- A eurodeputada Lídia Senra abre a xornada ‘A futura PAC para as zonas de montaña’ que ten lugar todo o día no Salón de Actos do Concello de Laza
- Reclámase un medio rural sostible, dinámico e ordenado e que os pagos da Política Agraria Común se realicen en base ás persoas e non ás hectáreas
Laza, 12 de maio de 2018. A futura Política Agraria Común (PAC), prevista para o periodo 2021-2027, non será unha reforma da actual, senón unha “modernización e simplificación” e un “afondamento en máis do mesmo”, é dicir, un afondamento na desarticulación da vida dos agricultores e agricultoras e no sistema que hoxe empeora día a día as rendas labregas para beneficio das grandes empresas multinacionais. Así o asegurou este sábado pola mañá a eurodeputada Lídia Senra, na xornada ‘A futura PAC para as zonas de montaña’, que durante todo o día se desenvolveu no Salón de Actos da Casa do Concello de Laza (Ourense), organizada polo Grupo Parlamentario da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), ao que pertence.
Senra defendeu a necesidade de desenvolver “moito debate político e moita oposición” porque “os cartos que trae a PAC poden supoñer certo colchón de amortiguación para vivir, pero non resolven os problemas de fondo”. Así, avisou de que “se non discutimos agora e non fixamos posición e damos o debate sobre a PAC que se necesita para o rural galego e europeo, no 2021, cando entre en vigor, o único que nos quedará será lamentarnos, porque xa estará aprobada”. “É fundamental sacar á luz estes temas”, recalcou Senra, que explicou que este mércores próximo se votarán na Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo, en Bruxelas, 1.500 emendas á comunicación da CE titulada “O futuro dos alimentos e da agricultura”[1], o considerado documento de orientacións da futura PAC que establece os elementos sobre os que vai xirar o debate. A partir de aí, está previsto que a finais de maio ou principios de xuño a Comisión presente as súas propostas lexislativas e que probablemente no 2019 se aprobe a nova PAC que se aplicará a partir do 2021.
A europarlamentaria fixo un repaso en como a PAC se comezou a adaptar ás negociacións do mercado global para produtos agrícolas e como empezou a desaparecer a discusión sobre os prezos que ten que percibir un produtor ou produtora de alimentos. “E así se empezou a falar de axudas para compensar a caída de prezos, para enganarnos cun colchón fronte a uns prezos en orixe tremendamente baixos”. “Socialmente a percepción é que os cartos da PAC veñen todos para os labregos e labregas, cando a realidade é que estes cartos que pasan polos labregos e labregas realmente serven para que a industria alimentaria teña materia prima barata; co cal os cartos benefician sobre todo á grande industria”, denunciou Senra, quen defendeu como “fundamental” na política agraria que se volva retomar o debate sobre os prezos en orixe.
Así, Lídia Senra atacou que pouco a pouco se fora producindo a desregulación da produción e dos mercados e que co desemantelamento do sistema de cotas do leite o que se provocou foi que cada vez se produzan crises maiores e con máis frecuencia. En consecuencia, desapareceron explotacións, empeorou a vida dos labregos e labregas e as súas rendas e ingresos foron a menos. “Cremos que todos estes problemas deberían abordarse nunha reforma da PAC, e sen embargo, a todas estas cuestións nin lles tocan, senón que afondan máis nelas. A proposta da Comisión é para seguir como estamos”, recalcou.
Ademais, Senra alertou sobre a chamada bioeconomía que se está a impulsar, e que “non é máis que a economía da grande industria forestal pura e dura” e tamén criticou que o Partido Popular Europeo siga a día de hoxe “sen aceptar a titularidade compartida das explotacións”, afondando na discriminación das mulleres. Tamén explicou que as políticas agrarias globais continúan coa dinámica de beneficiar a produción para a exportación e lembrou a experiencia que viviu hai unhas semanas en Brasil, onde as macrogranxas se están preparando para grandes exportacións de carne de vacún á UE a través do acordo do Mercosur a prezos moi baixos. “Por moito que nos queiran vender que nós no mercado internacional gañamos posicións, non é certo, para nós será imposible competir con esas extensións e prezos”, zanxou.
Na mesma mesa coa que deu comezo a xornada, a economista Ana Rodríguez certificou que efectivamente non se prevén grandes modificacións na concepción da futura PAC e que os fondos diminuirán nun 5% como mínimo. Manteranse os dous pilares actuais, cunha financiación íntegra do 1º pilar, menos financiación comunitaria no 2º pilar; continuarán os pagos directos e reforzaranse as esixencias medioambientais e climáticas, que serán a referencia para outras prácticas voluntarias máis ambiciosas. Afondarase nos seguros como instrumento de estabilización de rendas e prevese que exista un maior uso e tamén dos instrumentos financeiros innovadores.
Xosé Ramón Cendán, membro da Executiva Nacional do Sindicato Labrego Galego (SLG), pola súa banda, asegurou que “non hai ningunha posibilidade de ter un mundo rural vivo se non hai agricultura, gandeiría e medio rural sostible, dinámico e ordenado” e denunciou que as políticas que se están levando a cabo aquí van xusto “no sentido contrario”. Así, defendeu que os pagos da PAC deberían realizarse en base ás persoas e non ao número das hectáreas e das terras, para que a maior parte dos cartos da PAC vaian destinados a establecer xente no rural. Cendán lamentou que a día de hoxe se sexa un dos países con menor superficie agraria de toda Europa e chamou a levar a cabo proxectos sen pensar unicamente nas axudas. “Debemos impulsar os nosos propios proxectos e necesariamente deberán pasar pola agroecoloxía e pola sostibilidade e por uns prezos que nos permitan vivir”, dixo.
O concelleiro por LugoNovo, Víctor Álvarez Arias, encargado de moderar o debate, asegurou que debemos ser conscientes de que na Galiza hai moito marxe para poder modificar ou intervir nas políticas agrarias europeas e chamou a atallar o “gran problema” ao que nos enfrontamos e que é o feito de estar “ante xente incompetente e con falta de interese por solucionar os problemas dos labregos e labregas” como é a conselleira de Medio Rural e o Goberno de Alberto Núñez Fiejóo.
A xornada continua até as 18:00 horas da tarde, con outras mesas nas que participan a responsable técnica de PAC do SLG María Fernández Granja; o director técnico da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (OVICA), Carlos Rodríguez Rodríguez; o membro da Plataforma Española de Pastoralismo e Gandeiría Extensiva Pedro M. Herrera; o gandeiro de Cimadevila Xosé Blanco Blanco; o deputado do Parlamento Galego e membro de Amarelante Sociedade Cooperativa Galega, Davide Rodríguez Estévez; Sonia Vidal Lamas, de Gandeiría Rodríguez Vidal; Román Cid Álvarez, presidente da Asociación Abellas Nais; Samuel Formoso Salgado, gandeiro de vacas de carne; Eloi Prieto, gandeiro de ovellas; e Jorge Lorenzo Vila, veciño de Laza.