- Considera que a folga feminista do 8M foi un paso adiante grande e un toque de atención ás institucións para que poñan medidas concretas xa
- A eurodeputada reclama acabar xa coas resistencias que impiden que as mulleres participemos nas tomas de decisións en todos os ámbitos
Santiago, 09 de marzo de 2018. A eurodeputada galega Lídia Senra anunciou este venres que do 18 ao 22 de marzo participará en Nova York na 62ª Sesión da Comisión da Condición Xurídica e Social das Mulleres da Organización das Nacións Unidas (ONU). A europarlamentaria asistirá a este foro, adicado a abordar o empoderamento das mulleres e nenas do mundo rural, e participará en diferentes actividades, entre elas, nun evento organizado polo Parlamento Europeo en calidade de co-relatora do informe elaborado na Eurocámara sobre as condicións das mulleres no mundo rural no marco da UE e que foi aprobado polo pleno en abril do ano pasado.
Senra compareceu onte en rolda de prensa en Santiago de Compostela, para facer este anuncio, acompañada pola feminista e socióloga ecuatoriana Irene León, directora da Fundación de Estudios, Accións e Participación Social (FEAPS) de Ecuador. Senra destacou catro grandes eixos a defender en Nova York: A necesidade do mantemento dos servizos públicos no mundo rural, que permitan o acceso en igualdade das nenas e mozas á escola e á formación e aos servizos de saúde, incluída a saúde sexual e reprodutiva; tamén a necesidade do acceso das mulleres aos servizos públicos no medio rural, acceso á auga, ás sementes, e necesidade de avanzar nunha “lexislación que nos equipare e recoñeza os nosos dereitos como labregas”, dixo. Neste sentido, reclamou “que se recoñeza que polo menos o 50% dos ingresos das explotacións agrarias familiar nos corresponden ás mulleres, algo que non está recoñecido nin a UE nin a nivel mundial”. “Son moitas veces as mulleres as que traballan en solitario nas fincas agrarias e sen embargo despois son os homes os que dispoñen dos ingresos dese traballo”, denunciou.
Tamén avanzou que pedirá a protección das mulleres labregas fronte “ás transnacionais que ocupan o noso territorio, que ocupan as nosas terras, e que moitas veces exercen unha forte violencia contra as comunidades, con especial repercusión negativa nas mulleres”. E por último reivindicará a loita contra a industria que contamina, que nos fumiga, que dana as nosas augas e que nos expulsa ás mulleres dos mercados de proximidade locais e destrúe o noso medio de vida”. “Todo isto poñeremos enriba da mesa neste foro en Nova York e en todos os que teña ocasión de participar”, afirmou.
Así mesmo, Lídia Senra aproveitou a rolda de prensa de hoxe para parabenizar ao movemento feminista e ás mulleres que pararon este 8 de marzo e que levan moito tempo mobilizándose e onte encheron as rúas de Galiza e do resto do Estado español “para desmostrarlle á sociedade que estamos fartas e que xa está ben de que os dereitos da metade da humanidade, os dereitos das mulleres, non sexan respectados e ao mesmo nivel que os dereitos dos homes”. “O día de onte foi moi importante e é un paso adiante, moi grande, podemos falar dun antes e un despois do 8 de marzo do 2018”, dixo. A eurodeputada considera que a folga feminista é “un toque de atención ás institucións que dunha vez por todas teñen que poñer en marcha medidas concretas para que se respecten os nosos dereitos e concretar as reivindicacións que nos levaron onte ás rúas e ao paro”. Considera que tamén é “unha chamada de atención a partidos políticos, sindicatos e organizacións mixtas, para que dunha vez por todas acaben coas resistencias que impiden que as mulleres participemos nas tomas de decisións en todos os ámbitos de traballo”.
Tamén deu os parabens ao grupo de 24 galegas que esta semana participaron no Foro Internacional Feminismo sen Fronteiras que organizou o Grupo Parlamentario Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) en Bruxelas. “Alí tamén se sentiu a forza da reivindicación e do feminismo e das organizacións feministas do noso país”, dixo.
Pola súa banda, Irene León, de quen Senra destacou o seu gran traballo para apoiar ás mulleres labregas, e que foi unha das relatoras do Foro Feminista no Parlamento Europeo, tachou tamén de mobilización histórica a rexistrada este 8M no mundo enteiro e asegurou que o Estado español e a Galiza foron “o epicentro” das mobilizacións. “Onte as mulleres saimos á rúa e dixemos que o patriarcado deriva nunha mala distribución dos coidados, na disparidade salarial, en que gañamos menos por facer as mesmas funcións, etc. Onte fíxose evidente a través do testemuño das mulleres na folga, as situacións ás que nos leva o dominio patriarcal que xera tamén violencia, opresión sexual, etc no mundo enteiro.
Irene León destacou tamén como moi imporante ter presenza de mulleres en instancias internacionais como é o Parlamento Europeo e considerou “moi interesante” o Foro Feminista desta semana en Bruxelas e a participación que terá Lídia agora en Nova York. “ A situación das mulleres rurais é importantísima para o mundo enteiro porque estamos nun momento de crise do capitalismo e parte desa crise está tamén na crise alimentaria. A crise alimentaria, así como a dos coidados, é unha crise de redistribución. As mulleres traballan moito, producen moitos alimentos, pero están moi mal distribuidos no mundo enteiro”, explicou. “Todo o que se desperdicia no consumismo sería suficiente para alimentar a todo o mundo e quen está poñendo isto en evidencia son as mulleres rurais. O consumismo é un problema. A verdadeira fonte de alimentación ven da pequena agricultura e das mulleres rurais, non da empresa transnacional e nunha instancia como a ONU é moi importante que vaia alguén como Lídia Senra a subliñar isto”, zanxou.