AGE en Europa
  • Inicio
  • Actualidade
  • Xornadas
  • Publicacións
  • Videos
  • Contacto
  • Inicio
  • /
  • ACTUALIDADE
  • /

Sector pesqueiro e persoal técnico denuncia en Ferrol a morte das rías e as desfeitas ambientais no mar

4 Xuño, 2016 Comisión Europea, comité de emerxencia da Ría de Ferrol, contaminación, dereitos humanos, emerxencia social, Lidia Senra, mariñeiros, marisqueo, pesca, pesca artesanal, políticas públicas, soberanía alimentaria, sustentabilidade
Lidia Senra e Esther Leira
Lídia Senra e Esther Leira na apertura da xornada

 

  • Lídia Senra inaugura a xornada “A problemática da contaminación no medio mariño nas pescas e o marisqueo da UE”
  • A eurodeputada critica a “desfachatez” das Administracións á hora de incumprir normativas e leis para beneficiar ás grandes empresas

 

Ferrol, 4 xuño 2016. Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), foi este sábado a encargada de abrir en Ferrol a xornada “A problemática da contaminación do medio mariño nas pescas e o marisqueo da UE”, un evento organizado polo propio GUE/NGL e AGEe e que durante todo o día reúne no Centro Cultural Carvalho Calero (Ferrol) a representantes do sector da Galiza e do Estado español, así como persoas expertas na materia.

A eurodeputada aproveitou a súa intervención inicial para denunciar a “desfachatez”  coa que as diferentes Administracións saltan leis e normativas en materia ambiental para beneficio das grandes empresas. Un dos últimos casos máis claro: o de Reganosa, na propia Ría de Ferrol. Senra enmarcou esta xornada no ciclo de eventos deste tipo que desde o 2014 organiza AGEe co obxectivo de ser punto de encontro e de debate nos diferentes ámbitos nos que a organización política está a traballar no Parlamento Europeo, para coñecerse, poñer en común loitas e poder defendelas na institución comunitaria.

Na inauguración da xornada tamén interveu a actual concelleira de Medio Ambiente de Ferrol, María Esther Leira, quen afirmou que foi “o desleixo das Administracións o que trouxo os problemas derivados do saneamento moi tardío da Ría de Ferrol”. Leira defendeu que só haberá unha saída razoábel para salvar a pesca e o marisqueo da zona “se se lle pon freo á locomotora de acumulación do capital”. “Para iso estamos as e os responsábeis políticas/os e pedímosvos á sociedade que nos esixades que así o fagamos”, exclamou.

Na primeira mesa programada dentro da xornada, pola mañá, baixo o título “Radiografía xeral da situación medioambiental do noso mar”, tomaron a palabra Guillermo Díaz Agras, Xefe da Estación de Bioloxía Mariña da Graña; José Luis Rodríguez, Presidente da Asociación de Armadores de Artes Menores de Galicia (Asoar-Armega); e Isabel Maroño, Patroa Maior da Confraría de Ferrol.

Díaz Agras, que fixo un repaso polo excepcional patrimonio natural que existe na Galiza e nomeadamente na comarca de Ferrolterra, puxo a énfase da súa intervención en criticar a construción do porto exterior de Ferrol, que provocou o corte de renovación da auga da ría. “As Administracións están levando a cabo actuacións sen consenso ambiental que están afogando as rías galegas”, dixo. Neste sentido, aportou o dato de que a construción do porto exterior acabou con 16 especies naturais protexidas ou en perigo de extinción, e que a de Ferrol, xunto coa Ría do Burgo, na Coruña, “bate marcas mundiais en cantidade de metais pesados”. Para facerlle fronte a esta situación, o Xefe da Estación de Bioloxía Mariña da Graña apostou por ensinarlle ás nenas e nenos a realidade desde as escolas,  para que se poida tomar conciencia do problema da contaminación desde a infancia.

Na súa quenda de intervención, José Luis Rodríguez tamén atacou a “nefasta xestión política e desinterese con respecto ao litoral” que amosan a maioría das Administracións. “Sobra lexislación e sobran normativas para que se poidan aplicar medidas que protexan o medio. O problema é que son as propias Administracións quen as incumpren. Son elas, non os pescadores nin a cidadanía”, asegurou. O presidente de Asoar-Armega chamou a sancionar a quen incumpre a Lei: “Non se pode compensar a quen está contaminando impunemente e que salta a normativa como lle ven en gana”, dixo en referencia a grandes empresas. “É urxente e necesario cambiar o sistema de xestión ambiental xa”. Rodríguez lembrou o intento da Xunta de Galiza de “colar pola porta de atrás” o anteproxecto de Lei de Acuicultura intensiva, que suporía, dixo, “un auténtico destrozo ecolóxico, biolóxico, social e ambiental”.

Pola súa banda, Isabel Maroño, aportou algunhas cifras claves que demostran que a Ría de Ferrol “está morrendo a pasos”. No ano 2005 extraéronse máis de 250.000 quilos de marisco na ría de Ferrol; no ano 2015, foron 160.000 quilos. Se traducimos esta cifra en cantidade económica, a diferenza é de máis dun millón de euros menos. “A Consellería dinos, sen embargo, que este último ano foi fabuloso. Igual para eles non é nada esta diferenza, pero para a Confraría é demasiada cantidade de diñeiro”, explicou. A patroa maior pediu ás representantes políticas presentes na xornada que “non nos deixen na estacada e que leven as nosas peticións aos organismos nos que teñen presenza para que a Ría volva ser rica como era antigamente”.

A xornada continuará até as 19.30hrs. Tras a finalización da segunda mesa da mañá –A contaminación das rías galegas e as actuacións das institucións da UE-, a quenda de tarde dará comezo ás 16.00hrs. afondando na temática A economía azul no contexto da política da Unión Europea e mundial e a súa repercusión para o sector pesqueiro na Galiza. Concluiremos este encontro a través dunha mesa final de carácter esencialemente propositivo baixo o título  Facendo fronte á contaminación mariña para preservar os recursos pesqueiros. Algunhas experiencias dende o Estado español.

 

 

anterior seguinte

Artigos relacionados

Lidia Senra no banco mais fedento do mundo con vistas ao vertedoiro de sogama

Lídia Senra: “Na Galiza urxe un modelo de xestión de residuos público 100%, descentralizado e baseado na redución, reciclaxe, reutilización e protección do medio ”

14 Maio, 2019
Comprobando o estado da contorna da Lanzada_2656x1494

Lídia Senra denuncia ante a CE a invasión de especies exóticas na Lanzada e as obras que danan as dunas

12 Abril, 2019
VdMRXGtM

Lídia Senra reclama na CE solucións para que unha muller poida acceder sen barreiras á súa casa en Abadín

9 Abril, 2019

Últimas novas

  • Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra
    Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito 26 Maio, 2019
  • Lidia Senra comprando no mercado de teo
    Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei” 25 Maio, 2019
  • Vista xeral_2592x1460
    Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade 24 Maio, 2019

Etiquetas

acordos comerciais actividades AGEe agricultura bruxelas Comisión Europea comité de emerxencia da Ría de Ferrol compromiso por europa contaminación crise agrícola europea crise de dereitos dereito a decidir dereitos humanos economía rural eleccions europeas emerxencia social En Marea estafa bancaria estafa financieira feminismo GUE/NGL leite liberalización liberalización comercial liberalización sector lácteo libre mercado Lidia Senra marisqueo mariñeiros mulleres OMC Organización Mundial do Comercio PAC Parlamento Europeo pensións pesca pesca artesanal pleno políticas públicas rural soberanía alimentaria sustentabilidade transxénicos UE Unión Europea

Calendario

Maio 2025
M T W T F S S
« Mai    
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031  
Aviso legal

Este sitio web utiliza cookies para dar unha mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das cookies mencionadas e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para obter máis información. .

ACEPTAR
Aviso de cookies