- Durante o debate de preparación Senra reivindicou que se aborde no vindeiro Consello Europeo a crise de emprego no sector agrícola
- Os sectores hortofrutícola, porcino e leiteiro están a pasar por unha situación crítica debido ao fracaso da Política Agraria Común (PAC)
Estrasburgo, 09 Marzo 2016. Na mañá de hoxe tivo lugar durante o pleno do Parlamento Europeo en Estrasburgo[1] o debate[2] de preparación da reunión do Consello Europeo dos vindeiros 17 e 18 de marzo, no que se abordarán temas como a débeda, economías emerxentes, volatilidade nos mercados ou a situación do emprego a nivel da UE, entre outros.
A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, titular para o Grupo da Esquerda Verde Nordica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL) na Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo, interpelou aos representantes do Consello e a Comisión presentes na Eurocámara para sinalarlles que a vindeira semana, cando aborden a situación do emprego na Unión Europea, “deben lembrarse da crise do sector agrícola europeo, crise que nestes momentos ten na picota a sectores como froitas e hortalizas, porcino ou leite”.
A continuación, Senra retomou a grave situación do sector leiteiro dirixíndose directamente á Comisión Europea: “a incapacidade do Comisario Hogan para atopar solucións á crise leiteira europea pon de manifesto o fracaso das súas políticas”.
Xa a principios de semana, durante a xuntanza extraordinaria da Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo que tivo lugar o luns pola noite, a eurodeputada galega visibilizou unha forte crítica ao proceder da Comisión, “benvido ao mundo real” -espetou ao Comisario de Agricultura Phil Hogan logo de que este intervira recoñecendo a existencia da crise no sector leiteiro europeo[3]-, “cando van estar dispostos a admitir que se equivocaron aprobando a actual PAC e cando explorarán vías que conleven a regulamentación da produción e do mercado?”, insistiu a eurodeputada galega.
Senra retomou esta crítica tamén hoxe no hemiciclo, “no vindeiro Consello, volten á vida real e abran as portas á regulación da produción no sector leiteiro”, alentou, xa que “non só conta o emprego que se constrúe, senón tamén o que se destrúe”.
“Teñan en conta a situación do sector agrario e paren esta sangría para contribuír á creación de emprego e dun mundo rural vivo en Europa”, concluíu a eurodeputada de AGEe.