AGE en Europa
  • Inicio
  • Actualidade
  • Xornadas
  • Publicacións
  • Videos
  • Contacto
  • Inicio
  • /
  • ACTUALIDADE
  • /

Lídia Senra reclama uns servizos públicos de calidade no rural como garantía para poder manter poboación

26 Maio, 2018 Boqueixón, GUE/NGL, Jorge Duarte, Lidia Senra, Mar Blanco Casais, rural, servizos públicos Vedra
  • A eurodeputada ve fundamental crear conciencia colectiva para dar o debate social e institucional que permita mudar o modelo e o investimento 
  • Denuncian deficiencias no acceso a internet e no transporte cos núcleos próximos, así como o recorte de Correos nos concellos de Vedra e Boqueixón

 Primeira-mesa-de-pola-maña-na-xornada-en-Vedra_2656x1494-768x432

 

Vedra, 26 de maio de 2018. A eurodeputada galega Lídia Senra reclamou este sábado uns servizos públicos de calidade como garantía para poder manter e fixar poboación nas zonas rurais da Galiza e lograr un rural vivo no que a xente poida residir nunhas condicións dignas. Fíxoo durante a primeira mesa da xornada “Acceso aos servizos básicos: Un dereito imprescindible para un rural vivo en Europa”, que se está a desenvolver durante todo o día na Casa da Cultura de Santa Cruz de Ribadulla (Vedra) organizada por ela mesma, como membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). No coloquio, no que participaron Senra, Roberto Castro Rocamonde, concelleiro Non Adscrito en Vedra, e María del Carmen Soutullo Carolo, concelleira da Agrupación de Veciñ@s de Boqueixón, abordouse e denunciouse a deficiente situación actual da maioria do rural galego e de Vedra e Boqueixón en particular en canto ao acceso que ten a cidadanía a servizos básicos como poden ser internet, o transporte público ou Correos.

Lídia Senra defendeu que en todo o rural galego hai dúas batallas fundamentais a dar: Unha é a batalla sobre a actividade económica, xa que “se non hai unha actividade agraria forte, o rural esmorece”; e outra son os servizos públicos porque “se non temos servizos públicos que nos permitan ter unha vida normal no medio rural, a poboación tamén marcha destas zonas”. “Son temas importantes aos que non se lle está prestando no debate político a importancia que teñen e temos que preocuparnos e moito desde as organizacións sociais e desde as institucións para solucionalo”, defendeu. Así, denunciou tamén o interese privatizador que impera actualmente, de pretender converter os servizos públicos nun negocio e vaticinou que se seguir así, o rural será o primeiro en pagar estas políticas privatizadoras. “O PP e o PSOE reformaron o artigo 135 a Constitución para priorizar o pago da débeda por riba do investimento, mesmo én detrimento dos servizos públicos básicos, e as consecuencias témolas enriba”, dixo.

Ante esta situación, a europarlamentaria chamou a articularse socialmente para que no rural, e nomeadamente en Vedra e Boqueixón, se tome conciencia colectiva para facerse escoitar nas institucións e dar o debate social. “Estase acabando cos servizos no rural á vez que están intentando converter o rural nos vertedoiros das cidades e estamos chegando a un nivel de contaminación impresionante. Só nas proximidades de Santiago, da capital galega, temos a antiga mina de Touro convertida nun basureiro contaminador de augas e solos; temos o vertedoiro de Miramontes, en Grixoa, na mesma situación; e ademais agora queren facer algo similar nunha antiga canteira de Teo. Isto hai que sacalo á luz, está oculto. Oco que hai, oco que están usando para esconder lixo e ademais residuos que se producen en moitos casos a centos de quilómetros”, denunciou.

Na mesma liña, María del Carmen Soutullo Carolo exixiu uns servizos públicos para evitar o abandono do rural e acabar co illamento das aldeas. “Se non miramos polo rural imos quedar sen centros médicos, sen escolas, sen centros de día, coa poboación envellecida que temos”, dixo. “Se o mundo rural sobrevive vivo é porque a súa xente está viva e queremos vivir no mundo rural, pero non illados ou como hai 50 anos, debemos fortalecer a presenza de mocidade no rural e de xente neorural. Fainos falta un transporte público de calidade como forma de chegar no rural aos servizos, que nos conecte. Tamén o acceso a internet é imprescindible para que as empresas se poidan asentar e os estudantes poidan ter acceso a nivel doméstico. Esa sería a forma de fixar poboación no rural, facendo presión entre todos e todas. Se o conseguimos, fixariamos poboación no rural. Se a xente ten unhas boas condicións de vida, si querería vivir nas aldeas”, zanxou.

Roberto Castro Rocamonde, criticou que a día de hoxe a xente da aldea “teñamos que defendernos como se foramos case unha reserva de indios” que ten un muro colocado que lle impide acceder aos servizos. Así, chamou a aceptar que o medio urbano e o rural teñen que ser permeables xa que o medio urbano dificilmente se vai soster sen o rural e polo tanto o rural terá que recibir unha serie de prestacións.

