- A eurodeputada informa en Bruxelas sobre os desafiuzamentos que a inmobiliaria do Banco Santander pretende levar a cabo nesas vivendas
- Denuncia que persoas sen recursos quedarían sen fogar e exixe cumprir o dereito fundamental á vivenda e frear a posible especulación
Santiago, 18 de outubro de 2018. A eurodeputada galega Lídia Senra presentou este xoves un escrito en Bruxelas dirixido á Comisión Europea (CE)[1] no que informa sobre a preocupante situación que se está a dar co edificio A Patiña, en Cambre (A Coruña)[2]. Senra pon en coñecemento do ente comunitario que a consultora Altarmira, inmobiliaria do Banco Santander, notificou a inquilinos deste lugar que o seu contrato, establecido en base a réxime especial de protección oficial, está a punto de expirar e que terán que marchar das casas porque non lles renovarán o aluguer. Dita urbanización ergueuna a finais dos anos 90 a construtora Fadesa, a través dun acordo coa Xunta de Galicia, que contemplaba que os pisos se alugarían durante 20 anos a persoas desfavorecidas, e Fadesa despois vendeullo a Altamira.
A europarlamentaria considera moi grave esta situación, máxime tendo en conta que no edificio residen moitas persoas con rendas moi baixas e sen recursos ou en diferentes situacións de risco social. Así, reclama que se cumpra co establecido na propia Carta dos Dereitos Fundamentais da UE, que nos seus artigos 7 e 34 recolle que toda persoa ten dereito ao respecto do seu domicilio e que co fin de combater a exclusión social e a pobreza, a Unión recoñece e respecta o dereito a unha axuda social e a unha axuda de vivenda para garantir unha existencia digna a todas aquelas persoas que non dispoñan de recursos suficientes.
Senra considera inadmisible que se poidan levar a cabo os posibles desafiuzamentos inminentes e reclama á Comisión Europea que investigue a situación. Así, pide saber se a CE ten constancia de se esas vivendas se financiaron no seu día con fondos europeos para a vivenda social. Tamén, e dado que as persoas inquilinas sospeitan que a inmobiliaria do Santander pode ter vendido o edifio ou o negocio dos seus alugueres ao fondo buitre estadounidense Blackstone, Lídia Senra reclama que a CE investigue a posible venda e especulación que se podería estar a facer con estas vivendas sociais. “Os dereitos das persoas teñen que estar sempre por riba do capital e non ao revés”, defende a europarlamentaria. “É hora de que a CE deixe de mirar para outro lado e lle pare os pés á especulación”, di, para facer tamén unha chamada de atención ao Goberno da Xunta e reclamarlle que tome xa medidas neste asunto. “Que vivendas sociais acaben en mans dos intereses de neoliberalismo e do capitalismo financeiro e especulador e que a xente quede sen casas por iso é un ataque ao dereito das persoas a unha vida digna”, zanxa.
(Fotografía da cabeceira: O edificio A Patiña en Cambre A Coruña. Foto: José Antonio Otero Irreversible TV)
_______________
[1] Aquí pódese ver o escrito rexistrado hoxe na Comisión Europea por Lídia Senra:
[2] Información publicada ao respecto nos últimos días: