- Lídia Senra e a Plataforma Mina Touro-O Pino Non demandan que o Parlamento Europeo abra expediente e membros da CE visiten a zona
- A eurodeputada respalda á veciñanza e insta a analizar as directivas da UE vulneradas na falta de restauración da vella explotación de cobre
Santiago, 30 de abril de 2017. Aurodeputada galega Lídia Senra, acompañada por Ana Parga e Maribel Cabana, membros da Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non, anunciaron este luns en rolda de prensa en Santiago a presentación por parte da citada Plataforma dunha petición que ven de ser rexistrada na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo. O obxectivo é que os entes comunitarios investiguen a vulneración de directivas europeas que supón a falta de restauración da antiga mina de cobre de Touro que estivo operativa entre 1973 e 1986 e o proxecto de nova mega explotación mineira de cobre a ceo aberto en Touro e O Pino.
A Plataforma Veciñal, arroupada por Lídia Senra, denuncia que trinta anos despois de cesar a actividade mineira en Touro por parte das empresas Sociedad Minera y Metalúrgica de Peñarroya e Río Tinto Patiño, os ríos que corren polas proximidades do antigo emprazamento da mina van totalmente contaminados e sofren continuos vertidos procedentes das balsas mineras e das escombreiras que hoxe se usan como vertedeiros de residuos sen aparente control. Na súa petición, a Plataforma Veciñal fíxolle chegar ao Parlamento Europeo varios vídeos e fotografías[1] que constatan que non se realizaron as actividades de restauración debidas para previr ou reducir na medida do posible os efectos adversos sobre o medio ambiente, en particular sobre as augas, o solo, a fauna, a flora, a saúde, a paisaxe eos riscos para as persoas derivados da xestión da actividade e dos residuos mineiros.
“Vemos pois, que poderiamos estar ante unha clara vulneración no Estado español da Directiva 2006/21/CE do Parlamento Europeo e do Consello de 15 de marzo de 2006 sobre a xestión dos residuos de industrias extractivas”, indican na petición, xa que “os vertidos desa actividade abandonada seguen na actualidade drenando e contaminando cara ao río Ulla, un dos maiores ríos de Galiza e que desemboca na ría de Arousa, unha das maiores rías en importancia de marisqueo na Galiza”, argumentan.
Dita situación, que continúa a producirse sen que nin por parte do Estado español nin por parte da Xunta nin por parte da empresa se tomen medidas, parece a todas luces non ser compatible coa Directiva da Auga 2000/60/CE nin coa Directiva 2004/35/CE do Parlamento Europeo e do Consello, de 21 de abril de 2004, sobre responsabilidade medioambiental en relación coa prevención e reparación de danos medioambientais.
Así mesmo, poñen en aviso ao Parlamento Euorpeo de que a maiores diso, agora está en periodo de tramitación un novo proxecto mineiro, tamén de explotación a ceo aberto de cobre, presentado pola empresa Cobre San Rafael SL, na mesma zona, sobre terreos dos concellos de Touro e O Pino. “Estaríamos falando de 689 hectáreas para extraer 267 millóns de toneladas de cobre durante 16 anos e medio, nuns terreos nos que actualmente o 70% deles son fincas agrícolas e forestais en activo, o que tería un impacto social e económico brutal, pois estamos falando ademais dunha zona pola que pasa o Camiño de Santiago, que vive do turismo, e que conta con importantes explotacións gandeiras e agrícolas que verían comprometido o seu futuro, ademais de afectar tamén a zonas de protección arqueolóxica”, din.
A Plataforma informa de que o proxecto recibiu 1.500 alegacións solicitando que se paralice a súa tramitación e que se denunciou en repetidas ocasións a realización de sondaxes en vías públicas por parte da empresa sen a súa correspondente autorización. “Tendo en conta as consecuencias que sigue traendo para o medio ambiente a antiga mina, comprenderá a Comisión de Peticións do Parlamento Euorpeo que o pánico na zona e en toda Galiza ao novo proxecto sexa brutal ante unha situación que parece non acorde á Directiva 2014/52/UE sobre a avaliación das repercusións de proxectos públicos e privados sobre o medio ambiente”, defenden. O proxecto afectaría ademais a áreas englobadas na Rede Natura, polo que podería estar ante unha vulneración da Directiva 92/43/CEE do Consello, de 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres e da Directiva 79/409/CEE do Consello, de 2 de abril de 1979, relativa á conservación das aves silvestres.
Por todo iso, co problema que sigue xerando a antiga mina e as carencias que implica o novo proxecto, solicítase que por parte da Comisión de Peticións Europea se estudie o proposto e se abra unha investigación para determinar se o Estado español, a Xunta, os Concelos afectados e as empresas poderían estar incorrendo na vulneración das normas de dereito europeo con respecto a esta contorna. Así mesmo, piden encarecidamente que membros da Comisión de Peticións e tamén responsables da Comisión Europea realicen unha visita á zona en persoa para que se lles poida amosar a aberrante situación e poidan comprobala cos seus propios ollos a maiores das investigacións que poidan realizar consultando ás diferentes institucións.
Lídia Senra asegurou que seguirá moi de preto a tramitación desta petición en Bruxelas e que fará todo o posible para que vaia adiante e se abra esa investigación tan necesaria. A eurodeputada leva presentado nos últimos meses varias iniciativas na Eurocámara e na CE encamiñada a denunciar a situación. De feito, ten intervido no pleno parlamentario europeo amosando fotografías e pedindo a paralización do proxecto novo e tamén ten presentado varias preguntas por escrito á Comisión Europea[2]. “Se se toma en serio a lexislación europea, as avaliacións de impacto ambiental deste proxecto non poderán ser positiva”, zanxou Lídia Senra.
[1] – Fotografía da balsa de Bama desbordada https://ageuropa.gal/wp-content/uploads/2018/04/Balsa-de-Bama-desbordada.jpg
– Vídeo do desbordamento da balsa mineira de Bama https://ageuropa.gal/wp-content/uploads/2018/04/DESBORDAMIENTO-DE-BALSA-MINERA.mp4
– Restos de sondaxes tiradas no monte https://ageuropa.gal/wp-content/uploads/2018/04/Restos-de-los-sondeos-tirados-en-el-monte.jpg
– Vertido na Fonte Díaz https://ageuropa.gal/wp-content/uploads/2018/04/Vertido-Fonte-Diaz-Mina-Touro.jpg
– Vertido no río Portapego https://ageuropa.gal/wp-content/uploads/2018/04/vertido-rio-Portapego-7-de-marzo-2018.mp4
[2] – Intervención de Lídia Senra no pleno do Parlamento Europeo en outubro do 2017 denunciando os vertidos en Touro e pregunta escrita á CE https://ageuropa.gal/lidia-senra-informa-a-ue-dun-posible-vertido-continuado-de-residuos-toxicos-na-antiga-mina-de-touro/
– Segunda pregunta escrita á CE presentada por Lídia Senra en febreiro do 2018 https://ageuropa.gal/lidia-senra-denuncia-ante-a-comision-europea-o-desbordamento-da-balsa-mineira-de-touro/
– Xornada organizada en Touro en xaneiro do 2018 por Lídia Senra en colaboración coa Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino non para debater sobre as consecuencias do proxecto mineiro https://ageuropa.gal/lidia-senra-chama-a-frear-o-proxecto-de-mega-mina-touro-o-pino-porque-vai-destruir-mais-que-beneficiar/