comprobaron na visita como os avances tecnolóxicos están sendo utilizados polas empresas para eliminar as persoas e non para apoiar e mellorar as condicións laborais. Esta posición foi confirmada polo representante de Aduanas, Peer Willemse, quen asegurou que os postos de traballo están diminuíndo porque utilizan de maneira intelixente a tecnoloxía.
“O noso apoio a todas as traballadoras e a todos os traballadores portuarios na Galiza, na Holanda ou en calquera porto do mundo. A súa loita tamén ten que ser a nosa nas institucións, para manter e incrementar os postos de traballo, pola mellora das condicións laborais e para que se respecten os seus dereitos en materia de saúde laboral”, afirmou Lídia Senra.