O concelleiro de Vedra considerou que os problemas que ten o rural son causados por unhas políticas feitas desde unha perspectiva puramente urbana. “O rural úsase como o receptor de pasivos do urbano, para instalar o que no urbano non interesa como poden ser os vertedoiros”, dixo. Así, reclamou cambiar o modelo e a perspectiva. “Dificilmente se pode cambiar nada no rural se continuamos mantendo esquemas e modelos do urbano. O empoderamento do rural é imprescindible, é posible o empoderamento enerxético, é posible a soberanía alimentaria, o rural é quen pode reportar os recursos ambientais. É imprescindible fluxos entre o urbano e o rural e unha ordenación do territorio e a territorialización dos recursos”, abondou.  Tamén reclamou “un modelo funcional de transporte público que permita a mobilización interna, deixarnos dos localismos, ir a un modelo máis integrador, que permita a mobilidade interna e conectar Vedra e Boqueixón con Compostela”.

O concelleiro de Santiago Jorge Duarte, na defensa dun transporte público rural para a comarca

O concelleiro de Santiago de Compostela responsable de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda, Mobilidade e Relacións Veciñais, Jorge Duarte, que participou na segunda mesa da mañá para abordar o plan de transporte para Compostela e comarca, defendeu os servizos como un dereito para todas as persoas. “Se non se aposta porque a xente poida vivir da agricultura ou dunha pequena industria ou da innovación ou o desenvolvemento no rural, se non se aposta por servizos, se desde a Administración púbica non se cre en manter a poboacion no rural e en apostar polo reequilibrio territorial, se non se inviste e se financian alternativas demográficas e servizos para que os que vivan no rural vivan con mais calidade de vida que nas cidades, se non se aposta por todo isto desde o modelo económico, o problema continuará. Hai que crer nun cambio de modelo que aposte por fixar poboación no rural e polo reequilibrio territorial. É un problema de país”, dixo.

Duarte, que foi presentado por Mar Blanco Casais, concelleira na Estrada polo Movemento Veciñal Estradense (MÓVETE), defendeu a necesidade dun transporte público rural para a comarca. “Non hai que valoralo, hai que facelo, porque é un dereito. Noutras comarcas e territorios está implantado e funciona. É unha cuestión de prioridades. O rural ten que ser unha aposta, ser máis que simples palabras. Vainos custar máis levar os servizos ao rural que á cidade, pero ou cres ou non cres que toda a veciñanza ten os mesmos dereitos. Non podemos pensar no que é máis caro ou barato, a igualdade para a xente ten que ser en todo”, defendeu. O concelleiro compostelán criticou que no Plan de Transporte de Galicia desde a Xunta non se está a facer nada nin hai coordinación. “Cando se prorizan os intereses das empresas por riba das persoas, é imposible ter nada bo. A Xunta non ten vontade política de rural vivo e así non imos a ningún lado. Desde os concellos temos que seguir reivindicando e mobilizando”.

Na sesión da tarde, a xornada continúa cun debate baixo o título de “O rural vivo é posible. Exemplos de interese na xestión de servizos básicos de concellos galegos e doutras partes de Europa”, no que intervirán o alcalde de Manzaneda, Félix Domínguez; María Ángeles López Agüera, directora do máster de Enerxías Renovables e Sustentabilidade Enerxéitca da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e deseñadora do Plan de Actuación de Enerxía Sustentable (PAES) do concello de Vedra; e Maja Gilbert, membro do Partido da Esquerda sueca e do Consello do Condado na rexión de Dalarma, en Suecia, onde está en marcha o proxecto Fibre to the Village, que estimula ás comunidades a establecer as súas propias redes de internet nos municipios. O profesor na Universidade de Vigo e xornada David Formoso moderará esta parte.

 

Lidia-Senra-na-xornada-en-Vedra_2720x1528-768x431
LIdia-Senra-entre-Roberto-Castro-e-Maria-del-Carmen-Soutullo-na-xornada-en-Vedra_2720x1528-768x431
Jorge-Duarte-e-Mar-Blanco-na-xornada-en-Vedra_1920x1080-768x432
anterior seguinte

Artigos relacionados

Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra

Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito

26 Maio, 2019
Lidia Senra comprando no mercado de teo

Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei”

25 Maio, 2019
Vista xeral_2592x1460

Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade

24 Maio, 2019

Últimas novas

  • Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra
    Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito 26 Maio, 2019
  • Lidia Senra comprando no mercado de teo
    Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei” 25 Maio, 2019
  • Vista xeral_2592x1460
    Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade 24 Maio, 2019

Etiquetas

acordos comerciais actividades AGEe agricultura bruxelas Comisión Europea comité de emerxencia da Ría de Ferrol compromiso por europa contaminación crise agrícola europea crise de dereitos dereito a decidir dereitos humanos economía rural eleccions europeas emerxencia social En Marea estafa bancaria estafa financieira feminismo GUE/NGL leite liberalización liberalización comercial liberalización sector lácteo libre mercado Lidia Senra marisqueo mariñeiros mulleres OMC Organización Mundial do Comercio PAC Parlamento Europeo pensións pesca pesca artesanal pleno políticas públicas rural soberanía alimentaria sustentabilidade transxénicos UE Unión Europea

Calendario

Maio 2025
M T W T F S S
« Mai    
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031  
Aviso legal

Este sitio web utiliza cookies para dar unha mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das cookies mencionadas e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para obter máis información. .

ACEPTAR
Aviso de cookies