- A Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo está a debater a súa posición con respecto a estes acordos de liberalización comercial
- Senra reiterou as consecuencias negativas que conlevan para as medianas e pequenas produtoras/es e o medio ambiente
Bruxelas, 31 de Agosto de 2017. A Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo procedeu na mañá de onte ao debate dos textos de posición desta comisión con respecto ás negociacións de tratados comerciais que a UE quere establecer con Nova Zelanda e Australia. A eurodeputada galega Lídia Senra, titular do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) na Comisión de Agricultura, alertou das repercusións negativas que este tipo de acordos teñen para as pequenas e medianas produtoras e produtores, así como para a pequena e mediana empresa local. “Os beneficios destes acordos son sempre unilaterais para fortalecer ao grande negocio exportador en detrimento das pequenas e medianas granxas que sempre se ven obrigadas a vender por embaixo dos custos de produción”, subliñou. Ademais, a nivel do sector agrario na Galiza, se estas negociacións avanzan, as consecuencias das mesmas afectarán directamente nos sectores do leite, da carne e do viño.
Por outra banda, lembrou Senra, estes tratados comerciais inflúen moi negativamente no quecemento global, xa que poñen innecesariamente en circulación mercadorías ao longo do planeta que xa están dispoñíbeis localmente. “A súa distribución supón un gasto enerxético, que redunda no aceleramento do cambio climático. Temos que parar estes acordos!”, esixiu, para o que procederá á presentación de emendas a ámbolos dous textos solicitando a paralización destas negociacións e o fin dos acordos de liberalización comercial.