- A deputada de AGEe asinou unha carta subscrita por máis de cincuenta eurodeputadas/os dirixida ao Comisario de Seguridade Alimentaria
- A OMS afirma que o glifosato é “probablemente canceríxeno”. Durante o ano 2016 valorarase ampliar a autorización vixente na Unión Europea
Bruxelas, 13 Xaneiro 2016. A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa, Lídia Senra, co-asinou unha carta dirixida ao Comisario de Saúde e Seguridade Alimentaria, Vytenis Andriukaitis, subscrita por máis de cincuenta eurodeputadas/os, na que expresan a súa fonda preocupación pola avaliación realizada pola Autoridade Europea para a Seguridade dos Alimentos (EFSA) na que minimiza o grao de cancerosidade do glifosato -compoñente empregado como herbicida, presente na marca comercial Roundup, o herbicida máis comercializado do mundo, propiedade da polémica transnacional da alimentación transxénica Monsanto-, trasladada a través dun informe publicado o pasado 12 de novembro de 2015.
A través desta misiva as eurodeputadas expresan tamén o seu apoio público á carta enviada por 96 científicos ao Comisario Andriukaitis no propio mes novembro do ano pasado desacreditando a valoración da EFSA.
Asemade, as deputadas/os lamentan neste escrito a falta de transparencia da EFSA, critican que os estudos nos que se basea non se teñan feito públicos e, sobre todo, instan a absterse de prorrogar a autorización do emprego do glifosato en territorio europeo, que será valorada pola Comisión e os Estados ao longo deste ano.
Aliás, lembran que a Comisión Europea está a “vulnerar o dereito comunitario” en relación a aquelas substancias sospeitosas de ser distruptoras endocrinas, como sinalou xa o Tribunal de Xustiza Europeo o 16 de decembro de 2015 en relación a unha denuncia realizada por Suecia, afirmando que “ao non adoptar actos delegados no relativo á especificación dos criterios científicos para a determinación das propiedades perturbadoras do sistema endócrino, a Comisión non cumpriu as súas obrigacións en virtude do Regulamento nº 528/2012“.
O posicionamento público da EFSA, organismo fortemente criticado por entidades sociais como o Observatorio Europeo das Corporacións por mor da súa connivencia ca agroindustria e falta de independencia, resulta especialmente polémico ao pretender contradicir[1] o publicado pola Axencia Internacional para a Investigación sobre o Cancro (IARC), dependente da Organización Mundial da Saúde (OMS) no mes de marzo. Neste documento a OMS cualifica o glifosato como “probablemente canceríxeno para o ser humano”
Para a eurodeputada de AGEe, a publicación da posición da EFSA non é casual, senón que “forma parte da estratexia de influencia na lexislación europea que manteñen constantemente os lobbies da agroindustria”. Durante este ano 2016, advertiu Senra, “vai ser sometida a revisión a actual autorización para o emprego do glifosato na UE, maioritario en Estados como o español“. O informe da EFSA estaría polo tanto orientado a minimizar o impacto do posicionamento doutras institucións de referencia, como a OMS e a IARC, no momento en que se valore renovar a autorización.
As acusacións do efecto canceríxeno provocado polo glifosato tiveron unha das súas confirmacións máis mediáticas no ano 2012, cando se deu a primeira condena xudicial contra fumigacións a través dun xuízo celebrado en Arxentina[2]. Sobre as altas tasas de cancro neste país, asociadas ao emprego do glifosato, gozou de grande repercusión mediática o estracto do documental francés “Bientôt dans vos assiettes” (2014) –Logo no seu prato-, no que o seu director Paul Moreira tomoulle a palabra ao polémico fundador de Greenpeace, Patrick Moore -transformado a día de hoxe nun defensor dos organismos modificados xeneticamente-, que chegou a retruncar o efecto canceríxeno do glifosato en Arxentina afirmando que podería mesmo beber un vaso cheo de glifosato. Nembargantes, cando o director Moreira lle oferta un vaso, Moore afirma “Non o vou beber, non son idiota”.
[1]Análise da estratexia de publicación de informes, por parte de institucións europeas, con resultados contrarios ao respeito do grado de cancerinoxidade do glifosato, realizado polo Observatorio Europeo de Corporacións: http://corporateeurope.org/food-and-agriculture/2015/11/efsa-and-member-states-vs-iarc-glyphosate-has-science-won
[2]Trátase da loita levada adiante polo colectivo Madres del Barrio Ituzaingó: http://www.pagina12.com.ar/diario/sociedad/3-201610-2012-08-22.html. Arxentina tamén asumíu as consecuencias canceríxenas do glifosato no caso do pobo Monte Maíz, na provincia de Córdoba.