- Cinco representantes de SOS Panadeira (Sanxenxo) entrevistaranse con Senra e responsábeis da Comisión Europea de Medioambiente
- Denunciar as ameazas de privatización e a sobreexplotación dos ecosistemas marítimos galegos, un obxectivo fundamental para AGEe
Bruxelas, 23 Febreiro 2016. Mañá, mércores 24 de febreiro, cinco representantes do colectivo SOS Panadeira acudirán ao Parlamento Europeo (PE) convidadas por AGEe para trasladar a situación que está a vivir a veciñanza de Sanxenxo en loita pola defensa das praias urbanas de A Iriña e A Panadeira, afectada polas ampliacións da entidade privada Real Club Náutico, vinculada ao empresario Pedro Campos Calvo Sotelo.
Durante a súa estancia en Bruxelas, SOS Panadeira manterá unha xuntanza ca eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, a fin de darlle seguimento á denuncia que xa lle trasladaron na xuntanza mantida o pasado mes de decembro en Sanxenxo.
O colectivo veciñal SOS Panadeira leva anos denunciando o emprego de fondos sociais europeos para financiar a ampliación dun negocio privado, o Real Club Náutico de Sanxenxo, a costa do deterioro irreversíbel de bens de carácter público e interese social, co consiguiente perxuício para as demais persoas.
Estas as obras e o aumento do número de barcos incrementarían ademais a contaminación destas praias provocando a perda da categoría “Bandeira azul”, ao considerarse incompatíbel que unha zona portuaria sexa considerada zona de baño. De avanzar este proxecto privado por riba do dereito da cidadanía ao desfrute dunha praia pública, algunhas voces alertan mesmo da posibilidade de que se remate dragando ámbalas dúas praias para dar calado aos barcos, o que suporía a desaparición total das mesmas.
Xunto a SOS Panadeira, o propio Concello de Sanxenxo, o Colexio Oficial de Biólogos e mesmo a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor amosaron a súa oposición a este proxecto que, ademais, incumple o Plan de Utilización de Espazos Portuarios de Sanxenxo e o Plan de Ordenación do Litoral de Galicia.
Tras o encontro con Lídia Senra, a eurodeputada de AGEe e as representantes de SOS Panadeira manterán unha xuntanza con integrantes da equipa de traballo do Comisario de Medio Ambiente, Asuntos Marítimos e Pesca, Karmenu Vella[1].
[1]Ámbalas duas xuntanzas serán na sala WIB02M003 (Parlamento Europeo, Bruxelas).