- A eurodeputada galega denuncia que as novas normas da Eurocámara entorpecen a acción dos grupos pequenos e os dereitos da cidadanía
- Reclámalle ao novo presidente do Parlamento Europeo que cumpra a súa promesa e incorpore o galego como idioma de uso na Eurocámara
Bruxelas, 18 de xaneiro de 2017. Lídia Senra, eurodeputada galega integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), lamenta a elección de Antonio Tajani como novo presidente do Parlamento Europeo onte en Estrasburgo, unha vitoria que “reforza o neoliberalismo e escora aínda máis á dereita a Eurocámara”. “Se no pasado criticamos a Grande Coalición que puxo ao fronte da Comisión Europea a Jean-Claude Juncker e como presidente do Parlamento a Martin Schulz, agora un pacto entre o Partido Popular Europeo (PPE) e Guy Verhofstadt, de ALDE, permite que un candidato do PPE sexa presidente da Eurocámara”, explicou Senra.
O proceso de elección para presidir o Parlamento Europeo supuxo, polo menos no ámbito da elección dos cargos, a ruptura da Gran Coalición entre o grupo dos Socialistas e Demócratas (S&D) e o PPE, unha ruptura que Lídia Senra chama a confirmar “mediante políticas realmente de esquerdas e un cambio nas posicións dos partidos socialistas da UE en temas como a austeridade, o pacto de estabilidade, a débeda, os acordos de libre comercio -incluíndo a súa posición na ratificación do CETA- ou as políticas agraria e pesqueira”. “Agora máis que nunca precisamos un cambio radical das políticas neoliberais e instamos ao grupo dos Socialistas e Demócratas (S&D) a avanzar na ruptura da Gran Coalición, comprometéndose a romper o apoio que dan á construción neoliberal da Unión Europea ou non facilitar gobernos da dereita como no caso do goberno español” insistiu.
Lídia Senra lamentou tamén que un eurodeputado inimigo da igualdade de xénero e coñecido polas súas declaracións sexistas e homófobas como é Antonio Tajani chegue á presidencia do Parlamento Europeo. O xa presidente da Eurocámara votou contra a Estratexia da UE para a igualdade de xénero 2015-2020 e puxo en dúbida en numerosas ocasións os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, entre eles o aborto. “Por este motivo e tamén pola importancia que para nós ten o feito de que a Gran Coalición se rompera aquí no Parlamento Europeo, na última volta, á que só pasaron os dous candidatos máis votados na terceira volta, o noso voto foi para o candidato socialista Gianni Pittella”, afirmou.
“Antonio Tajani debe agora cooperar con outros deputados e deputadas e grupos políticos e neste sentido é fundamental abrir as vías para dar macha atrás nos cambios do regulamento que acaban de entrar en vigor no Parlamento Europeo”, esixe a eurodeputada. Aprobadas no último pleno de 2016, as novas normas que regulan o funcionamento da Eurocámara limitan, por exemplo, a capacidade dos membros á hora de poñer emendas nas diversas comisións. “Séguese rebaixando o papel do Parlamento e dificúltase o traballo dos grupos máis pequenos e das deputadas e deputados, menoscabando así os dereitos da cidadanía”, critica Senra.
A eurodeputada galega tomou nota da intención de Tajani de asegurar o uso de linguas como o catalán na vida parlamentaria e esixiu de novo que se normalice o idioma de Galiza na Eurocámara. “Pedímoslle que cumpra a súa promesa e incorpore tamén o galego como idioma de uso no Parlamento Europeo”.