- A eurodeputada galega chama a adoptar medidas efectivas contra a expansión desta árbore e alerta sobre as plantacións en terras agrarias
- Deu unha rolda de prensa en Pontevedra, acompañada por membros da Irmandade Illa de Tambo, Umia Vivo, A Forneiriña e Anova Terra
Pontevedra, 5 de maio de 2017. A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), reclama que a Comisión Europea (CE) inclúa o eucalipto na súa lista de especies exóticas invasoras preocupantes para a UE establecida no Regulamento 2016/1141 de conformidade co Regulamento 1143/2014 sobre a prevención e xestión da introdución e propagación das mesmas. Así o explicou a propia Senra, nunha rolda de prensa ofrecida este venres pola mañá en Pontevedra, acompañada polo membro de Anova Terra Claudio Quintillán e o presidente da Irmandade Illa de Tambo, Antón Costa.
Na súa comparecencia ante os medios, a europarlamentaria explicou que rexistrou un escrito dirixido á CE, no que critica que esta lista non inclúe a día de hoxe ao xénero dos eucaliptos, a pesar de que na Galiza, no 2016, esta especie ocupaba xa máis de 400.000 hectáreas, case a cuarta parte da superficie forestal galega, xerando graves problemas socioambientais.
A europarlamentaria lembra que os eucaliptos, debido ás súas substancias alelopáticas e a ser un monocultivo, converten os terreos en áreas con escasa biodiversidade. “As súas raíces absorben grandes cantidades de auga, impedindo a filtración de augas cara aos acuíferos, e secando regatos, fontes e demais. Ao ser prantas pirófitas, favorecen os incendios forestais; traen consigo pragas e enfermidades que provocan a aplicación de insecticidas e fungicidas; e tamén é frecuente a aplicación de glifosato para diminuír a carga do soutobosque”, explica Lídia Senra.
Tendo en conta ademais que a súa expansión provoca a desaparición de masas boscosas de elevado valor tanto ambiental como sociocultural ou patrimonial, Senra considera que hai razóns máis que suficientes para .que o eucalipto sexa declarado especie invasora na Galiza. Lembrándolle á CE que estas problemáticas xa teñen sido denunciadas pola FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura) e que o Consello de Europa debateu hai escasos meses para declaralo como tal, Senra pregúntalle á Comisión se se propón revisar a mencionada lista para incluír ao eucalipto. “Cal sería o proceso a seguir para incluír novas especies nesta lista?”, pregunta Lídia Senra. Nun prazo de entre 4 e 6 semanas, a Comisión Europea debería posicionarse por escrito ao respecto deste asunto.
Lídia Senra, ademais, fixo fincape en que actualmente tamén se está a debater no Consello de Europa (integrado por 47 Estados), concretamente no marco do Convenio de Berna, asinado en 1979, que se encarga especificamente de impulsar códigos de conducta para a conservación da vida silvestre e o medio natural, que o eucalipto sexa declarado especie invasora.
Pola súa banda, Claudio Quintillán cualificou de “problema serio” a proliferación de eucaliptos na nosa terra e a incidencia que teñen no territorio e explicou que por iso diferentes colectivos decidiron dar un paso adiante e facer todo o posible para que esta cuestión sexa abordada a nivel do Parlamento Galego, do Estado español, da UE e das Administracións locais. Non en van, o Colectivo pola defensa do patrimonio A Forneiriña, o Colectivo pol defensa do terriotrio AnovaTerra, a Asociación Irmandade Illa de Tambo e a Asociación Umia Vivo impulsaron un documento que xa está sendo tratado en numerosos concellos galegos en forma de moción municipal. Nel reclámase que os concellos soliciten ao Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño a inscrición do eucalipto no Catálogo de Especies Exóticas e Invasoras do Estado español;que se paralicen as novas plantacións desta especie, e que se elimine dos espazos sensibles, así como das terras agrarias e das proximidades de canles fluviais, entre outras medidas.
Na mesma liña, Antón Costa chamou a limitar a expansión do eucalito e alertou sobre o feito de que cando arde un monte, aos poucos meses está plagado desta especie. En terras agrarias, máis de 35.000 hectáreas hoxe en día están forestadas con eucalipto na Galiza. “Non fai falta máis que dar unha volta polo país para ver como se están plantando eucaliptos en terra agrícolas. Acabamos de aprobar unha resolución no Parlamento Europeo que aborda a preocupación da escasez de terras agrarias e os problemas que ten a xente nova para acceder ás terras e aquí estanse plantando eucaliptos nas terras agrarias, non pode ser”, insistiu Lídia Senra.
Para a europarlamentaria, o eucalipto é unha das causas máis importantes da perda de biodiversidade e ademais están a supoñer unha ameaza para o patrimonio arqueolóxico, sendo unha ameaza incluso en zonas de castros e gravados rupestres, denunciou. Neste sentido, Senra lembro a pregunta rexistrada hai xa meses tamén na CE atendendo a demanda do colectivo Mariña Patrimonio sobre este asunto. “Son moitísimas as razóns que hai para que isto se tome en serio e o eucalitp sexa declarado especie invasora”, insistiu Senra, quen aproveitou para facer unha chamada de atención ao Goberno do Estado español para que no Consello de Europa apoie que o eucalipto figure como especie invasora.
Na rolda de prensa, Quintillán tamén denunciou que o Goberno da Xunta da Galiza en realidade “non ten ningunha intención de mudar a situación”. “A Xunta está a deixar que ENCE marque a política forestal”, afirmou, para chamar a cambiar isto e “marcar unha liña divisoria clara que lle dea para atrás ás políticas dos últimos anos na materia e se arranquen de verdade os eucaliptos das zonas nas que se plantaron de forma ilegal.