-
Os coloquios serán o 30 de marzo e 6 de abril na Facultade de Filosofía, e tratarán do sector da enerxía, finanzas, terra, coidados, información e datos
-
A eurodeputada e o economista Xabier P. Davila animan a asistir a todas as persoas e colectivos que loitan por unha sociedade máis xusta e igualitaria
Santiago, 25 de marzo de 2019. É posible que a propiedade pública, social e común, substitúa á propiedade privada capitalista en sectores económicos clave como son as finanzas, a enerxía, a terra, os coidados, a información e os datos? Esta será a cuestión central ao redor da cal xirarán as xornadas que terán lugar no Salón de Actos da Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela (Praza de Mazarelos) este sábado, 30 de marzo, e o seguinte, 6 de abril. Organizadas pola eurodeputada Lídia Senra, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) e candidata de En Marea ás próximas eleccións europeas de finais de maio, en colaboración co economista e membro do Consello das Mareas Xabier Pérez Davila, as xornadas pretenden contribuír ao debate e o intercambio de saberes, con varios coloquios sobre A economía no século XXI, nos que participarán expertos na materia chegados de diferentes países.
Lídia Senra e Xabier Pérez Davila critican que o neoliberalismo impuxo nas últimas décadas unha única política económica posible, consistente na privatización de empresas e servizos públicos esenciais, libre movemento de capitais e mercadorías, cesión da soberanía económico a organismos non electos, desregulación das relacións laborais e ataques á organización sindical, substitución das pensións de repartición por fondos privados de capitalización. A consecuencia disto, hoxe rexístrase un aumento da explotación, un descenso dos salarios, desigualdade crecente, precarización do traballo, aceleración da crise ecolóxica, crise do tempo e dos coidados, concentración e centralización do capital, e incremento exponencial do poder do capital sobre o traballo e a sociedade. “1989 augurou o triunfo do capitalismo como modo de produción definitivo e clausura da historia. Sen embargo, está a producirse un notable rexurdimento do pensamento anticapitalista en todos os continentes”, defenden a eurodeputada e o economista. Por iso, a idea de organizar estas xornadas, ás que Senra e Pérez Davila animan a asistir a todas aquelas persoas e colectivos que loitan por unha sociedade máis xusta e igualitaria e interesados no estudo da economía. Todos os coloquios están abertos ao público, sen necesidade de inscrición previa.
“Multiplícanse os relatorios que informan do aumento da desigualdade no interior dos Estados. Cada ano, Intermon Oxfam levanta acta dun novo récord de concentración da riqueza no 1% da poboación máis rica. Incluso organismos de goberno da economía mundial como o FMI ou a OCDE manifestan a súa “preocupación” pola polarización social en aumento. Fronte ás saídas de maior privatización, nós preguntámonos se existe outro punto de vista. Preguntámonos se fronte á planificación capitalista se pode imaxinar a propiedade colectiva, a planificación social e a apropiación común do producido. Quizais na propiedade colectiva, común, social dos principais recursos produtivos: enerxía, finanzas, terra, coidados, información e datos”, defenden desde a organización do evento.
SÁBADO 30 DE MARZO
Durante o programa de dous días, abordaranse pois, todas estas seguintes cuestións, dando comezo ás xornadas este sábado, 30 de marzo, ás 9:00 horas, coa inauguración da europarlamentaria.
ENERXÍA
Ás 9:30 terá lugar o primeiro dos coloquios, centrado en ‘Enerxía: É posible a transición a un sistema descentralizado baseado en enerxías renovables?’. Nel actuará de relatora Margarita Mediavilla Pascual, profesora da Escola de Enxeñarías Industriais e membro do Grupo de Enerxía, Economía e Dinámica de Sistemas da Universidade de Valladolid. Xoán Doldán, decano da Facultade de Económicas da USC, moderará e introducirá esta mesa. As materias primas para a produción de enrexía, auga, vales, vento, sol, gas natural, uranio, etc, foron creadas pola natureza. Pola contra, a propiedade das empresas que as explotan é privada. No Estado español, son as empresas as que determinan os prezos mediante un mecanismo que lles permite a xeración de beneficios abusivos. A mudanza climática é a maior ameaza que afrontamos como especie. Os intereses das enerxéticas bloquean a transición a un sistema descentralizado baseado nas enerxías renovables. Que tipo de propiedade sería o máis acaído para facilitar a transición e a garantía de subministración ás persoas e ás comunidades? A esta pregunta se intentará dar resposta nesta primeira parte das xornadas.
