- Senra esixe que os mecanismos de control e as investigacións científicas sexan independentes e públicas, e respectar o “principio de precaución”
- Monsanto rexeitou participar na audiencia desta mañá. O Parlamento Europeo reaccionou prohibíndolle a entrada aos seus “lobbistas”
Bruxelas, 11 de Outubro de 2017. Baixo o nome “Os papeis de Monsanto e o glifosato” tivo lugar hoxe unha sesión conxunta das Comisións de Medio Ambiente e de Agricultura do Parlamento Europeo para afondar na información relativa á manipulación de datos científicos por parte da multinacional Monsanto con respecto aos efectos canceríxenos do glifosato. Esta é a substancia base dun dos seus pesticidas máis vendidos no mundo, o Rondoup, que conta con licencia de comercialización na UE até decembro deste ano.
Os documentos desclasificados no marco dun proceso xudicial que está tendo lugar nos Estados Unidos evidenciaron que esta corporación das sementes transxénicas e dos pesticidas é sabedora dos efectos canceríxenos do glifosato dende fai décadas. A evidencia da manipulación de datos por parte da compañía é tal que mesmo rexeitou participar esta mañá nesta audiencia pública convocada para tratar o tema [1/2]. Esta negativa valeulle a prohibición da entrada dos seus “lobbistas” no Parlamento Europeo.
“Durante o debate desta mañá demostrouse que as grandes corporacións como a Monsanto teñen o poder que lle dan os cartos para crear dúbidas sobre evidencias científicas da perigosidade dun producto, como neste caso co glifosato”, lamentou Lídia Senra, representante do Grupo da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica na Comisión de Agricultura. Diante de inxerencias como a evidenciada no caso da transnacional Monsanto, a eurodeputada galega cuestionouse até que punto as institucións europeas están a respectar o denominado “principio de precaución”, unha posición que, esixiu, “tense que empregar sempre, tanto para autorizar a comercialización de novos produtos como para impedir a prolongación de autorizacións de produtos que xa están utilizándose”.
Sen embargo, agárdase que precisamente hoxe mesmo a Comisión Europea remita -cun retraso de tres meses con respecto á publicación na súa web– a súa posición oficial ao Parlamento con respecto á renovación do glifosato, a cal avoga por ampliar en dez anos o seu uso nos Estados membro; desoíndo tanto as discrepancias amosadas polo Parlamento e algúns Estados membro, como a iniciativa cidadá europea que xa foi asinada por máis dun millón de persoas, ou o propio escándalo dos papeis desclasificados da Monsanto.
Lídia Senra calificou esta actitude de “desprezo intolerábel” cara o Parlamento, e subliñou que precisamente o poder económico destas multinacionais, canda a connivencia institucional, “provoca que os procesos de decisión se dilaten e, mentras tanto, que a poboación sigamos sometida a axentes perigosos para a nosa saúde”.
Fronte a este tipo de situacións, Lídia Senra esixíu a posta en marcha de mecanismos de control e investigacións científicas “totalmente independentes e públicas” para avaliar os produtos que se está permitindo comercializar nos Estados membro. “Non pode ser que a avaliación que se está a facer nestes momentos estea baseada nos estudos que fan as propias empresas, que como tamén se demostrou no caso dos papeis da Monsanto, son estudos dos que se publica e se entrega unicamente o que lle interesa ás empresas, para deste xeito salvagardar os seus intereses económicos”, denunciou a eurodeputada galega.
Ao longo desta lexislatura Senra ven realizando un seguimento polo miúdo do percorrido que está a ter estratexia da multinacional Monsanto para conseguir que a UE amplíe a licencia do glifosato e lle permita seguir enriquecéndose ca venda de pesticidas nocivos para a saúde das persoas e do medio ambiente[1].
[1] [NdP160516]Lídia Senra insta ao estado español para que vote en contra de que a UE permita usar glifosato 9 anos máis ;