- Onte debateuse en sesión plenaria a situación do Programa de Doha de cara á X Conferencia Ministerial da Organización Mundial do Comercio (OMC)
- A loita contra a OMC é un dos obxectivos principais da loita labrega global organizada na Vía Campesina Internacional
strasburgo, 24 Novembro 2015. Dende onte e até o vindeiro xoves, o Parlamento Europeo está en sesión plenaria en Estrasburgo [ORDE DO DÍA]. Na xornada do luns, o primeiro dos temas a debater foi a Situación do Programa de Doha con miras á décima Conferencia Ministerial da Organización Mundial do Comercio (OMC).
A loita contra a OMC é un dos obxectivos fundamentais do movemento internacional agrario La Vía Campesina Internacional (LVC) -e das súas organizacións aliadas-, onde a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, participou activamente nestes últimos vinte anos a través do Sindicato Labrego Galego, organización integrada nesta estrutura labrega global dende a súa fundación.
Para Senra, o obxectivo que a UE está a procurar a través da décima Conferencia da OMC é “avanzar para acabar cas escasas políticas que inda protexen os sistemas alimentarios nalgúns países”.
E concorda co especificado na resolución sometida a debate, que sinala que a reforma da Política Agraria Común (PAC) representa a contribución da Unión Europea ás expectativas da Ronda de Doha, xa que, efectivamente “iso é así dende as reformas de principios dos noventa, e como resultado temos o feito de que milleiros de explotacións campesiñas desapareceron en toda a UE, crises cada vez máis frecuentes nos nosos sectores produtivos, expulsión do campesiñado dos mercados locais e prezos de ruína en orixe”.
A OMC é claramente “un instrumento das multinacionais”, que impoñen normas a través desta institución internacional “para concentrar inda máis a riqueza en mans de cada vez menos, é unha institución totalmente deslexitimada; e, ademais, ten mortes detrás”, recalcou a eurodeputada galega en alusión ao labrego coreano integrante da LVC Lee Kyun Hae, que acabou ca súa vida nunha das mobilizacións contra a OMC no ano 2003.
Unha cuestión tan sensíbel como é a alimentación mundial, “non é considerada a día de hoxe un ben social”, denunciou Senra, “senón que déixase nas mans dos grandes agronegocios e permítese a especulación, impedindo que cada vez máis persoas podan alimentarse correctamente”.
Fronte a este modelo capitalista neoliberal identificado na OMC, a deputada de AGEe solicitou hoxe ao Parlamento Europeo e ás institucións comunitarias “que poñan fin á OMC”, dando prioridade a políticas “que permitan un verdadeiro desenvolvemento sostíbel en todos os pobos do mundo, que priorice a produción de alimentos para os mercados locais e de proximidade, e que permita acabar ca fame e a desnutrición”.
Aliás, en resposta á intervención da Comisaria de Comercio, Cecilia Malmström, que valorou como un éxito a Conferencia Ministerial de Bali (2013), Senra foi contundente, “o ‘éxito’ da OMC é a costa das persoas máis débiles: o campesiñado e as clases populares” e, a pesar do expresado por algunhas das deputadas e deputados no hemiciclo, “a realidade é que canto máis aumenta o libre comercio, máis pobres hai e máis se concentra a riqueza en mans dun poucos”. “A resposta á fame e á pobreza é a Soberanía Alimentaria e non a OMC, nin os tratados de libre comercio”, sentenciou Lídia Senra onte na Eurocamara.
Intervención da eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) no debate en sesión plenaria sobre a Organización Mundial do Comercio.