- No Día Europeo das Pequenas e Medianas Empresas, a candidata ás eleccións reclama unha UE na que se poña fin ao dumping social, económico e ambiental
- Amosa tamén todo o seu apoio ao colectivo de Enfermeiras Eventuais en Loita que hoxe teñen a #OPEnegra e exixe rematar coa precarización das traballadoras e traballadores do Sergas para poder ter unha sanidade púbica e de calidade
Melide, 12 de maio de 2019. A eurodeputada galega, Lídia Senra, candidata de En Marea:Compromiso por Europa ás eleccións europeas do 26 de maio, reivindicou hoxe en Melide que a prioridade orzamentaria da UE ten que ser a creación de emprego a través das pequenas e medianas empresas, fronte ás multinacionais. Así o dixo, coincidindo coa conmemoración do Día Europeo das Pemes, que se celebra este domingo.
En declaracións aos medios de comunicación na Festa do Melindre de Melide, Senra apostou por unha UE na que se impida a venda no mercado de produtos por debaixo dos costes de produción, na que se poña fin ao dumping social, económico e ambiental, na que se impida a deslocalización e na que se poñan enriba da mesa medidas para que as grandes empresas paguen os impostos que lle corresponden a nivel fiscal e arancelario.
“É fundamental a creación de emprego para o desenvolvemento do medio rural e neste sentido é prioritario que se blinden os servizos publicos e de calidade. Neste contexto, hoxe especialmente quero facer fincapé tamén e reivindicar que a sanidade pública é fundamental e que para que esa sanidade pública sexa de calidade, na Galiza, o Sergas non pode ter precarizadas ás súas traballadoras e traballadores. Todo o meu apoio á digna batalla que están a dar o colectivo de Enfermeiras Eventuais en Loita neste tamén Día da Enfermaría no que ademais se realizan as probas da #OPENegra. Reclamamos estabilidade laboral en todo o Sergas xa!”, defendeu Lídia Senra tamén.
Audio das declaracións de Lídia Senra PINCHANDO AQUÍ