- Inauguradas as xornadas que acollen na Coruña a unha trintena de ponentes sobre a Europa Decolonial e a Europa dos Pobos sen Estado
- A eurodeputada de AGEe, Beiras, Anna Gabriel, Ramón Grosfoguel e Houria Bouteldja abriron o encontro no Paraninfo da Universidade
A Coruña, 19 febreiro 2016. Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquera Verde Nórdica (GUE/NGL), asegurou este venres que falar de colonialismo hoxe en día sigue estando “de actualidade”, xa que “o colonismo segue pervivindo con formas novas na nosa sociedade”.
Senra fixo estas declaracións á entrada do Paraninfo da Universidade da Coruña, onde este venres e e sábado están tendo lugar as xornadas “A historia da Europa Decolonial e da Europa dos pobos sen Estado”, unhas xornadas organizadas polo propio GUE/NGL en colaboración con Decoloniality Europe e que durante os dous días están a reunir na Coruña a case unha trintena de representantes de diferentes colectivos dos pobos oprimidos de Europa.
A eurodeputada asegurou que o obxectivo é establecer un diálogo entre as nacións sen estado e a realidade dos pobos racializados de Europa procedentes das colonias. “O obxectivo é coñecernos, poñer en común as experiencias duns e outros e avanzar nesta loita contra o colonialismo e nesta loita pola descolonización”, dixo.
Lídia Senra advertiu que “a estas alturas do século XXI as vellas formas de colonialismo perviven con maneiras novas” para “seguir oprimindo aos pobos, seguir controlando os seus recursos e seguir apropriándose das súas riquezas”.
Na comparecencia ante os medios, tamén estivo presente o voceiro de AGE no Parlamento Galego, Xosé Manuel Beiras, quen falou dos precedentes de articulación entre os dereitos de emancipación das nacións sen estado, do nacionalismo emancipador, e os dereitos dos conxuntos étnicos, culturais sometidos a opresión colonial e de racismo.
Pola súa banda, a deputada da CUP no Parlamento de Catalunya, Anna Gabriel, que estes días está tamén na Coruña participando nas xornadas, dixo estar moi agradecida por poder compartir estes días na Coruña, como unha experiencia de intercambio para poñerllo un pouco máis dificil a aqueles que intentamos combater. “Sempre o dicimos e é así, unidas somos máis fortes”, enfatizou.
Igualmente, o membro fundador da Europa Decolonial, Ramón Grosfoguel, defendeu ante a prensa que o e vento buscar un comezo de diálogo entre os movementos que queren descolonizar Europa desde as nacións sen Estado e desde os pobos racializados. “Estas loitas teñen en común que buscan descolonizarse dos Estados que os oprimen”, sinalou.
A concelleira de Madrid Montse Galcerán defendeu que “o pensamento descolonial pon de relevo a colonialidade interna nas grandes metrópoles contemporáneas”. “Eu estou a cargo dun distrito no que a maioría son inmigrantes, e nese contexto, para entender como temos que abordar esa realidade, son interesantes estas xornadas”, dixo.
A membro do Sindicato Andaluz de Traballadores Ana Martínez Serrano, declarou que “fronte a esta Europa dos mercados, esta dicotomía norte-sur, vimos aportar a nosa experiencia para que non haxa forma de ser feminista sen ser antiracista e que non haxa forma de ser socialista sen ser antiimperialista”.
A activista no Raval Daniela Ortiz destacou que este encontro “é moi útil porque sen esa base de narrativas coloniais sería imposible que houbese o nivel de violencia que hai a día de hoxe coa poboación inmigrante”, por iso é interesante debater sobre esta realidade, dixo.
O profesor portugués Boaventura de Sousa dixo estar na Coruña porque pensa que “Europa hoxe precisa reconducir esta loita que é moi complexa porque aglutina a descolonización, o anticapitalismo e antipatriarcado. Obriga a unha articulación entre as forzas políticas e non é fácil”, dixo.
As citadas xornadas están a ser un punto de encontro para establecer pontes políticas comúns entre a Europa dos pobos sen Estado e a Europa dos pobos racializados derivados da historia colonial. O evento aberto a todos os públicos, que comezou este venres ás 18:00 horas e que se prolongará durante toda a xornada do sábado no Paraninfo da Universidade da Coruña, permite poder escoitar e intercambiar experiencias con persoas como, ademais dos propios Lídia Senra, Xosé Manuel Beiras, Anna Gabriel, Ramón Grofoguel e Houria Bouteldja, tamén ao profesor portugués Boaventura de Sousa Santos, que impartirá este sábado ás 19 horas unha clase maxistral baixo o título “Unha epistemoloxía do Sur para unha Europa Decolonial”.
Nas xornadas tamén intervirán este sábado as concelleiras de Anova en Marín e Vigo, Sandra Pesqueira e Margaraita López Barreiro, respectivamente, así como o representante da Relacións Internacionais da Confederación Intersindical Galega (CIG), Moncho Boán; ou por parte do Sindicato Labrego Galego (SLG), Xosé Ramón Cendán. Pola parte galega, nas xornadas tamén estarán presentes membros da Marea Atlántica, e a concelleira de Igualdade e Diversidade no Concello da Coruña, Rocío Fraga, moderará unha das mesas.
Pola parte internacional, para asistir a estas Xornadas desprazáronse ata a Coruña membros de Europa Decolonial como o holandés Dew Baboeram; a artista e activista visual líder do Espazo do Inmigrante no Raval Daniela Ortiz, entre outros. Membros do Sindicato Andaluz de Traballadores (SAT), a concelleira de Madrid Montse Galcerán, ou a galega Helena Miguelez-Carballeira, profesora actualmente na Universidadade de Bangor, en Gales, son outras das persoas poñentes nas diferentes mesas que conforman estas xornadas.