- A eurodeputada galega toma a palabra no último día do pleno da Eurocámara, no debate sobre casos de violación dos dereitos humanos
- Esixe que se reabran as denuncias contra soldados franceses e casos azuis por violacións a mulleres e menores na República Centroafricana
Estrasburgo, 19 xaneiro 2017. Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), tomou a palabra este xoves pola mañá no pleno do Parlamento Europeo, que se celebra en Estrasburgo, no debate sobre casos de violacións dos dereitos humanos, a democracia e o Estado de Dereito na República Centroafricana (RCA). “Os dereitos humanos das mulleres tamén son dereitos humanos”, advertiu a europarlamentaria galega, para reivindicar que tamén “o dereito das mulleres a non ser violadas é un dereito humano”. Neste sentido, Lídia Senra reclamou, ante as denuncias por violacións na República Centroafricana contra soldados franceses e cascos azuis (as Forzas da Paz das Nacións Unidas), que se poña fin á impunidade de calquera militar que sexa un “delincuente sexual”. “Queremos que se poña fin a estes delitos que desgraciadamente parecen estar moi lonxe de ser actos illados”, defendeu.
Senra amosou a súa “enorme preocupación” polo arquivo por parte das autoridades francesas de varias denuncias por violación contra soldados franceses na RCA “a pesar das abrumadoras evidencias aportadas por testemuñas e vítimas”. A este respecto, esixiu que se reabran estes expedientes, que ningunha queixa sexa arquivada, e que se leven a cabo investigacións independentes e transparentes de cara a esclarecer os motivos polos que se teñen arquivado as denuncias.
Lídia Senra considera imprescindible que se “saiba a verdade e que se faga xustiza en relación ás graves acusacións de abusos sexuais cometidos por soldados franceses no ámbito da operación Sangaris, así como por cascos azuis”. “A UE non será crible na defensa dos dereitos humanos mentres non sexa contundente e intransixente ante casos de violacións de mulleres e menores por parte de soldados en supostas misións de paz”, zanxou.