- A CE analiza a interpretación xurídica dalgunhas “Novas Técnicas de Reprodución” para valorar a posibilidade de excluílas da lexislación sobre OXM’s
- A laxitude na regulamentación sobre organismos transxénicos na Unión Europea, unha esixencia dos EEUU para asinar o ACTI/TTIP
Bruxelas, 09 Decembro 2015. Na última sesión da Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo presentouse a través dunha audiencia de “expertos” a posibilidade de que algunhas das Novas Técnicas de Reprodución (NTR) de alimentos nas que a Comisión Europea está traballando[1], podan ser consideradas NTR e non OXM[2] dende o punto de vista xurídico e, polo tanto, non ter que ser sometidas a unha regulación que se percibe máis esixente.
Trátase, polo tanto, da interpretación dun texto xa existente, a Directiva Europea 2001/18/EC, polo que, segundo explicou a representante da Dirección Xeral para a Saúde e a Seguridade Alimentaria, a Comisión non terá que abrir ningún proceso de codecisión canda o Parlamento, ao non haber nova normativa. A Comisión prevé convocar “un grupo de expertos, ó Parlamento e ás partes interesadas” en febreiro do vindeiro ano.
“O movemento labrego internacional leva xa máis de vinte anos funcionando colectivamente, e non é a primeira vez que vemos como pretenden presentarnos a alimentación transxénica como se non o fora, ou poñer trabas á súa identificación”, lembrou a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) e titular na Comisión de Agricultura para o Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL), Lídia Senra. “Non podemos permitir que nos poñan organismos xeneticamente modificados nos nosos pratos sen nin sequera respectar o noso dereito a sabelo e a poder elixir”, argumenta a eurodeputada galega.
De avanzar esta estratexia impulsada polo lobby pro OXM’s[3] e algúns Estados membro[4] , “se xuridicamente non se considera como transxénico un organismo modificado xeneticamente, este pode pasar a ser producido, distribuído, empregado e/ou consumido na Unión Europea sen verse sometido ao control da lexislación comunitaria”, moito máis estrita que noutros territorios como, por exemplo, os EEUU.
E é precisamente esta falta de similitude entre EEUU e a UE na regulación dun aspecto tan sensíbel como o dos OXM’s, o que está a supor un dos puntos problemáticos na negociación de tratados de libre comercio como o TTIP (Transatlantic Trade and Investment Partnership/Asociación Transatlántica de Comercio e Inversión), polo que Lídia Senra non desbota “a posibilidade de que precisamente a Comisión Europea estea a tantear a opción de rebaixar os controis sobre transxénicos para facilitar as negociacións e posterior aprobación deste tratado”.
Por outra banda, a intención da Comisión de avanzar nunha alimentación deseñada polas grandes corporacións en substitución da propia Natureza, avogando polo desenvolvemento de novas técnicas de produción de alimentos en lugar de apoiar a agricultura labrega, “ten ademais o interese engadido de ampliar o mercado de patentes cas que se enriquecen as grandes multinacionais da alimentación; en detrimento do campesiñado, do intercambio de sementes e do traballo e a loita por desenvolvermos unha agricultura agroecolóxica que proporcione elementos sans e de calidade á poboación, avanzando ao mesmo tempo cara a consecución da soberanía alimentaria para os pobos, que é o único xeito de non estar sometidas ás corporacións internacionais para poder comer”, sentenciou a eurodeputada galega.
Vídeo da intervención de Lídia Senra pinchando aquí
Máis vídeos de intervencións na Comisión Europea pinchando aquí e aquí
Enlace á sesión completa pinchando aquí
NOTAS:
2. Baséanse nunha interpretación particular da Directiva Europea 2001/18/EC, segundo a cal, dende o punto de vista do lobby das NTR, estas novas técnicas ben poderían ter sido desenvolvidas pola propia Natureza, inda que nunca teña sucedido nin haxa previsión de que suceda.
3. Un dos principais responsabeis de impulsar esta revisión da interpretación lexislativa por parte da Comisión Europea é o lobby pro transxénicos albergado na NBT Platform, con sede en Bruxelas. Este grupo de presión recoñece que o seu principal obxectivo é conseguir que as NTR non sexan rexidas por leis sobre transxénicos, especificando a folla de ruta da súa interesada incidencia político-económica nos seus documentos. O presidente deste grupo de presión, Edwin Hecker, foi uns dos encarregados de trasladar a súa análise nesta audiencia realizada pola Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo.