- A Comisión de Agricultura do Parlamento aprobou hoxe un regulamento comunitario para a produción e etiquetaxe de alimentación ecolóxica
- A deputada galega considera “totalmente necesario” este regulamento pero chama a abordar con contundencia os relevantes puntos febles
Bruxelas, 22 de Novembro de 2017. A Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo (PE) aprobou hoxe unha proposta de regulamento do PE e o Consello Europeo a aplicar á produción ecolóxica e etiquetado de produtos ecolóxicos. No marco dun auxe exponencial do consumo deste tipo de alimentos nos países membro, e dunha cada vez maior concienciación por parte da cidadanía das repercusións que a alimentación ten na nosa saúde, a negociación interinstitucional deste texto a nivel comunitario presentou unha relevante complexidade que deu conta da multiplicidade de intereses económicos e políticos inherentes a este regulamento. Nestes últimos dous anos tiveron lugar até dezaoito xuntanzas PE-Comisión Europea-Consello Europeo para a súa elaboración.
Lídia Senra, responsábel na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural para o Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica- (GUE/NGL), saudou hoxe a aprobación deste informe ao constituír “un instrumento necesario para a certificación ecolóxica, ferramenta á súa vez imprescindíbel para poder identificar os produtos ecolóxicos nos mercados”.
Aliás, o texto recolleu tamén cuestións especificamente positivas, como a incorporación do denominado “material heteroxéneo”. Así, até o dagora para producir en ecolóxico había que empregar sementes ecolóxicas incorporadas a un rexistro controlado maiormente polas grandes multinacionais das sementes, ou ben iniciar un proceso de solicitude de excepción. “Ao incluír agora no regulamento europeo o recoñecemento ao material heteroxéneo, se se aplica correctamente, pode servir de apoio ás asociacións de mantemento e intercambio de sementes e, en xeral, contribuír a que a alimentación estea na man das persoas e non unicamente na das corporacións privadas”, explicou a eurodeputada galega.
Non obstante, advertiu, “non podemos obviar que este é un acordo de mínimos”, xa que “non resposta satisfactoriamente ás reivindicacións de fondo e necesidades reais das labregas e labregos que precisamente levan loitando varias décadas para defender e socializar a agricultura ecolóxica e a agroecoloxía; por iso non podiamos apoialo co noso voto e decidimos absternos”.
Nomeadamente, Senra criticou a clara intención deste informe de intensificar inda máis as dinámicas de comercialización mundial de alimentos ao redor do planeta, é dicir, someter á alimentación ecolóxica ás dinámicas comerciais neoliberais. “Para nós, a agricultura ecolóxica ten que ir máis aló, non pode entrar no comercio global de alimentos, senón basearse na produción de proximidade e de tempada. Até que punto podemos considerar como ecolóxico un alimento que presenta o forte impacto medioambiental derivado do seu traslado a milleiros de kilómetros de distancia? Esas dinámicas comerciais contradín o propio significado que implica a agricultura ecolóxica”.
Outro dos aspectos que impedían que este informe contase co voto positivo da eurodeputada galega foi o feito de que non recollese o establecemento de axudas para compensar as perdas das granxas ecolóxicas que se podan ver contaminadas involuntariamente, cuestión sobre a que Senra presentara emendas específicas a este informe. Aliás, este regulamento tamén adoece dunha excepcional permisividade con prácticas que distan moito de adscribirse aos preceptos de benestar animal que cabe supor á produción ecolóxica, tales como cortar o pico das aves ou a extracción de cornos.
En conclusión, “é importante que exista un apoio á produción ecolóxica por parte das institucións públicas, porque é unha posición que pode facernos avanzar cara unha transición no modelo que axude a afastarnos da actual agroindustrialización”, reflexionou Lídia Senra, “pero non podemos pechar os ollos diante da fortísima influencia das grandes multinacionais e dos gobernos neoliberais, que na súa obcecación por cooptar a toda costa todos os nichos de mercado, están dispostos a forzar a deturpación dos preceptos básicos da produción ecolóxica para sometela aos seus intereses”.
Conforme aos procedementos administrativos de regulamentación comunitaria, o informe aprobado hoxe na Comisión de Agricultura será sometido a votación en sesión plenaria do Parlamento Europeo, previsibelmente en abril de 2018.