- A eurodeputada denuncia a través dunha pregunta parlamentaria a cementación dun camiño medieval que dá acceso á fortaleza
- Senra visitou Monterrei no mes de xullo e comprometeuse a levar á UE o desleixo na conservación patrimonial desta comarca ourensá
Compostela, 03 de Agosto de 2018. Conforme ao avanzado o pasado 28 de xullo en rolda de prensa en Ourense, a eurodeputada do Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), Lídia Senra, vén de dirixirse á Comisión Europea (CE) para denunciar a situación de falta de protección na que se atopa un destacado exemplo do patrimonio cultural do noso país: o Castelo de Monterrei.
A través dunha pregunta parlamentaria dirixida á CE –adxunta-, Senra relata as deficiencias na conservación desta fortaleza do século XII declarada Monumento Nacional no ano 1931, actualmente catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC), e que a propia eurodeputada puido comprobar nunha visita ás instalacións do Castelo realizada o pasado 17 de xullo xunto ao deputado de En Marea no Parlamento Galego, Davide Rodríguez; Carmen Sola, concelleira de Veciños de Monterrei e Aurora Sola, da Plataforma en defensa do Castelo de Monterrei.
Na súa interpelación, Senra chama a atención sobre “a cobertura de las calzadas medievais por una capa de cemento” debido a obras nos accesos, e lembra que precisamente unha destas vías, o Camiño Real, forma parte da Vía da Prata, unha calzada romana que atravesaba de sur a norte parte da Península Ibérica e que inda a día de hoxe é a principal ruta do Camiño de Santiago dende o sur do Estado.
Apelando non só á designación do presente ano 2018 como Ano Europeo do Patrimonio Cultural polo Parlamento Europeo e o Consello, senón tamén ao Artigo 3 do Tratado da Unión Europea (TUE) que especifica a responsabilidade da UE de “velar pola conservación e desenrolo do patrimonio cultural europeo”, a galega alerta tamén de que a conversión do Castelo de Monterrei en Parador significa “privar este espazo dun uso para a poboación”.
A través desta comunicación directa ca Comisión Europea, Lídia Senra, ao tempo que pon en coñecemento do ente comunitario algúns dos aspectos deficitarios na preservación deste ben patrimonial da comarca de Monterrei, pregunta á CE se contempla desenvolver algún tipo de actuación para que as institucións galegas activen as medidas precisas para garantir a correcta conservación deste monumento, así coma o seu desfrute público.