-
O autor do libro ‘Despertar del sueño tecnológico’ dará unha charla ás 10:00 horas na Facultade de Filosofía sobre o tráfico de datos e a súa propiedade
-
Ás 11:30h falará o profesor de Glasgow recoñecido a nivel mundial en econofísica, que abordará como planificar unha economía socialista real
Santiago, 03 de abril de 2019. A Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago (USC) acolle este sábado, 6 de abril, de 10:00 a 13:00 horas, a segunda e última parte das xornadas sobre A economía no século XXI organizadas pola eurodeputada Lídia Senra, en colaboración co economista e membro do Consello das Mareas Xabier Pérez Davila. Durante a mañá do sábado, terán lugar dúas interesantes charlas para completar o intercambio de información e debate xa iniciado na semana pasada sobre como a propiedade pública pode substituír á privada nos sectores clave da economía como son as finanzas, enerxía, terra, coidados ou datos.
Concretamente, ás 10:00 horas, comezará a charla do xornalista Ekaitz Cancela Rodríguez, baixo o título de ‘Os nosos datos, son propiedade común?’. Esta será unha grande oportunidade para poder escoitar na Galiza a este comunicador, colaborador habitual de medios como El Salto ou La Marea, que investiga as transformacións estruturais do capitalismo, as súas expresións culturais e a posición de Europa no mundo. O seu último libro Despertar del sueño tecnológico. Crónica sobre la derrota de la democracia frente al capital, ven á luz despois do El TTIP y sus efectos colaterales, publicado xa no 2016.
A partir das 11:30 horas, desenvolverase a charla do científico informático e economista, profesor e investigador na Universidade de Glasglow, Paul Cockshott. O seu relatorio xirará sobre como ‘Romper o consenso, planificación para unha economía socialista’ e será especialmente interesante esta oportunidade de poder escoitalo na Galiza, tendo en conta que estamos a falar dun referente mundial en teoría da planificación económica. É especialista en teoría do valor, econofísica e xunto do seu colega, o tamén economista, Allin Cottrell, é autor de Towards a New Socialism (1993), e en español, do libro Cibercomunismo. Planificación económica, computadoras y democracia, no que ademais de Cockshott e Cottrell participa o economista Maxi Nieto. “Paul Cockshott é, probablemente, a primeira autoridade mundial neste campo de investigación e é un dos economistas que se toman a serio a cuestión do socialismo no século XXI. É un luxo intelectual poder térmolo entre nós. A súa intervención contribuirá ao rexurdir do pensamento socialista na Galiza do século XXI”, valora Xabier Pérez Davila, que anima a todas as persoas a asistir ás charlas do sábado en Compostela.
Pola súa parte, a eurodeputada Lídia Senra fai fincapé na importancia de escoitar este tipo de relatos para axudarnos a entender que as alternativas ao neoliberalismo e ao capitalismo son posibles e defende avanzar cara a unha verdadeira economía ao servizo das persoas, non dos intereses dos mercados.