- Presumíbelmente, hoxe algunhas das partes asinarán un acordo en Madrid malia que non recolle as demandas do sector leiteiro galego
- Cómpre a fixación de instrumentos que garantan un prezo remunerador e que establezan o regulamento da produción
Bruxelas, 23 Setembro 2015. Hoxe escenifícase en Madrid, unha vez máis, un peche en falso da situación de inestabilidade na que a liberalización total do sector leiteiro, derivado do fin de sistema de cotas, ten sumido ao sector leiteiro galego.
Esta proposta de acordo “xurde xa eivada dende un primeiro momento”, valora a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda (AGEe), Lídia Senra, posto que o texto non recolle “demandas fundamentais como a fixación de instrumentos que garantan un prezo remunerador, que cubra custos e traballo”.
Aliás, a proposta do Ministerio de Agricultura novamente carece de responsabilidade e implicación institucional, ao non plantexar a implementación de políticas públicas para o sector que conleven a regulación da produción, un control necesario para que o exceso produtivo non arrastre os prezos á baixa. “Sen regulación da produción non hai futuro”, sentenciou a eurodeputada galega hoxe dende Bruxelas.
Para Senra, “aínda avanzando na aplicación dun modelo de redución de custos produtivos”, por exemplo reorientando a produción en base á terra minimizando a dependencia dos pensos, “se non existe a garantía dun prezo mínimo e un control e regulamento da produción, os produtores e produtoras seguirán percibindo prezos baixos, que é o que acontece cando un produto está fundamentalmente orientado á exportación.”