-
O Paraninfo da Universidade herculina acolle o 15 e 16 de marzo varios coloquios abertos ao público sobre a perda de dereitos e liberdades, con relatores/as que virán de Austria, Reino Unido, Andalucía, Euskadi e Galiza
-
No evento farase un retrato do neofascismo nos diferentes países, abordarase a criminalización social e o papel das redes e dos medios de comunicación na propagación dos discursos do odio, machismo e racismo
A Coruña, 07 de marzo de 2019. O Paraninfo da Universidade da Coruña converterase os próximos 15 e 16 de marzo en lugar de análise e debate sobre ‘O auxe do neofascismo e da extrema dereita en Europa’. Este é o título das xornadas nas que, durante dous días, se intentará realizar, a través de diferentes coloquios e relatorios, un retrato do que é a extrema dereita en Europa hoxe en día, afondando na preocupante situación de perda de dereitos e liberdades á que estamos asistindo en diferentes países. O evento, organizado pola eurodeputada Lídia Senra, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), en colaboración coa Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) e a propia Universidade da Coruña, está aberto á asistencia de todo o público interesado, sen necesidade de inscrición previa algunha.
Nas xornadas intervirán persoas chegadas de diferentes puntos de Europa, concretamente de Austria, Reino Unido, Andalucía, Euskadi e Galiza, expertas na materia, politólogas, xornalistas, avogadas, representantes de movementos sociais e sindicais, etc, co obxectivo de ser un punto de encontro no que analizar e debullar e denunciar o que está a acontecer na actualidade para poder artellar mellor alternativas que nos permitan frear esta tendencia. “Non podemos permitir que se continúen a dar pasos atrás nos avances sociais logrados con tantísimo esforzo e coa loita de moitos anos e moita xente”, defende Lídia Senra, quen denuncia que “a extrema dereita, o capitalismo e o patriarcado van a día de hoxe da man para intentar botar abaixo os dereitos e as liberdades conquistadas nas últimas décadas”. “Non o imos permitir, por iso, é necesario informarse e debater, saber o que significan e o que propoñen os grupos de extrema dereita que están avanzando en Europa e que temos tamén aquí no Estado español e na Galiza, e facerlles fronte para impedir a formación de Gobernos autoritarios e de extrema dereita que teñen como obxectivo quitarnos os dereitos ás mulleres, reformas laborais para aplicarlle á clase traballadora as medidas máis duras do neoliberalismo e políticas que vulneran os dereitos humanos”, denuncia a eurodeputada.
As xornadas comezarán o venres 15 de marzo, ás 17:00 horas, coa apertura das mesmas a cargo da propia eurodeputada Lídia Senra; de Fernando Souto Suárez, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña; e de Julio E. Abalde Alonso, reitor da Universidade da Coruña. Xa ás 17:30 horas, terá lugar o primeiro dos coloquios, no que se tratará de facer un ‘Retrato da extrema dereita en Europa’. Nel intervirán Gabriele Michalitsch, investigadora en Economía Política, Teorías Políticas e Economías Feministas no Departamento de Ciencias Políticas da Universidade de Viena; Pastora Filigrama, avogada defensora e especialista en dereitos humanos, membro do Sindicato Andaluz de Traballadores/as (SAT); e Sophia Siddiqui, membro do Institute of Race Relations (Reino Unido). Tras o debate, e para finalizar a xornada dese primeiro día, está programado a partir das 20:30 horas, un concerto acústico de Satxa e Samu Acaracán.
Xa o sábado, 16 de marzo, a xornada comezará ás 11:00 horas, cun coloquio sobre ‘O papel dos medios de comunicación e das redes sociais na divulgación e propagación da mensaxe da extrema dereita, do racismo e do machismo. Como facerlle fronte ás súas estratexias?’. Nel tomarán a palabra Juan Miguel Baquero, xornalista especializado en Memoria Histórica e Dereitos Humanos, colaborador de eldiario.es, autor de ‘El país de la desmemoria’, ‘Las huellas en la tierra’ e ‘Que fuera mi tierra’ sobre as fosas comúns do franquismo en Andalucía; Antón Losada, profesor titular de Ciencia Política da Universidade de Santiago de Compostela e politólogo; Natalia Monje, responsable de Comunicación de Ecos do Sur; e Claudia Morán, vogal da asociación Xornalistas Galegas. David Lombao, xornalista, director de Praza.gal, encargarase de presentar e moderar esta mesa.
Xa o sábado pola tarde, a partir das 16:00 horas, desenvolverase o coloquio sobre ‘Liberdades, dereitos civís e dereitos humanos en perigo na sociedade actual’. Nel participarán Edurne Goikoetxea, membro de Altsasu Gurasoak; Adama Sow, manteiro senegalés, que foi membro da Asociación Sen Papeis da Coruña; e Miguelanxo Malvido, sindicalista, membro da Executiva Confederal da CIG. David Soto, profesor na Facultade de Dereito da Universidade da Coruña, presentará e moderará este debate.
Ao redor das 18:30 horas, está previsto un recital poético; e a continuación será o peche da xornada, a cargo da eurodeputada Lídia Senra e de Irene Tomé Urresti, membro da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.