AGE en Europa
  • Inicio
  • Actualidade
  • Xornadas
  • Publicacións
  • Videos
  • Contacto
  • Inicio
  • /
  • ACTUALIDADE
  • /

O Estado español pode estar a vulnerar as directivas da UE sobre nenos e nenas vítimas de violencia machista e abusos

3 Maio, 2017 AGAMME, Comisión Europea, Estrela Gómez Viñas, GUE/NGL, Lidia Senra, menores, xustiza
  • A Comisión Europea detecta varias irregularidades na transposición á praxis xudicial española de varias normas internacionais 
  • A CE iniciará unha investigación e a deputada Lídia Senra reclama que se revise o “sesgo machista” co que se aplica boa parte da lexislación 

Estrela Gomez Vinhas intervindo na Comision de Peticions 030517

Bruxelas, 3 de maio de 2017. O Estado español podería estar a vulnerar a Directiva 2011/92/UE, relativa á loita contra os abusos sexuais e a explotación sexual dos menores e a pornografía infantil, e a Directiva 2012/29/UE, pola que se establecen normas mínimas sobre os dereitos, o apoio e a protección das vítimas de delitos. Así o asegurou este mércores pola tarde na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo a representante da Comisión Europea que estivo a analizar a queixa formulada por un grupo de asociacións no 2015 a este respecto.

A CE ven de darlle a razón ás peticionarias, asegurando que mentres a Directiva Europea impón aos Estados membros a obriga de protexer aos menores vítimas nas investigacións e nos procesos penais, a normativa española establece simplemente “posibilidade”, o que crea “unha fonte potencial de non conformidade”. A CE tamén observa que “podería haber unha posible aplicación indebida do interese superior do neno ou nena como unha consideración primordial, incluída a suposta aplicación  da Síndrome de Alienación Parental (SAP), a suposta falta de credibilidade da declaración do menor vítima e a suposta falta de asistencia psicolóxica ás menores vítimas sen o consentimento do pai e a nai”.

Neste sentido, e co obxectivo de clarificar a situación e tomar as medidas necesarias para corrixir estas posibles irregularidades, a CE vai iniciar un seguimento da situación no Estado español e enviará unha carta ás autoridades para solicitar todo tipo de información ao respecto. Co obxectivo de exercer unha maior presión, tamén a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo enviará unha carta ás autoridades españolas amosando a súa preocupación.

Estrela Gómez Viñas, coordinadora da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME), que foi unha das persoas que asinaron esta petición no 2015, trasladouse hoxe a Bruxelas para defender verbalmente a queixa contra o Estado español na Comisión de Peticións. Gómez Viñas amosou a súa satisfacción pola resposta da CE. “Para nós, como entidades que traballamos con casos moi delicados, é moi importante poder avanzar neste sentido, atopar unha vía para que se poña sobre a mesa e se investigue o que está pasando na xustiza española con estes casos. E fai falta certa celeridade porque son situacións moi complicadas as que atravesan nenos, nenas e as súas familias”, reclamou.

Na liña, a eurodeputada galega Lídia Senra, que estivo acompañando ás peticionarias durante todo o proceso desde que no 2015 presentaron a petición, tomou a palabra esta tarde na Comisión de Peticións para instar á CE e ao Parlamento Europeo a ir incluso máis alá e afondar en facer unha revisión crítica de como se están aplicando toda a normativa no Estado español en materia de igualdade, violencia e abuso sexual. “Moitas veces chegamos a esta situación de posibles vulneracións dos dereitos das vítimas e dos menores porque se está usando un sesgo machista na aplicación de toda esta lexislación”, asegurou a europarlamentaria. “É necesario abordar o SAP que se está empregando na xustiza española e tamén buscarlle unha solución á falta de persoal con formación suficiente para atender ás vítimas”, reclamou Senra.

Segundo datos aportados por Estrela Gómez Viñas durante a súa intervención, con cifras recollidas polo propio Consello de Europa, 1 de cada 4 nenas e 1 de cada 6 nenos sofre abuso sexual no Estado Español e no resto de países europeos. Polo menos o 80% destes nenos e nenas son agredidos no seo da súa familia. “O abuso sexual incestuoso é o delito máis invisible”, dixo, xa que se estima que só chega aos tribunais entre o 3 e o 5% dos casos e aínda así, esta “mínima parte de casos denunciados” atopan frecuentemente “barreiras que lle dificultan ás vítimas lograr unha xustiza efectiva”.

