AGE en Europa
  • Inicio
  • Actualidade
  • Xornadas
  • Publicacións
  • Videos
  • Contacto
  • Inicio
  • /
  • ACTUALIDADE
  • /

Persoas expertas no ámbito enerxético sinalan a necesidade urxente de mudar o actual modelo

23 Abril, 2016 alternativas enerxéticas, crise de dereitos, dereitos humanos, emerxencia social, liberalización sector lácteo, Lidia Senra, mercado único da enerxía, modelos alternativos, pobreza enerxética, políticas públicas, soberanía, sustentabilidade
Apertura_Xornada Enerxía A Estrada
Apertura xornada. Lídia Senra e Mar Casais

 

  • Lídia Senra abre a xornada ‘Presente e futuro enerxético de Galiza no contexto europeo’ organizada polo GUE/NGL e AGEe na Estrada
  • A eurodeputada denuncia que non é de recibo que as políticas neoliberais se preocupen tan pouco do impacto ambiental e social

 A Estrada, 23 abril 2016. Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), foi este sábado a encargada de abrir na Estrada a xornada Presente e futuro enerxético da Galiza no Contexto Europeo, un evento organizado polo propio GUE/NGL e AGEe e que durante toda a xornada reúne no Teatro Principal da Estrada a diferentes persoas técnicas expertas en enerxía, así como a representantes das diferentes cooperativas alternativas enerxéticas que hai a día de hoxe no Estado español[1].

Durante a presentación, Lídia Senra alertou de que un dos obxectivos do actual mandato do Parlamento Europeo é o Mercado Único da Enerxía, o que pon de manifesto “o interese do neoliberalismo en seguir avanzando cara a políticas que permitan beneficiar ás grandes empresas do sector enerxético, sen preocuparse nin do despilfarro nin do impacto negativo que o actual modelo enerxético ten no conxunto da cidadanía e no medio ambiente”.

A eurodeputada explicou que o obxectivo desta xornada é “abrir un debate que nos permita elaborar propostas e seguir avanzando en presentar iniciativas nos Parlamentos europeo, estatal e galego para continuar a loita social cara á transición enerxética e un novo modelo máis sostible”. En efecto, nas xornadas estiveron presentes tamén a deputada de En Marea no Parlamento do Estado español, Alexandra Fernández, e os deputados de AGE no Parlamento galego, Antón Sánchez e Juan Manuel Fajardo, ademais da voceira do Movemento Veciñal Estradense, Mar Blanco.

A deputada estatal Alexandra Fernández, que foi a encargada de presentar a primeira mesa da xornada, fixo fincapé na cada vez maior brecha entre os continuamente en aumento índices de consumo enerxéticos e a capacidade limitada dos recursos do planeta. Fronte a isto, “hai alternativas viables ou imos seguir como meros espectadores? Que medidas e alternativas reais se poden tomar para acabar coa pobreza enerxética en moitos fogares nun marco global e para facerlle fronte á cultura do petróleo?”, preguntouse. Para respostar a algunha destas preguntas estivo na mesa Xoán Doldán, profesor de Economía Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e vicepresidente de Véspera de Nada, e Miguel Pardellas, investigador da USC e membro de Verdegaia.

Doldán fixo unha intervención centrada en tombar certos mitos actuais, no sentido de que, asegurou, “Galiza non é unha potencia enerxética”, fronte ao que se fai crer desde certos ámbitos. “Non nos sobra enerxía, de feito, somos un país dependente enerxeticamente, pero iso á vez non nos impide que exportemos enerxía, parece un paradoxo, pero non o é, e ten que ver co actual sistema”, defendeu. Xoán Doldán explicou que os recursos enerxéticos de Galiza só cubren un terzo do consumo interno. Os dous terzos restantes cóbrense a base de importacións, non con recursos propios, para aquí facer o proceso de transformación. “Galiza exporta enerxía grazas ás importacións previas de recursos, da materia prima, de carbón, de gas, etc”. E nese círculo, un 31% de toda a enerxía que transformamos con recursos propios e importados vai destinada á exportación posterior.

