- O PE debateu hoxe un informe sobre acuicultura industrial ao que presentaremos enmendas propostas dende o sector pesqueiro galego
- Lídia Senra lembrou a Carlos Iturgaiz (PP), autor do informe, que Galiza xa conseguiu en dúas ocasións facer fronte á acuicultura industrial
Bruxelas, 27 de Febreiro de 2018. A Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, onde a eurodeputada galega Lídia Senra participa en representación do Grupo da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica, debateu hoxe un proxecto de informe co que o Partido Popular europeo quere potenciar a industrialización da produción acuícola [ENCONTRO ÍNTEGRO].
“O primeiro que me veu á cabeza ao ler este informe, foron as grandes mobilizacións en Galiza lideradas pola plataforma social Galiza non se Vende, precisamente para combater o intento das multinacionais noreguesas de encher de piscifactorías a nosa costa”, encetou Senra dirixíndose directamente ao autor do informe, o eurodeputado do Partido Popular Carlos Iturgaiz. “En segundo lugar veume unha imaxe moito máis recente, de fai apenas un par de anos, cando a frota artesanal, de artes menores e de baixura de Galiza protagonizaron grandes mobilizacións que obrigaron á súa colega de partido e Conselleira do Mar, a Sra. Quintana, a retirar un proxecto de desenvolvemento da acuicultura industrial na Galiza precisamente porque se baseaba principalmente nos criterios do informe presentado por vostede hoxe”.
Aludindo ao título do texto presentado –Cara un sector europeo da acuicultura sostíbel e competitivo: situación actual e futuros desafíos, (2017/2118(INI)-, a eurodeputada galega chamou a atención sobre a total “incompatibilidade” existente entre os conceptos de “sostenibilidade” e “competitividade” tal e como está contemplado no informe. “A vostede preocúpalle moito acelerar a concesión de licencias e favorecer aos inversores, e eu creo que se o que realmente se pretende é a sostenibilidade é preciso que existan uns plazos que de verdade garantan a realización de avaliacións de impacto medioambiental serias e rigorosas, que aclaren cuestións como as consecuencias de introducir cebo industrial no mar. Vostede mesmo no seu informe fala do emprego de productos farmacolóxicos, é dicir, de produtos que van ir ao mar e que van impactar negativamente nos ecosistemas”.
Para Senra, un informe “serio” debería contemplar, entre outras consideracións, unha avaliación específica sobre o impacto nos postos de traballo xa existentes, a ter en consideración antes de proceder á tramitación de ningún tipo de licenza que avance na execución dun proxecto. “Sabe vostede por que se mobilizou o sector pesqueiro na Galiza no ano 2016 cando o PP quixo aplicar a Lei de Acuicultura?” -Interpelou dirixíndose directamente ao poñente do informe- “Unha das razóns para erguerse contra o impulso á acuicultura industrial proposta polo seu partido foi precisamente a destrución de máis postos de traballo dos que ía crear, ademais de por implicar entregar un recurso noso, de toda a sociedade galega, ás empresas multinacionais e aos grandes inversores. E por aí non imos pasar”, advertiu.
A través da súa participación na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo en representación do GUE/NGL, Lídia Senra anunciou hoxe que, unha vez máis en traballo directo co sector, presentará unha batería de emendas ao texto “que van dar para facer un informe totalmente diferente”, e que a deputada agarda sexan tomadas en consideración se realmente se quere ter en conta as propostas que se están a facer dende o sector pesqueiro galego, un dos máis importantes de toda a UE.