- Sector forestal, silvicultura, pastoreo, diversificación produtiva nas explotacións e situación das mulleres labregas, na axenda de traballo
- A eurodeputada reitera a similitude nas dificultades que está a afrontar o campesiñado da UE e apela a mudar a vocación agroindustrial da PAC
Santiago, 09 de maio de 2018. A eurodeputada galega Lídia Senra, coordenadora do Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural, está a formar parte durante esta semana dunha delegación do Parlamento Europeo a Finlandia co obxectivo de coñecer distintos aspectos do modelo produtivo finés.
O programa de traballo deu inicio cun achegamento ao sistema de cría de renos en Hyrynsalmi a través da visita a unha granxa e dunha xuntanza con sector produtor. “Unha das principais dificultades que nos trasladaron foi o problema para poder acceder ao pasto. A silvicultura está desprazando o bosque antigo. En palabras dos pastores mozos: “a industria forestal manda”. Tamén os parques eólicos están a ser un obstáculo, situacións que son ben coñecidas tamén para nós na Galiza”, analiza Senra. “Para poder facer fronte ás perdas a consecuencia dos ataques dos grandes carnívoros, malia que teñen axudas, estas chegan tarde e non compensan todas as perdas. Ademais a nivel xeral as políticas apostan polas grandes explotacións. Por exemplo os representantes da mocidade trasladáronnos a crítica á esixencia de ter un mínimo de 80 renos para poder percibir axudas por reno”, abondou.
Fronte á escasez das terras agrarias –un 7,6% da superficie total-, os bosques ocupan o 78 % da superficie total de Finlandia. Entre as aproximacións ao sector forestal realizadas por esta delegación da Comisión de Agricultura, a visita a unha planta de produción de etanol a partir de serrín e ás instalacións dun dos grandes fabricantes de maquinaria. Dado que, logo da silvicultura, a principal produción agrícola do país son os lácteos e os cereais, a axenda de traballo inclúiu a visita a unha explotación produtora de lácteos en áreas de difícil acceso, a unha das princiais fábricas de bebidas finesas e a unha granxa multifuncional. Tamén contou con xuntanzas a nivel institucional, como a mantida onte con Jari Leppä, Ministro de Agricultura de Finlandia, e Kati Partanen, presidenta do Comité permanente de mulleres da Organización Mundial de Agricultores (WFO).
“Participar nestas delegacións permítenos constatar as similitudes nos efectos negativos das políticas agrarias europeas para as labregas e labregos. Dende Finlandia a Galiza, o campesiñado é desprazado a favor de grandes centros de produción. Finlandia ten agora a metade das 100.000 explotacións que tiña cando se adheriu á UE en 1995. A día de hoxe a escasez de terras agrarias faina depender en grande medida de produtos alimenticios e agrícolas importados”, destaca Lídia Senra. “A Política Agraria Común debería estar orientada precisamente a todo o contrario, sen embargo a liña pola que está a apostar a Unión Europea para a vindeira modificación da PAC a aplicar logo do 2021 segue a incidir no desarticulamento do medio rural labrego.”
Precisamente co obxectivo de ir dinamizando o debate na Galiza en torno á futura modificación da Poítica Agraria Común, e sen perder de vista que a Comisión Europea vén de confirmar a redución do 5% no orzamento da PAC e do 7% nos fondos de cohesión, este sábado 12 de maio a eurodeputada galega coordenará a xornada aberta “A futura PAC para as zonas de montaña” que terá lugar de 10.00 a 18.00hrs no Salón de Actos do Concello de Laza.