Neste contexto, Doldán alertou de que é “urxente” cambiar o modelo enerxético e iso debe vir impulsado por unha transformación profunda das relacións sociais e económicas. “Reducir a dependencia enerxética galega é incompatible con manter  a capacidade exportadora de enerxía”, dixo, e avogou por unha necesaria democratización no acceso á enerxía e por avanzar no autoabastecemento de familias, aldeas, comunidades de veciños/as e explotacións agrarias. “Deberiamos usar os nosos recursos enerxéticos para solucionar os problemas da xente, non para obter beneficios. Necesitamos políticas ambiciosas e contundentes para conseguir reducir de forma drásticas as formas estragadoras actuais”, concluíu.

Pola súa banda, Miguel Pardellas definiu como “esgotado e depredador” o actual modelo enerxético. “Temos impactos ambientais e sociais brutais. A pobreza enerxética converteuse en algo que é unha emerxencia social. O modelo de consumo exponencial que temos sigue ano tras ano a pesar da crise económica, estamos nunha carreira cara a non se sabe onde”, alertou. Pardellas propuxo un novo modelo que reduza o seu impacto ambiental e social, que sexa de consumo decrecente e que aposte por unha resilencia crecente das comunidades para que poidan recuperarse das agresións continuas.

Así, o ecoloxista considerou que a transición enerxética debe artellarse ao redor de varias claves centradas en que “o pequeno é fermoso, a comunidade debe ser a base, a participación como medio e como fin, a educación na resiliencia participada, a necesidade de relocalizar o cotiá, reinventando a eficiencia tecnolóxica e contemplando as emocións”.

A esta primeira mesa seguen outras posteriores, que se prolongarán durante todo o día, nas que intervirán o encargado de monitorización das políticas de seguridade enerxética da UE no Observatori del Deute en la Globalització, Alfons Pérez; as doutoras en Economía Rosa Regueiro e Natalia Fabra; e membros de Goiener, Som Energía e Nosa Enerxía, as tres cooperativas enerxéticas alternativas que hai a día de hoxe no Estado español.

 

Doldán_Pardellas_Fernández
O MODELO ENERXÉTICO. VISIÓN GLOBAL DA SITUACIÓN ACTUAL. INSUSTENTABILIDADE E TRANSICIÓN ENERXÉTICA. Doldán, Pardellas e Fernández.

 

[1] Ver [NdP180416AGEe] Xornada  aberta de debate na Estrada: “Presente e futuro enerxético da Galiza no contexto europeo” e [NdP220416AGEe] Cómpre concienciarse do compoñente estratéxico intrínseco ao modelo enerxético e avanzar nas alternativas .

anterior seguinte

Artigos relacionados

Lidia Senra no banco mais fedento do mundo con vistas ao vertedoiro de sogama

Lídia Senra: “Na Galiza urxe un modelo de xestión de residuos público 100%, descentralizado e baseado na redución, reciclaxe, reutilización e protección do medio ”

14 Maio, 2019
Comprobando o estado da contorna da Lanzada_2656x1494

Lídia Senra denuncia ante a CE a invasión de especies exóticas na Lanzada e as obras que danan as dunas

12 Abril, 2019
VdMRXGtM

Lídia Senra reclama na CE solucións para que unha muller poida acceder sen barreiras á súa casa en Abadín

9 Abril, 2019

Últimas novas

  • Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra
    Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito 26 Maio, 2019
  • Lidia Senra comprando no mercado de teo
    Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei” 25 Maio, 2019
  • Vista xeral_2592x1460
    Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade 24 Maio, 2019

Etiquetas

acordos comerciais actividades AGEe agricultura bruxelas Comisión Europea comité de emerxencia da Ría de Ferrol compromiso por europa contaminación crise agrícola europea crise de dereitos dereito a decidir dereitos humanos economía rural eleccions europeas emerxencia social En Marea estafa bancaria estafa financieira feminismo GUE/NGL leite liberalización liberalización comercial liberalización sector lácteo libre mercado Lidia Senra marisqueo mariñeiros mulleres OMC Organización Mundial do Comercio PAC Parlamento Europeo pensións pesca pesca artesanal pleno políticas públicas rural soberanía alimentaria sustentabilidade transxénicos UE Unión Europea

Calendario

Maio 2025
M T W T F S S
« Mai    
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031  
Aviso legal

Este sitio web utiliza cookies para dar unha mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das cookies mencionadas e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para obter máis información. .

ACEPTAR
Aviso de cookies