Gómez denunciou que os principios básicos que enuncia a Directiva Europea 2011/92 “foron insuficientemente traspostos á normativa española, o que se traduce en que a recollida da testemuña da vítima continúa caracterizándose pola súa opacidade (aínda que sexa gravada, a copia non adoita ser accesible ás partes), pola súa falta de adaptación ás características e necesidades da vítima, polo forte impacto que causa aos nenos e nenas e pola súa ineficacia”. “Os operadores xurídicos parten da presunción de falsidade da vítima, cando os instrumentos de avaliación da testemuña serven unicamente para verificar o relato. Isto, ligado á falta de formación para interpretar o relato e o comportamento do neno ou nena conduce demasiadas veces ao falso negativo”, denunciou. “Existe discriminación por xénero debido ao sesgo que atravesan os procedementos cando é a nai quen denuncia e o pai o acusado. A xustiza española utiliza a teoría misóxina e non aceptada cientificamente do suposto SAP, como base para ditar sentenzas e decidir sobre a vida de nenos e nenas vítimas. E utiliza a terapia da ameaza para coaccionalos coa fin de conseguir reprimir a resposta de rexeitamento cara a quen sinalan como agresor: cambio de custodia, ingreso en centro de menores, suspensión da comunicación coa nai, etc.”, dixo.

Tanto Estrela Gómez como Lídia Senra agardan que a Comisión faga o seu traballo para que o Estado español corrixa as deficiencias do sistema, en especial na atención a vítimas de abuso sexual no ámbito xudicial, facendo constar con claridade na normativa prazos de intervención, medidas para adaptar o procedemento ás necesidades de cada nena ou neno, perfís profesionais mínimos, características materiais e tecnolóxicas das salas de entrevista e das salas de espera. Tamén reclaman que se tomen as medidas oportunas para que deixe de ser posible a aplicación da suposto síndrome de alienación parental, tanto como base para refutar a validez da testemuña do neno ou nena como para a adopción de medidas en vía civil. E tamén que se regule o acceso das vítimas a atención psicolóxica independentemente de que o proxenitor acusado dea ou non o seu consentimento; e que se avalíe o funcionamento e coordinación dos organismos implicados, pois non se trata de conseguir un logro formal, senón de promover un cambio profundo na maneira de entender a investigación e enxuizamento do abuso sexual.

anterior seguinte

Artigos relacionados

Plenary session - Minimum requirements for water reuse

A reutilización de augas no actual modelo industrial é un risco para as persoas e o medioambiente

12 Febreiro, 2019
WEB_protmenores

Lídia Senra critica a demora do Estado e insta a cumprir inmediatamente as Directivas de protección da infancia

28 Xaneiro, 2019
SOS PANADEIRA_PETI 220119_1

O PE pedirá ás autoridades galegas información relativa á usurpación de espazo público por parte do RCNSX

22 Xaneiro, 2019

Últimas novas

  • Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra
    Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito 26 Maio, 2019
  • Lidia Senra comprando no mercado de teo
    Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei” 25 Maio, 2019
  • Vista xeral_2592x1460
    Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade 24 Maio, 2019

Etiquetas

acordos comerciais actividades AGEe agricultura bruxelas Comisión Europea comité de emerxencia da Ría de Ferrol compromiso por europa contaminación crise agrícola europea crise de dereitos dereito a decidir dereitos humanos economía rural eleccions europeas emerxencia social En Marea estafa bancaria estafa financieira feminismo GUE/NGL leite liberalización liberalización comercial liberalización sector lácteo libre mercado Lidia Senra marisqueo mariñeiros mulleres OMC Organización Mundial do Comercio PAC Parlamento Europeo pensións pesca pesca artesanal pleno políticas públicas rural soberanía alimentaria sustentabilidade transxénicos UE Unión Europea

Calendario

Maio 2025
M T W T F S S
« Mai    
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031  
Aviso legal

Este sitio web utiliza cookies para dar unha mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das cookies mencionadas e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para obter máis información. .

ACEPTAR
Aviso de cookies