- Continuando co debate encetado na audiencia pública que tivo lugar onte[1], esta mañá abordouse no pleno do PE solucións á crise do leite
- O 77% das explotacións galegas venden por embaixo de custos. No último trimestre do 2015 máis de 900 víronse obrigadas a pechar.
Bruxelas, 26 Maio 2016. Continuando co diálogo institucional para adoptar medidas cas que afrontar a crise no sector lácteo europeo, esta mañá avanzouse no debate en sesión plenaria partindo de dúas preguntas orais[2] nas que se cuestiona ao Consello e Comisión polas medias postas en marcha até o momento.
Fronte á intervención do Comisario de Agricultura Phil Hogan apuntando a necesidade de máis organización no sector produtor, a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, respostou con contundencia: “Señor Hogan, é mentira que a crise sexa responsabilidade dos gandeiros e gandeiras. A crise do sector leiteiro provocárona as institucións europeas e son elas quen teñen que pór as solucións.”
Senra tamén interpelou directamente ao Presidente en funcións do Consello, Hans Hoogeveen, quen na súa intervención asumíu o fracaso do paquete lácteo, se ben avogou por reforzar a flexibilidade de actuación dos Estados membro, derivando cara eles parte da responsabilidade na solución. “Sr. Hoogeveen, non é certo que a crise do sector leiteiro a vaian resolver os Estados. A crise do sector leiteiro é europea e precisa respostas europeas”, retrucou a eurodeputada galega. “Máis axudas de Estado para resolver esta crise significa condenar ás gandeiras e gandeiros dos Estados do Sur, dos Estados da periferia empobrecidos e intervidos pola Troika”, afondou. “Hai solucións políticas, so depende da vontade política”.
Unha vez máis, a eurodeputada galega aproveitou a súa intervención na Eurocámara para reiterar que, para solventar a actual situación de crise, que está a provocar que na Galiza un 77% das explotacións leiteiras vendan o leite por embaixo do que lles custa producilo, precisamos que a Unión Europea asuma a necesidade de aplicar “unha redución obrigatoria da produción, reequilibrar oferta e demanda, redistribuír a produción entre as produtoras e produtores da UE, garantir prezos que cubran os custos de produción, apostar por modelos de produción sustentábeis e reorientar a produción cara o mercado interno”.
“Crises como esta son consecuencia do abandono das políticas públicas e poñen de manifesto que o mercado internacional é un espellismo que foi empregado para condenar ás produtoras e produtores de leite e deixalos totalmente vulnerábeis nas mans da industria e da distribución”, concluíu Senra.
[1]Información sobre a audiencia específica relativa ao sector leiteiro organizada onte pola Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo: ageuropa.gal/instamos-a-union-europea-a-tomar-medidas-publicas-e-obrigatorias-de-axuste-da-producion-lactea/
[2]Pregunta dirixida á Comisión: http://www.europarl.europa.eu/sides/getDoc.do?pubRef=-//EP//TEXT+OQ+O-2016-000069+0+DOC+XML+V0//PT
Pregunta dirixida ao Consello: http://www.europarl.europa.eu/sides/getDoc.do?pubRef=-//EP//TEXT+OQ+O-2016-000068+0+DOC+XML+V0//PT
Intervención de Lídia Senra na Sesión Plenaria do Parlamento Europeo en relación á proposta de medidas para facer fronte á crise provocada polo fin do control público da produción.