-
Lídia Senra comeza esta semana os actos públicos de reparto da publicación editada en colaboración con MODEPEN e a Coordinadora Estatal
-
A eurodeputada anima á mocidade a unirse á loita polas pensións públicas e dignas para evitar que se eliminen as conquistas sociais dos traballadores/as
Santiago, 19 de decembro de 2018. A eurodeputada galega Lídia Senra, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), comeza esta semana os actos públicos de presentación do libro ‘O futuro das pensións. Galiza, Estado español e Europa’1, que a levarán a visitar nos próximos meses diferentes localidades galegas. Concretamente, este xoves, 20 de decembro, ás 20:00 horas, no local de Lugonovo (Ronda da Muralla, 164), e este venres, 21 de decembro, ás 19:00 horas, no Salón de Pleno de Cangas (Rúa de Castelao, s/n), celebraranse as primeiras presentacións, nas que tamén intervirán, ademais da propia Lídia, a portavoz da Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións, Victoria Portas, e o economista, escritor e membro do Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas (MODEPEN), Xabier Pérez Davila.
A europarlamentaria anima a asistir aos actos de presentación a todas aquelas persoas interesadas en defender o dereito a ter unha vida digna. “A loita pola defensa dos sistemas públicos de pensións e por unhas pensións dignas non é unha loita que afecte só ás persoas maiores. Debe involucrarse nela toda a sociedade e tamén a xente nova, pois estamos a falar do presente e do futuro, de que as persoas non se vexan obrigadas a ter que instalarse na pobreza unha vez que se xubilan e rematan a súa vida laboral”, defende Lídia Senra.
A eurodeputada considera que “non podemos consentir que se aniquilen as conquistas sociais que foron froito da loita da clase traballadora. Falo de conquistas acadadas a base de moito esforzo e sacrificio persoal; falo de loitas que supuxeron represión, persecución, cárcere e mesmo a morte para moitas persoas e que posibilitaron que hoxe moitas e moitos de nós poidamos desfrutar deses dereitos. Por iso, non podemos permitir a volta atrás, debémosllelo a quen loitou antes que nós, e a nós mesmas e ás xeracións vindeiras. A defensa a día de hoxe dos sistemas públicos de pensións e dunhas pensións dignas ten que ser irrenunciable”.
Nos actos de presentación do libro, repartirase gratuitamente a edición impresa do mesmo a todas aquelas persoas que a queiran. A maiores dos actos desta semana en Lugo e en Cangas, ao longo dos meses de xaneiro e febreiro tamén está previsto que teñan lugar actos de presentación do libro en Pontevedra, Vigo, A Coruña, A Estrada ou Ferrol. No libro recóllense textos dunha quincena de expertos e expertas en seguridade social, materia laboral e xubilación e pensións de diferentes partes do Estado español e doutros países da UE, que participaron no pasado mes de setembro nunha xornada organizada pola propia Lídia Senra en Santiago de Compostela sobre esta cuestión2.
_________________________-
1A versión dixital do libro pódese consultar aquí:
2 Aquí información sobre a xornada que tivo lugar en setembro: