AGE en Europa
  • Inicio
  • Actualidade
  • Xornadas
  • Publicacións
  • Videos
  • Contacto
  • Inicio
  • /
  • ACTUALIDADE
  • /

Senra denuncia que os orzamentos da UE apoian a lóxica capitalista de concentración da riqueza

14 Marzo, 2018 concentración da riqueza, Fondos Europeos

 

  • Advirte que os fondos europeos teñen sido empregados en moitas ocasións precisamente para desmantelar os tecidos produtivos locais
  • Acusa á UE de empregar orzamento público para devastar a articulación económica dos países e preparar o terreo para os grandes capitais

 Estrasburgo, 14 de Marzo de 2018. O Parlamento Europeo aprobou hoxe un informe no que avanza as súas primeiras recomendacións para o Marco Financieiro Plurianual (MFP) da UE a aplicar a partir do ano 2020, e un segundo texto no que aborda posíbeis modificacións do actual sistema de obtención de recursos propios. A eurodeputada galega do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), Lídia Senra, que precisamente a pasada fin de semana coordinou en Santiago de Compostela unha xornada informativa sobre fondos europeos, abstívose na votación destes informes. “Estamos en contra de que se reduzan os orzamentos públicos, xa que son imprescindíbeis para desenvolver políticas públicas fortes. Pero tampouco podemos votar a favor do xeito no que se están a empregar estes cartos. Estamos en contra de cuestións recollidas expresamente no texto, como o aumento do gasto militar e, en xeral, botamos en falta unha reflexión de fondo sobre a orientación do orzamento comunitario”, abondou.

Se ben por exemplo o texto do informe sobre o MFP presentado polo PE critica as carencias do orzamento 2014-2020, e argumenta apostar por un MFP 2021-2027 que defenda valores como a paz e a democracia, “realmente a proposta do PE non vai máis aló do discurso compracente, do que sabe que a sociedade europea quere escoitar, pero non muda a estrutura do marco nin garante cambios de modelo. Na práctica, os grandes intereses económicos seguen prevalecendo por riba dos dereitos humanos e sociais”. Así, os parámetros recollidos nos informes aprobados hoxe implican seguir na lóxica dun crecemento cada vez máis desequilibrado e desigual, que beneficia principalmente aos sectores financeiro e bancario e ás multinacionais, que están incrementando a súa marxe de beneficios á costa dos salarios das traballadoras e traballadores. “A proposta do Parlamento vai na liña de seguir  priorizando o capital privado fronte ao capital público para as inversións en infraestruturas ou a prestación de servizos básicos”, criticou Senra.

Durante o debate conxunto sobre o MFP e o sistema de recursos propios da Unión, previo á votación de ámbolos dous informes, Senra tamén lamentou que non se deixaran claras cuestións de fondo. “Hai que aclarar aspectos como que os países chamados “contribuíntes netos” son precisamente os máis beneficiados, e as persoas que tributan neles deberían saber que os seus impostos son empregados en seguir potenciando as multinacionais e reforzando a lóxica capitalista de concentración da riqueza da que é partícipe a UE”.

Lonxe da narrativa ca que se tenta a miúdo presentar á Unión Europea como un proxecto baseado nun mecanismo de solidariedade entre os Estados membro, a eurodeputada galega puxo o foco na conformación da UE como un axente político que fai uso de contrapartidas económicas para favorecer mudanzas que deterioran os tecidos produtivos favorecendo o control dos recursos por parte de grandes capitais. “Como xa vimos por exemplo na década dos ´80 e ´90 na Galiza, os fondos europeos non se destinan a acadar o desenvolvemento dos países da  periferia económica europea, senón que son empregados precisamente para desmantelar os seus sectores produtivos, como pasou no noso País coa financiación do cese anticipado das explotacións agrarias, desguace de barcos pesqueiros ou o desmantelamento da industria naval”.

A eurodeputada galega lamentou que, unha vez máis, a UE estea a dar pasos “na dirección contraria dos valores que di defender” e criticou duramente a clara contradición entre discurso e praxe das institucións comunitarias.  “Agora que o obxectivo de destruír os sectores produtivos están conqueridos din que xa estamos “desenvolvidos”, que ironía máis indignante sendo como somos tan conscientes de que a nosa mocidade ten que seguir emigrando para poder vivir…”.

anterior seguinte

Artigos relacionados

Lidia Senra, cos carteis contra o PEPP, no pleno do Parlamento Europeo hoxe

Lídia Senra vota contra o Produto Paneuropeo de Pensións Individuais: “É un insulto para a maioría social”

4 Abril, 2019
Plenary session - Minimum requirements for water reuse

A reutilización de augas no actual modelo industrial é un risco para as persoas e o medioambiente

12 Febreiro, 2019
150119_AngelaVallina-coordinadora do GUE-NGL en FEMM e Senra--

Temos que conseguir que os avances institucionais en materia de igualdade cheguen á vida real

15 Xaneiro, 2019

Últimas novas

  • Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra
    Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito 26 Maio, 2019
  • Lidia Senra comprando no mercado de teo
    Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei” 25 Maio, 2019
  • Vista xeral_2592x1460
    Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade 24 Maio, 2019

Etiquetas

acordos comerciais actividades AGEe agricultura bruxelas Comisión Europea comité de emerxencia da Ría de Ferrol compromiso por europa contaminación crise agrícola europea crise de dereitos dereito a decidir dereitos humanos economía rural eleccions europeas emerxencia social En Marea estafa bancaria estafa financieira feminismo GUE/NGL leite liberalización liberalización comercial liberalización sector lácteo libre mercado Lidia Senra marisqueo mariñeiros mulleres OMC Organización Mundial do Comercio PAC Parlamento Europeo pensións pesca pesca artesanal pleno políticas públicas rural soberanía alimentaria sustentabilidade transxénicos UE Unión Europea

Calendario

Maio 2025
M T W T F S S
« Mai    
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031  
Aviso legal

Este sitio web utiliza cookies para dar unha mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das cookies mencionadas e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para obter máis información. .

ACEPTAR
Aviso de cookies