Bruxelas, 03 Setembro 2015. A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, quixo encetar a comparecencia en rolda de prensa da mañá de hoxe en Bruxelas amosando “a total solidariedade e apoio do Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea ás mobilizacións que está a levar adiante o sector leiteiro europeo”, salientando especialmente “a loita que está tendo lugar hoxe en Lugo e a tractorada que terá lugar a vindeira semana en Compostela”.
Trala exposición por parte da canadense Diane Dowling –presidenta da National Farmers Union (NFU) Local 316– e o colombiano Néstor Alfredo Díaz -presidente da Federación Nacional Sindical Unitaria Agropecuaria (FENSUAGRO)- dun pequeno resumo das intervencións realizadas onte no marco do seminario internacional “Impacto da liberalización do sector lácteo en Europa: Que futuro?”, Senra tomou a palabra para reivindicar como “imprescindíbel” o control da produción leiteira e a fixación de prezos mínimos en orixe.
A eurodeputada de AGEe reiterou a inoperancia dos “malos parches” aplicados até o momento para facer fronte á grave situación de inestabilidade do sector nestes últimos anos, tales como o denominado ‘paquete lácteo’, que cualificou de “auténtico fracaso”, xa que os contratos “están feitos á medida das empresas, que deciden o que fan co contrato, e nos estados nos que é obrigatorio a situación é inda peor”.
Asemade, salientou a “falsidade” da proposta incluída neste paquete de crear asociacións de produtores/as para supostamente favorecer a capacidade negociadora, unha medida que para a eurodeputada galega o que procura é “desposuír ao sector dos instrumentos que ten para negociar políticas”, por unha parte desprazando as organizacións sindicais agrarias e, por outra, porque “ao desarticular a política pública e deixar o prezo en mans do mercado dá igual as negociacións que teñamos, non haberá forza no sector.”
O modelo de liberalización do sector lácteo “transita cara un futuro onde 10.000 explotacións producirán o que a dia de hoxe producen 650.000 en toda Europa”, afirmou, como tamén se deixa ver no estudo presentado na mañá de hoxe ás gandeiras e gandeiros galegos que acudiron ao seminario, no que unha das conclusións é que “a produción láctea concentrarase no norte, e os estados dos Sur da Unión Europea van perder produción porque non poderán aguantar esta concentración”. No Estado español, proseguiu, “o meu país, Galiza, produce practicamente o 50%, polo que temos a certeza de que tanto Galiza como en xeral a cornixa cantábrica será a grande afectada, inda que tamén están en risco a meirande parte das pequenas e medianas explotacións europeas”.
Facendo fronte aos argumentos políticos e institucionais que plantexan a inexistencia dun escenario alternativo, Lídia Senra retomou as propostas postas onte enriba da mesa pola Coordenadora Europea Vía Campesina (CEVC) e o European Milk Board (EMB) salientando que “é posíbel unha política leiteira pública que reduza a produción adecuándoa á demanda; é posíbel redistribuír o dereito a producir; é posíbel situar o prezo en orixe no centro da política e tamén é posíbel producir cun modelo diferente que poña fin ao ‘sinsentido’ de estar importando soia e cereais dos países do Sur para producir excedentes europeos que logo, subvencionados con cartos públicos, van voltar ao mercado internacional”, un proceso que destrúe á pequena e mediana explotación europea e en todo o mundo.
“Por iso queriamos dotar dunha dimensión internacional a este seminario”, abondou, “para amosar aos partidos políticos e á sociedade que os medianos/as e pequenos/as labregos e labregas a nivel mundial non competimos entre nós, que a competencia está no modelo de produción.”
Como é sabido, a día de hoxe os prezos do mercado mundial son artificiais, sostidos cun dumping -venta por embaixo de custos produtivos- que facilita que o negocio agroexportador “teña unha materia prima barata a costa da sociedade e do pequeno e mediano campesiñado”.
Dende o grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL), “seguiremos adiante loitando por esta nova política, e levando adiante propostas solidarias e imaxinativa que veñan de organizacións críticas.” A día de hoxe, concluíu, “non hai solución de futuro que non pase por voltar á política leiteira pública.”