- Hoxe a Comisión Europea respostou ás preguntas do PE en relación á incidencia e reaccións fronte ao virus do Zika en territorio europeo
- A eurodeputada de AGEe deu voz ao colectivo de médicos de pobos fumigados a través da lectura do informe publicado no mes de febreiro
Estrasburgo, 10 Marzo 2016. A primeira hora desta mañá o Parlamento Europeo debateu sobre o brote do virus Zika a través dunha pregunta oral que solicitaba afondar na relación entre Zika e microcefalia[1], consultando asemade á Comisión Europea -representada na Eurocámara a través do Comisario Jonathan Hill[2]-, cal é a situación actual do brote e a incidencia de microcefalia na UE, que tipo de controis van ser establecidos para que a poboación europea estea protexida do virus Zika e se están seguros de que os dez millóns de euros que a Unión Europea lle vai subministrar á grande industria farmacéutica para que investigue ao respecto é financiamento abondo.
A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, desbotou este enfoque eurocéntrico e economicista para sinalar que a expansión e circulación do Zika “temos que enmarcala na globalización e no cambio climático, aspectos que deberían ter sido tomados en conta á hora de abordar estas situacións”.
Así, quixo aproveitar a súa quenda de intervención para “dar voz a outras organizacións”, para o que procedeu á lectura no hemiciclo dunha selección de parágrafos extraídos do Informe de Médicos de Pueblos Fumigados sobre Dengue-Zika, microcefalia y fumigaciones masivas con venenos químicos : “A epidemia de Dengue no Brasil sostense de forma endémica na marxinalidade e miseria de millóns de persoas, sobre todo no noroeste brasileiro; agora súmase a circulación do virus Zika. Detéctase aumento de malformacións conxénitas de xeito moi chamativo sobre todo microcefalia en recén nacidos. O Ministerio de Saúde brasileiro vincúlao rapidamente co virus Zika inda que obvia que na zona na que viven os enfermos, aplican dende fai dazaoito meses un larvicida químico que produce malformacións en mosquitos e que este veleno, o piriproxifeno -vinculado á polémica transnacional Monsanto a través da súa relación ca empresa xaponesa Sumitomo Chemical–, o Estado aplícao na auga de consumo da poboación afectada. As epidemias previas de Zika non xeraron malformacións en recén nacidos malia ter afectado ao 75% da poboación dos países, tampouco en países como Colombia rexistran casos de microcefalia pero si moito Zika“.
Lídia Senra criticou que se estea “responsabilizando ás mulleres, dicíndolles que non queden embarazadas a modo de instrucións para frear o virus do Zika”. Antes de “lanzarse a vender un tratamento ou unha vacina”, proseguiu, “hai que ter ben claro cales son as consecuencias reais do Zika para saber o que hai que atacar”, xa que, por exemplo no Informe citado, “non está en absoluto probado que o Zika provoque microcefalia”, e actuar de xeito precipitado pode constituír “outra alarma xerada máis ben pensando no negocio farmacéutico que na saúde, como se ten denunciado xa ca Gripe A ou co virus do Papiloma Humano“. Senra chamou a atención tamén sobre a apreciación que realiza o Informe de Médicos de Pueblos Fumigados en relación ao piriproxifeno, porque “resulta canto menos chamativo que teña a característica de ser un inhibidor do crecemento”.
Para reaccionar contra o Zika, a eurodeputada de AGEe puxo en valor as medidas recollidas no informe elaborado polo persoal sanitario de pobos fumigados, avogando por estratexias de resposta baseadas na comunidade, con participación e mobilización social, “porque temos que ter presente que, unha vez máis, este risco sanitario está afectando precisamente aos sectores máis empobrecidos, que carecen dos servizos axeitados, polo que é importante garantir por exemplo as medidas de saneamento e o control da calidade das augas”. “Só deseñando respostas integrais que servan ademais para evitar novos casos poderase chegar ao fondo do problema”, analizou a eurodeputada de AGEe.
[1] Intervención do eurodeputado Giovanni La Via, presentando a pregunta oral.
[2] Intervención da Comisión Europea.
Intervención de Lídia Senra en sesión plenaria en relación ao virus Zika.