- O PE aprobou hoxe destinar 228.675€ do FSUE para apoiar medidas para afrontar as consecuencias da vaga de incendios de 2017 na Galiza
- Un medio rural labrego vivo, un sistema público de prevención e extinción e o fin do monocultivo do eucalipto, propostas de Senra
Estrasburgo, 30 de Maio de 2018. O Parlamento Europeo aprobou hoxe a mobilización de distintas partidas correspondentes ao denominado Fondo de Solidariedade da Unión Europea (FSUE), incluíndo 3.228.675€ para medidas relacionadas cas consecuencias da vaga de incendios que tivo lugar na Galiza en outubro de 2017, e que provocaron a morte de catro persoas, a destrucción de case 50.000 hectáreas e numerosos danos materiais.
A eurodeputada galega Lídia Senra, valorou positivamente esta medida en tanto que “supón un aporte”, mais lembrou que, segundo os datos proporcionados polo propio Estado Español na súa solicitude de fondos á UE, os danos directos totais están estimados en 129,1 millóns. De feito, os tres millóns e pico de euros aprobados hoxe constitúen unha cantidade significativamente inferior aos 120 millóns para prevención e 12 para reparación contemplados no plan de desenvolvemento rural 2014-2020 de Galiza, segundo a Comisión Europea informou a Senra en decembro de 2017 en resposta a unha pregunta rexistrada pola europarlamentaria. “Creo que nun día coma hoxe é importante non perder de vista estas outras referencias económicas porque referenda algo que vimos reiterando dende fai tempo, tanto cos incendios como con outras cuestións: a solución de fondo non son os parches, senón os verdadeiros compromisos para empregar os cartos no deseño e aplicación das medidas políticas axeitadas. Parécenos ben que agora se mobilicen 3 millóns, pero inda nos tería parecido mellor que se tiveran empregado eficazmente os 120 que se teñen que destinar a medidas de prevención”.
Como xa propuxo nos días inmediatamente posteriores aos incendios do 2017, a coordinadora do Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL) na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural voltou demandar hoxe dende Estrasburgo unha aposta contundente polas medidas de prevención, concretando como imprescindíbel “desenvolver medidas políticas que favorezan o mantemento e instalación de pequenas e medianas granxas familiares, un sistema público e permanente de prevención e loita contra os incendios que teña en conta os efectos do cambio climático e o fin do monocultivo de eucalipto e da súa expansión por terras agrarias”.
Daquela Senra tamén enviou unha carta urxente ao presidente da Comisión Europea, Jean Claude Juncker, na que denuciou “a falta de resolución e incompetencia total por parte das autoridades galegas e estatais”, advertindo que, unha vez máis, estaba a ser a poboación a que tivo que tentar salvar “coas súas propias mans” as súas fincas, casas, bens materiais e animais.
A continuación impulsou a recollida de varias ducias de sinaturas de eurodeputadas/os de distintos grupos políticos para secundar unha carta dirixida aos comisarios de Medio Ambiente e Agricultura da UE -Karmenu Vella e Phil Hogan- na que esixiu á UE a “urxente posta en marcha de políticas de revitalización do rural”.
A eurodeputada galega estivo tamén moi atenta aos movementos posteriores á vaga de lumes, e canda a deputada de En Marea no Congreso Alexandra Fernández e o deputado no Parlamento Galego Davide Rodríguez, denunciou en rolda de prensa o uso de diñeiro público para abrir pistas nos montes queimados “que ninguén pediu nin sabe para que son […], entrando nas fincas dos particulares sen pedir permiso”.
*Imaxe Ártabra21