AGE en Europa
  • Inicio
  • Actualidade
  • Xornadas
  • Publicacións
  • Videos
  • Contacto
  • Inicio
  • /
  • ACTUALIDADE
  • /

Senra: “Xa non existe unha política agraria pública europea. As políticas agroalimentarias están privatizadas”

6 Abril, 2016 acordos comerciais, AGEe, agricultura, austeridade, benestar animal, bruxelas, Comisión Europea, contaminación, crise agrícola europea, crise de dereitos, leite, liberalización comercial, OMC, Organización Mundial do Comercio, PAC, soberanía alimentaria, sustentabilidade, transxénicos
060416_Debate estruturado agricultura GUE3-ac_2592x1944
Lídia Senra xunto á Presidenta do GUE/NGL, Gabi Zimer

 

  • O GUE/NGL desenvolveu hoxe un debate estruturado sobre políticas agroalimentarias impulsado pola eurodeputada de AGEe, Lídia Senra
  • Reivindicamos unha reforma fonda da PAC que corrixa a súa actual orientación neoliberal e que centre o papel social da alimentación

Bruxelas, 06 Abril 2016. O Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) desenvolveu na mañá de hoxe un debate estruturado sobre políticas alimentarias co obxectivo de realizar unha reflexión conxunta de cara a reforzar o traballo do grupo por unhas políticas agroalimentarias europeas con enfoque de esquerdas, en confrontación cas actuais políticas agrarias neoliberais defendidas dende a Unión Europea.

Esta sesión de traballo conxunto do grupo parlamentario foi solicitada pola eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, titular para o GUE/NGL na Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo.

Así, Senra agradeceu que se dera cabida no grupo a este debate específico ao tempo que lamentou que as formacións políticas de esquerda “non adoitan debater sobre políticas agrarias, quizais porque adoecen dunha visión corporativista do sector agroalimentario”. Fronte esta visión, reivindicou o potencial de transformación social inherente a este sector básico para a propia existencia da vida e encetou a súa intervención poñendo en valor o movemento internacional construído polo campesiñado nas últimas décadas, nomeadamente o activo papel de La Vía Campesina Internacional -movemento que agrupa a máis de 200 millóns de labregas e labregos e no que Lídia Senra participou activamente dende a súa constitución- na confrontación do capitalismo e os modelos neoliberais.

“A agricultura é alimentación, da que dependemos todas, pero tamén é medio ambiente, conservación da auga, paisaxe, ocupación do territorio, empregos directos e indirectos…” abondou dando conta da multidimensionalidade que implica a propia produción de alimentos.

Senra comezou contextualizando a actual crise agraria europea -que será obxecto de debate na sesión plenaria da vindeira semana en Estrasburgo-, analizando que ten a súa orixe “nas modificacións de orientación neoliberal aplicadas á Política Agraria Común (PAC) dende inicios dos anos noventa”. Estes cambios non fixeron senón avanzar nun proceso de desregulación do sector “encamiñado a favorecer un pequeno grupo de agronegocios con vocación exportadora, afondando nunha PAC que prioriza a exportación fronte ao papel interno da agricultura na UE”, unha PAC que, en definitiva, pensa nos alimentos non como unha necesidade básica para a vida, senón que só ve produtos cos que comercializar.

Este tipo de políticas agrarias, impulsadas baixo o manido mantra da panacea dos mercados internacionais, levaron a unha liberalización da agricultura, “cuxas graves consecuencias estamos vivíndoas nestes momentos”, e que conta cun exemplo claro do seu compoñente destrutivo na reforma da política leiteira europea, “sometida a unha situación de desregulación total na que as explotacións están nas mans das industrias”. Senra foi contundente: “privatizouse a política agraria, deixou de existir unha política agraria e leiteira pública”.

Esta privatización, lembrou, está tamén en liña cos acordos de libre comercio, “onde dende o sector tense repetido, e o tempo dá a razón, que as únicas beneficiadas son as grandes empresas e as perxudicadas as pequenas e medianas explotacións, tanto europeas como noutras rexións do mundo”. Baixo esta premisa, Senra alentou a “mirar con lupa cada acordo de libre comercio, porque non só están a atacar ao campesiñado en Europa, senón en todo o mundo”. “O campesiñado consciente e combativo non quere estes acordos, porque estes tratados son para uso e beneficio das corporacións, afastando aos labregos e labregas dos mercados locais e de proximidade”.

Tras esta primeira análise, a eurodeputada de AGEe enunciou as pautas que deberían integrar o “modelo agrario alternativo a defender dende as formacións políticas da esquerda europea”, unhas políticas “cuxa base debe ser o principio da soberanía alimentaria, é dicir, o dereito de todos os pobos do mundo a decidir as súas políticas agrarias e alimentarias tendo en conta a súa propia cultura alimentaria”.

