- Rexistra unha pregunta na Comisión Europea sobre o afundimento do buque ‘Senefand Uno’, de armadora galega, en augas senegalesas
- A eurodeputada quere saber se a UE ten constancia de problemas no funcionamento das radiobalizas de emerxencia dos buques
Santiago, 7 de marzo de 2017. A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), ven de rexistrar en Bruxelas unha pregunta por escrito dirixida á Comisión Europea, preocupándose polo caso do buque ‘Senefand Uno’, propiedade da armadora galega Profand, e que desapareceu en augas do Senegal o pasado 8 de febreiro. O buque pesqueiro deixou de emitir a súa posición e tanto a empresa armadora como as familias perderon todo contacto coa tripulación. A día de hoxe, segue sen haber rastro do barco afundido, as autoridades reduciron xa o operativo de búsqueda e continúan sen atoparse os corpos de dous mariñeiros senegaleses que ían a bordo e do seu patrón, José Vicente Pazos, residente na localidade galega de Marín.
Na súa pregunta dirixida á CE, Lídia Senra denuncia que segundo a información de Salvamento Marítimo do Estado Español, en ningún momento o transmisor de localización de sinistros (radiobaliza, Epirb), de activación automática, emitiu aviso de socorro para os dispositivos de seguridade e salvamento do buque, SAR (Search and Rescue ), para solicitar os servizos de emerxencia.
Atendendo a esta situación, e tendo en conta que o dispositivo está suxeito á regulación da Organización Marítima Internacional e ao Convenio SOLAS de 1974, e que pasara unha inspección en outubro de 2016, Lídia Senra preguntálle á Comisión Europea se ten constancia de problemas no funcionamento das radiobalizas de emerxencia. “Posto que a UE incorporou á súa lexislación diversas normas internacionais sobre seguridade marítima como é o caso da relativa á formación en profesións marítimas ou investigación de accidentes, queremos saber se á UE lle constan problemas no uso das radiobalizas e do sistema mundial de socorro en xeral e de que tipo son esas deficiencias no caso de que existan”, explicou a eurodeputada.
Máis concretamente, Lídia Senra tamén insta á CE a explicar de que información dispoñen a Axencia Europea de Control da Pesca (EFCA) e Axencia Europea de Seguridade Marítima (EMSA) respecto do caso do ‘Senefand Uno’. “Fixo a Comisión Europea un seguimento nos últimos anos sobre os problemas que poden causar o mal uso do aviso de socorro nos rescates?”, conclúe a parlamentaria.
Nun prazo de 4 a 6 semanas a CE debería dar resposta a estas cuestións por escrito.