-
A eurodeputada reuniuse con membros da asociación SQM-Galicia, que piden que a Organización Mundial da Saúde recoñeza oficialmente a doenza
-
A europarlamentaria reclama algunha iniciativa do Centro Europeo para a Prevención e o Control das Enfermidades para mellorar a vida das afectadas
Santiago, 27 de marzo de 2019. A eurodeputada Lídia Senra, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) e candidata de En Marea ás eleccións europeas de finais de maio, rexistrou esta mañá en Bruxelas unha pregunta escrita dirixida á Comisión Europea (CE) sobre a Sensibilidade Química Múltiple (SQM), enfermidade que nos últimos anos se ven detectando que cada vez afecta a máis poboación e que está incluída oficialmente na Clasificación Internacional de Enfermidades do Estado español desde o 2014 e tamén recoñecida noutros países como Alemaña (desde o ano 2000), Austria (2001), Suíza (2010), Dinamarca (2012) ou Xapón (2009).
A pregunta é froito da reunión que Senra mantivo o venres pasado en Santiago con varias membros da Asociación SQM-Galicia, quenes lle explicaron a loita que están a levar a cabo para que se activen protocolos en todos os lugares e a Organización Mundial da Saúde (OMS) recoñeza a enfermidade adquirida, caracterizada pola perda progresiva de tolerancia a produtos químicos diversos, que deriva en problemas cardiovasculares, respiratorios, endocrinos, hepáticos, inmunolóxicos, neurocognitivos, neurolóxicos, xinecolóxicos, androlóxicos, de pel e mucosas, ademais de xerar alteracións do estado do ánimo e derivar en incertidume, aillamento e incomprensión. Isto leva a que as persoas afectadas por SQM non poidan levar unha vida normal, xa que estar en contacto ou en ambientes con produtos químicos como combustibles, disolventes, pesticidas, pinturas, materiais de construción, barnices, produtos de uso habitual como colonias, pergumes, desodorantes, produtos de limpeza, ambientadores, deterxentes, suavizantes, etc, desencadéalles serios problemas de saúde.
Senra insta neste sentido á Comisión Europea a exercer as competencias que ten para loitar contra as enfermidades e para garantir a saúde medioambiental europea e pídelle unha valoración sobre a SQM. “Valora o Centro Europeo para a Prevención e o Control das Enfermidades incluír esta doenza na súa lista, realizar estudos e levar a cabo programas para contribuír a mellorar a vida das persoas afectadas?”, pregunta a eurodeputada no texto rexistrado hoxe en Bruxelas. “Considerando que as asociacións de afectadas levan tempo pedindo tamén que a OMS recoñeza oficialmente esta enfermidade, contempla a CE impulsar un cambio nesta dirección?”, apela Lídia Senra. A CE debería dar resposta a estas preguntas nas próximas semanas.