AGE en Europa
  • Inicio
  • Actualidade
  • Xornadas
  • Publicacións
  • Videos
  • Contacto
  • Inicio
  • /
  • ACTUALIDADE
  • /

Lídia Senra insta á Comisión Europea a rexeitar o proxecto de macro-granxa de 20.000 vacas en Soria

11 Abril, 2017 gandeiría, granxa, GUE/NGL, industria, Lidia Senra, Noviercas, sector lácteo, Soria, vacas
  • Advirte que o sector galego sairía moi prexudicado por esta explotación de Noviercas, que se estima que produciría 180 millóns de litros de leite ao ano, o mesmo que 8.457 granxas na Galiza nun mes 
  • A eurodeputada considera contraditorio que por parte das Administracións públicas se financie a redución voluntaria de produción láctea e que se permitan estas mega-industrias

pregunta granxa soriaBruxelas, 11 de abril de 2017. A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) ven de poñer en coñecemento da Comisión Europea o proxecto de macro-explotación industrial de 20.000 vacas que pretende poñer en funcionamento a Sociedade Limitada Valle de Odieta no municipio de Noviercas (Soria) e que chegaría a producir uns 180 millóns de litros de leite ao ano, é dicir, case igual que o que producen 8.457 explotacións na Galiza nun mes.

Senra rexistrou un escrito en Bruxelas, dirixido á CE, ocasionado tamén pola eurodeputada do GUE/NGL Ángela Vallina, no que denuncia que de seguir adiante esta macro-granxa, substituirá a 432 explotacións na súa contorna, eliminando 726 empregos directos. “Este modelo provocará a desaparición de moitas pequenas e medianas granxas, o que terá un impacto moi negativo no medio rural e particularmente na Cornixa Cantábrica”, asegura a parlamentaria galega.

Para a deputada, “unha concentración tan elevada de animais, cunha carga próxima a 30 Unidades de Gando Maior (UGM) por hectárea, implicará graves impactos no medio ambiente e na saúde, afectando ás concas fluviais, á auga potable, á fauna, á calidade do aire e a outras actividades no medio rural”, defende.

É por iso que no documento rexistrado na CE pregúntalle directamente á Comisión se coñece este proxecto e se dispón de avaliacións do seu impacto social e ambiental. “Non considera que, debido aos impactos negativos nas pequenas e medianas granxas, no emprego no medio rural, na saúde e no medio ambiente, este tipo de macroproxectos deberían ser rexeitados?”, pregúntanlle Lídia Senra e Ángela Vallina ao ente comunitario. Igualmente, tamén se interesan por saber se a Comisión “non considera contraditorio financiar a redución voluntaria da produción de leite e ao mesmo tempo permitir estas industrias”.

Esta pregunta enmarcase na demanda de apoio que fixo o Sindicato Labrego Galego (SLG), aos grupos políticos, no marco da campaña que está a levar  contra este proxecto e que incide en que, a pesar de que Soria está a máis de 500 quilómetros da Galiza, este proxecto pode facer perigar o sector lácteo galego. Tendo en conta que desde que rematou o sistema de cotas, calquera granxa pode producir sen límites canto leite queira e sabendo que a granxa de Noviercas pretende producir nun ano o leite que producen 8.465 granxas galegas nun mes, só quince explotacións de dimensións como a soriana poderían suplir a potencia produtiva galega actual.

De autorizarse a implantación deste modelo de macro-granxas, o sector lácteo galego, formado na súa maior parte por pequenas e medianas empresas e que agora mesmo fornece o 40% da produción leiteira no Estado español, sería o máis perxudicado.

Para facerse unha idea da perigosidade das macro-explotacións, a granxa de Noviercas consumiría entre 4 e 6’35 millóns de litros de auga ao día e xeraría unhas 368.000 toneladas de zurros ao ano, o que implicaría que leitos fluviais, auga potable, saúde pública, fauna e mesmo outras actividades económicas, como o turismo, puideran verse gravemente afectadas. Unha soa granxa como a de Noviercas consumiría a cuarta parte da auga que consume unha cidade como Lugo ou Santiago de Compostela por día.

En canto aos refugallos, as 20.000 vacas producirían case o dobre de residuos orgánicos que toda a poboación da Galiza e case 50 veces os xerados por todos os habitantes da cidade de Lugo. A empresa pide 6 millóns de euros de cartos públicos para poder tratar os residuos, o dobre dos 3 millóns de euros dedicados pola Consellería de Medio Rural para as axudas de apoio ao sector lácteo galego no 2016.

“Este modelo de produción en base a macro-explotacións industriais xa existe en Estados Unidos e eu tiven a oportunidade de comprobar no 2006 a desfeita que produce, polo que é fundamental que non se permita a instalación desta industria“, defende Lídia Senra.

anterior seguinte

Artigos relacionados

Comprobando o estado da contorna da Lanzada_2656x1494

Lídia Senra denuncia ante a CE a invasión de especies exóticas na Lanzada e as obras que danan as dunas

12 Abril, 2019
VdMRXGtM

Lídia Senra reclama na CE solucións para que unha muller poida acceder sen barreiras á súa casa en Abadín

9 Abril, 2019
Lidia Senra visitando a Enseada de San Simon II_2304x1728

Lídia Senra denuncia na CE a nova terminal portuaria prevista na Enseada de San Simón, plena Rede Natura

28 Marzo, 2019

Últimas novas

  • Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra
    Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito 26 Maio, 2019
  • Lidia Senra comprando no mercado de teo
    Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei” 25 Maio, 2019
  • Vista xeral_2592x1460
    Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade 24 Maio, 2019

Etiquetas

acordos comerciais actividades AGEe agricultura bruxelas Comisión Europea comité de emerxencia da Ría de Ferrol compromiso por europa contaminación crise agrícola europea crise de dereitos dereito a decidir dereitos humanos economía rural eleccions europeas emerxencia social En Marea estafa bancaria estafa financieira feminismo GUE/NGL leite liberalización liberalización comercial liberalización sector lácteo libre mercado Lidia Senra marisqueo mariñeiros mulleres OMC Organización Mundial do Comercio PAC Parlamento Europeo pensións pesca pesca artesanal pleno políticas públicas rural soberanía alimentaria sustentabilidade transxénicos UE Unión Europea

Calendario

Maio 2025
M T W T F S S
« Mai    
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031  
Aviso legal

Este sitio web utiliza cookies para dar unha mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das cookies mencionadas e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para obter máis información. .

ACEPTAR
Aviso de cookies