En primeiro termo, “precisamos políticas e instrumentos de regulación da produción e dos mercados, son urxentes mecanismos que axusten a oferta á demanda. As políticas impostas ao sector lácteo son un exemplo a NON seguir”.

Cómpre avanzar nun modelo de produción “respectuoso co medio, cos postos de traballo, que resposte ás necesidades da sociedade”. Na actualidade “o tan mencionado modelo de produción europeo non existe”, sentenciou a eurodeputada galega, “é apenas unha consigna, unha proclama”. É “insostíbel” un modelo como o actual, “baseado en transxénicos e na importación de soia dos países do Sur minando a súa base alimentaria; un modelo que produce excedentes que arruínan ás pequenas e medianas explotacións europeas e ao mesmo tempo eliminan ao campesiñado de terceiros países”.

A esquerda, polo tanto, debe traballar por desenvolver un novo modelo no que hai que “atender á terra”. Senra alertou de que estamos nun momento no que “dende os poderes públicos e as políticas neoliberais estase tentando dirixir a terra agraria a fins que non son producir alimentos e estase a dar un perigosísimo avance do acaparamento de terras por parte de empresas transnacionais”. Neste punto, ilustrou, “por exemplo na Galiza, o meu País, onde se quere converter o noso territorio nunha mina”.

Estas políticas alternativas defendidas dende as formacións da esquerda europea deberán tamén “situar no centro da PAC a reivindicación do establecemento de prezos mínimos para os produtos agrarios”. Para a eurodeputada de AGEe, “do mesmo xeito que esiximos un salario mínimo ten que haber tamén garantía de prezos mínimos para as labregas e labregos, cunha xornada de traballo normal”. Asemade, as granxas deben de ter unha “talla humana”, son “as grandes explotacións integrantes do modelo agroindustrial as que están a provocar graves consecuencias para a saúde e o medioambiente, que ten un dos seus máximos expoñentes no cambio climático”, denunciou.

Lídia Senra aproximou o final da súa intervención reivindicando tamén “poñer fin á dependencia do campesiñado con respecto aos bancos e á tecnoloxía promovida polo modelo neoliberal”. A tecnoloxía debe ser empregada “para avanzar no modelo de produción agroecolóxico defendido pola Vía Campesina en todo o mundo, e non para facernos inda máis dependentes”.

“É imprescindíbel unha reforma fonda da Política Agraria Común”, concluíu, “necesitamos políticas agrarias que teñan como obxectivo garantir o dereito a unha alimentación de calidade e que despracen a actual visión economicista que o neoliberalismo se esforza por imprimir nos alimentos”.

 

060416_Debate estruturado agricultura GUE_2592x1944

anterior seguinte

Artigos relacionados

Lidia Senra no banco mais fedento do mundo con vistas ao vertedoiro de sogama

Lídia Senra: “Na Galiza urxe un modelo de xestión de residuos público 100%, descentralizado e baseado na redución, reciclaxe, reutilización e protección do medio ”

14 Maio, 2019
Comprobando o estado da contorna da Lanzada_2656x1494

Lídia Senra denuncia ante a CE a invasión de especies exóticas na Lanzada e as obras que danan as dunas

12 Abril, 2019
VdMRXGtM

Lídia Senra reclama na CE solucións para que unha muller poida acceder sen barreiras á súa casa en Abadín

9 Abril, 2019

Últimas novas

  • Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra
    Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito 26 Maio, 2019
  • Lidia Senra comprando no mercado de teo
    Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei” 25 Maio, 2019
  • Vista xeral_2592x1460
    Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade 24 Maio, 2019

Etiquetas

acordos comerciais actividades AGEe agricultura bruxelas Comisión Europea comité de emerxencia da Ría de Ferrol compromiso por europa contaminación crise agrícola europea crise de dereitos dereito a decidir dereitos humanos economía rural eleccions europeas emerxencia social En Marea estafa bancaria estafa financieira feminismo GUE/NGL leite liberalización liberalización comercial liberalización sector lácteo libre mercado Lidia Senra marisqueo mariñeiros mulleres OMC Organización Mundial do Comercio PAC Parlamento Europeo pensións pesca pesca artesanal pleno políticas públicas rural soberanía alimentaria sustentabilidade transxénicos UE Unión Europea

Calendario

Maio 2025
M T W T F S S
« Mai    
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031  
Aviso legal

Este sitio web utiliza cookies para dar unha mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das cookies mencionadas e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para obter máis información. .

ACEPTAR
Aviso de cookies