TERRA
Ás 11.30 horas, terá lugar o segundo coloquio, neste caso centrado en ‘Propiedade da terra e soberanía alimentaria’, no que intervirán como relatores Xoán Carlos Carreira Pérez, doutor e enxeñeiro agrónomo, profesor da USC retirado; e Marina dos Santos, membro da Dirección Nacional do Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra (MST). A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba, conducirá este coloquio, no que se abordará o acaparamento de terras como fenómenos de grande importancia en todos os continentes, ben pola vía directa de concentración de superficies de enormes dimensións en mans de investidores privados e de ponencias estranxeiras, ben pola vía de converter as labregas e labregos, e as terras que traballan, en dependentes de grandes empresas. Tendo moi en conta que aquí na Galiza, por exemplo, o 8 por cento da superficie agraria útil galega é un monocultivo de eucaliptos destinados á materia prima da produtora de pasta de papel ENCE, podemos afirmar que o acaparamento de terras é unha manifestación do predominio do capital na produción de alimentos e materias primas agrícolas que esquece as cuestións ecolóxicas e o dereito dos pobos á soberanía alimentaria. No coloquio abordaranse outros modelos agrarios, como o defendido pola Vía Campesiña, outros modelos de propiedade da terra e de técnicas agrícolas e gandeiras que claro que existen.
FINANZAS
Xa o sábado 30 de marzo pola tarde, a partir das 16.00 horas, terá lugar o coloquio ‘Finanzas: Privadas ou Públicas’, con Ricardo G. Zaldívar, doutor en Economía e ex-coordenador de ATTAC no Estado español. Adrián Dios, doutor en Economía, investigador na USC e membro da Coordenadora de En Marea, será o encargado de moderar este debate. Nel analizarase como un dos elementos máis característicos do capitalismo neoliberal é a financeirización da economía, o peso crecente das finanzas no control da actividade económica. A banca pública practicamente xa non existe e despois da crise do 2007, contra as recomendacións iniciais dos organismos reguladores, aumentou a concentración das entidades financeiras, de maneira que case todas as existentes son “demasiado grandes para caer”. Desenvolvése ao tempo unha banca na sombra fóra do control das autoridades, pero que pode contaxiar ao resto do sistema con gran velocidade. Por iso nos preguntaremos se se debe crear unha banca pública na Galiza, no Estado español e en Europa.
COIDADOS
E para rematar o primeiro día das xornadas, a partir das 17.3O horas, desenvolverase o coloquio sobre ‘Economía de coidados: Conceptos e debates’, coa participación de Mertxe Larrañaga Sarriegui, profesora de Economía Aplicada na Universidade do País Vasco. A deputada de En Marea no Parlamento Galego, Paula Vázquez Verao, introducirá esta mesa. En todas as sociedades a división do traballo segundo o xénero asignou ás mulleres os traballos reprodutivos, domésticos e de coidados. Nas sociedades tradicionais, desempeñaban un papel fundamental na produción de alimentos. Nas sociedades capitalistas actuais, incorpóranse ao traballo retribuído, asumindo así unha tripla carga, traballo asalariado, doméstico e de coidados, que prexudica a súa saúde física e psíquica. Sobre se se debería socializarse máis parte deste traballo con escolas infantís de 0 a 3 anos, asistencia domiciliaria ás persoas dependentes, residencias asistidas, comedores escolares, comedores de empresa, etc, debaterase nesta parte.
SÁBADO 6 DE ABRIL
DATOS
A segunda parte da xornada desenvolverase o sábado seguinte, o 6 de abril, novamente no Salón de Actos da Facultade de Filosofía, en horarios de 10.00 a 13.00. Será para ter primeiramente un coloquio, de 10:00 a 11:15 horas, sobre ‘Os nosos datos, son propiedade común?’, no que intervirá Ekaitz Cancela Rodríguez, xornalista e autor do libro ‘Despertar do soño tecnolóxico’. A propia Lídia Senra conducirá este coloquio, no que se tratará sobre a inxente cantidade de datos que xerarmos cada hora mediante a participación nas redes sociais ao navegar por internet, ao realizar compras dixitais, mediante os xeolocalizadores dos teléfonos móbiles, etc. Toda as información é hoxe privatizada polo imperio de Silycom Valley e Europa é neste sentido unha colonia dixital. Pode Europa constituír un sector da información e os datos de propiedade pública que distribúa a información entre os diversos niveis das administracións públicas? Un sistema que garanta o dereito á intimidade ao tempo que pon a información ao servizo de investigacións útiles? Diso se tratará.
PLANIFICACIÓN
E para para rematar, de 11.30 a 13.00, desenvolverase a mesa ‘Romper co consenso, planificación para unha economía socialista’, con William Paul Cockshott, profesor de Computing Science na Univesidade de Glasgow. Neste coloquio será o propio Xabier Pérez Davila o encargado de moderar e presentar. “Os medios de persuasión de masas informan de que vivimos nunha economía de libre mercado. En realidade, todas as grandes empresas planifican a súa actividade. Así o fai Citröen-Vigo ao utilizar o sistema Just in time, que lle serve para estabelecer obxectivos de produción, tempos e custos para a industria auxiliar. Fan Wall Mart e Inditex. O proceso produtivo manifesta un carácter colaborador e social crecente, acelerado pola utilización das tecnoloxías da información e a ciencia de datos. De xeito contraditorio, a propiedade e a apropiación do excedente son cada vez máis privadas. Pode ter a planificación da economía un papel relevante nunha economía ao servizo das maiorías sociais, da cidadanía, das clases traballadoras? Pode ser eficiente? A iso intentaremos dar resposta”, conclúe Pérez Davila.