- A eurodeputada de AGEe amosa unha vez máis “todo o noso apoio á loita do pobo saharaui” tras lograr esta nova vitoria
- “Trátase dunha decisión histórica que pon de manifesto os acordos ilegais acadados entre Europa e Marrocos”, enfatiza
Bruxelas, 11 Decembro 2015. A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, valora “moi positivamente” a sentenza dictada onte polo Tribunal de Xustiza Europeo pola que se anula o Tratado de Libre Comercio UE-Marrocos debido á non exclusión do territorio do Sáhara Occidental.
Despois de coñecerse a sentenza, Senra amosou unha vez máis “todo o noso apoio á loita do pobo saharaui” e puxo a énfase en que se trata dunha “decisión histórica que pon de manifesto os acordos ilegais da UE con Marrocos”. Neste sentido, lembrou que tamén o Tribunal de Xustiza Europeo está tratando nestes momentos a posible ilegalidade en relación á pesca da UE no territorio do Sáhara Occidental e tamén a posible ilegalidade en relación ao etiquetado de produtos, procedementos iniciados pola Fronte Polisaria e por Western Sahara Campaign UK.
A decisión adoptada onte polo Tribunal de Xustiza Europeo, que marca un antes e un despois, afectará de forma positiva á loita do Sáhara Occidental pola autodeterminación e tamén ás relacións bilaterais entre a UE e Marrocos adoptadas sen ter en conta ao pobo saharaui. A sentenza do Tribunal de Xustiza da UE do 10 de decembro do 2015 ten unha importancia histórica xa que se trata da primeira vez que se anula un acordo internacional da UE con Marrocos por violar os dereitos do pobo saharaui.
No Tratado de Libre Comercio UE-Marrocos dábase vía libre a que os produtos agrícolas ou pesqueiros facturados no Sáhara Occidental puidesen ser considerados como produtos de Marrocos. Coa sentenza de onte, o Tribunal de Xustiza da UE recoñece que o Sahara Occidental non forma parte de Marrocos e considera que se a UE permite a importación de produtos obtidos dun terceiro país violando os dereitos fundamentais estaría incentivando indirectamente esas violacións de dereitos. Na propia sentenza, o Tribunal recolle que “non só ningún Estado recoñece que o Sahara Occidental forme parte das fronteiras marroquís, senón que ningunha instancia internacional lle deu un mandato para administrar o Sáhara Occidental”.
Neste sentido, o Tribunal afirma que o acordo de liberalización UE-Marrocos facilita a importación de productos do Sáhara Occidental, pero ese acordo non garante que esa actividade económica vaia beneficiar aos saharauis.
O antiguo Asesor Xurídico da ONU, Hans Corell, chegou a dicir que “sentía vergoña” de ser europeo, á luz dos acordos ilegais da UE con Marrocos.
Ante o paso histórico producido onte a nivel xudicial, Lídia Senra chama a “seguir pelexando para que se recoñezan os dereitos de todos os pobos do mundo, incluído o dereito a decidir”.