Estrasburgo, 18 de Xaneiro de 2018. No ano 2014, a posibilidade de prohibición da pesca con redes de deriva alertou ao sector pesqueiro artesanal do xeito. Lídia Senra, unha das responsábeis do Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) na Comisión de Pesca, realizou unha intervención en outubro de 2014 para chamar a atención ás eurodeputadas/os de dita Comisión sobre o carácter artesanal do xeito, propondo que o regulamento “non prohiba as artes de pesca artesanais e tradicionais”, e subliñando que esta arte emprega un tipo de rede “pequena, respectuosa e selectiva, que apenas produce capturas accidentais, con barcos de un ou dous tripulantes e da cal, na Galiza, dependen arredor dun milleiro de familias”.
Así mesmo, procedeu a rexistrar inmediatamente unha pregunta parlamentaria dirixida á Comisión Europea (CE) na que consultaba á CE pola súa opinión ao respecto da pertinencia de excluír o xeito desta prohibición. En xaneiro de 2015 o Comisario Vella confirmou na súa resposta que, se ben inicialmente a prohibición abranguía todas as redes de deriva, a CE estaba mantendo contactos para “debater a repercusión desta decisión”. Finalmente, grazas á mobilización do sector, no ano 2015 a Comisión Europea afirmou renunciar ao veto.
No obstante, a eurodeputada galega Lídia Senra, que ao longo destes anos foi seguindo moi de perto as negociacións do texto deste informe a través da súa participación Comisión de Pesca, considerou que esta posición non estaba a ficar suficientemente clara na proposta de regulamento de medidas técnicas que se veu negociando nos últimos meses, polo que en novembro de 2017 dirixiuse directamente ao Comisario de Pesca Karmenu Vella a través dunha carta, consultando: “pode a CE asegurar que na actual proposta e, máis especificamente, no Anexo VII relativo ás augas do sur, estase a protexer o emprego da rede de deriva coñecida como “xeito”?”
Na resposta trasladada a Senra o pasado 22 de decembro Vella argumentou que dado que a rede do xeito non supera o quilómetro de lonxitude, non se ve afectada pola prohibición de empregar redes de máis de 2,5km recollida na proposta de regulamento; sinalando que, ademais, na mesma tampouco figura a sardiña como unha das especies prohibidas para este tipo de arte. Non obstante “o comisario non contestou exactamente ao que lle estabamos preguntando, aludiu á lonxitude da rede e non á dimensión da malla en si”, reflexiona a eurodeputada galega.
Ademais, alerta, “no texto que se aprobou esta semana[1], no anexo VII, parte B, que afecta ás aguas suroccidentais, no vexo reflexada a rede do xeito”. Así, o feito de que non foran incorporadas nin as emendas presentadas nestes sentido pola propia Lídia Senra, nin a presentada por outro dos poñentes para incluír a especificación do uso de mallas de menos de 40mm para a pesca da sardiña, motivou que Senra se abstivera este martes na votación do informe pese a incorporar cuestións positivas -nomeadamente as emendas para garantir a prohibición da pesca con impulsos eléctricos-.
“Para nós a protección do xeito é unha cuestión fundamental, afecta directamente a máis dun milleiro de familias galegas, así como á economía de moitas das nosas vilas mariñeiras e pobos costeiros, ademais de constituír unha das nosas expresións tradicionais e formar parte da nosa cultura e identidade como pobo galego”, defendeu hoxe a eurodeputada dende Estrasburgo, onde está a finalizar a sesión plenaria da Eurocámara. “Por iso hoxe mesmo rexistramos unha nova pregunta parlamentaria á CE, para que manifeste dunha vez por todas se pode garantir que o xeito está protexido nesta proposta. Estamos dispostas a presionar todo o que sexa preciso, a preguntar cantas veces sexa necesario para aclarar a ambigüidade da posición da Comisión Europea ao respecto do xeito”.
Logo da aprobación da proposta de regulamento desta semana van dar inicio as negociacións tripartitas entre o Parlamento, a Comisión e o Consello para fixar un texto normativo definitivo, “é agora cando as persoas que temos a responsabilidade de defender nas institucións europeas os dereitos e intereses da Galiza temos que loitar para que as demandas do sector fiquen claramente incorporadas, para que logo non teñan que ser precisamente as propias persoas afectadas quenes teñan que empregar os seus esforzos en mobilizarse para defenderse fronte á UE. Este é o noso traballo, para iso estamos aquí”.
[1] Texto final da proposta de Regulamento sobre a conservación de los recursos pesqueiros e a protección dos ecosistemas mariños con medidas técnicas dispoñíbel neste enlace: http://www.europarl.europa.eu/sides/getDoc.do?pubRef=-//EP//TEXT+TA+P8-TA-2018-0003+0+DOC+XML+V0//PT