- A eurodeputada galega esixe que a harmonización do rexistro comunitario de buques non afecte aos coeficientes redutores
- A CE indica nunha resposta por escrito á europarlamentaria que os Estados terán un ano para adaptar os seus rexistros á norma europea
Bruxelas, 1 de febreiro de 2017. Lídia Senra, eurodeputada galega integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), volveu reclamar claridade e unha resposta rápida por parte da UE e do Goberno español ante as modificacións nos coeficientes redutores que se lle aplican á tripulación dos buques conxeladores para calcular o seu acceso á xubilación. “Seguimos esixindo ao Estado que solucione canto antes os erros recoñecidos na aplicación do 0,40 de coeficiente redutor e a garantía de que resolva de xeito definitivo os problemas que deriven da aplicación de normas europeas se afectan aos dereitos dos traballadores e traballadoras”, demanda a eurodeputada, que acaba de recibir a resposta do comisario de Pesca, Karmenu Vella, á pregunta formulada o pasado novembro sobre o regulamento de rexistro comunitario da frota pesqueira, actualmente en preparación, e cuxa aplicación a partir de febreiro de 2018 pon en dúbida o coeficiente redutor do 0,40 das e dos tripulantes dos navíos conxeladores do Estado español, o 91% deles buques galegos.
Segundo Vella, a modificación do regulamento 26/2004 vai introducir un novo código de tipo de buque baseado na codificación da FAO co obxectivo de harmonizar a clasificación estatística dos tipos de buques, aínda que non aclara a que tipo de barcos vai destinado este código nin se a súa introdución vai ter repercusións cos dereitos de acceso á xubilación derivados da clasificación actual. A resposta escrita recibida por Senra indica que “dado que non está previsto que o regulamento entre en vigor antes de febreiro de 2018, os Estados membro deberían ter tempo suficiente para axustar calquera enlace relacionado cos códigos existentes, como o coeficiente relacionado co réxime de xubilación”, así como que a Comisión “non tiña ningunha intención de xerar efectos adversos”.
A resposta de Vella deixa nas mans do Goberno español os cambios necesarios para que os barcos conxeladores manteñan en 0,40 o seu coeficiente redutor, o desconto que se aplica para calcular o acceso á xubilación dos traballadores e traballadoras destes buques. O propio Goberno español, da man da súa Representación Permanente ante a UE en Bruxelas, explicaba a finais de 2016 que o futuro rexistro non inclúe palangreiros, cerqueiros e certos arrastreiros considerados até agora conxeladores e a cuxos empregados e empregadas se lles aplicaba a redución máxima do tempo traballado antes de acceder á xubilación.
Ademais, a eurodeputada esixe que o Goberno aclare todas e cada unha das modificacións que terá que facer nos rexistros para garantir o coeficiente redutor do 0,40 dos conxeladores, xa que por un lado o Estado alega que a orixe do desaxuste está nun cruce de datos entre a Dirección Xeral da Mariña Mercante e o Instituto Social da Mariña (ISM) e, polo outro, debe garantir a harmonización do seu rexistro nacional coa base de datos comunitaria actualmente en preparación.
“Ningunha modificación dun regulamento nin cambio no tipo de código dun buque pode poñer en dúbida os dereitos dos traballadores e traballadoras nin a atribución dun código a cada barco debería prexudicar aos traballadores e traballadoras”, di Lídia Senra, e insta ao Estado “ a actuar dunha vez por todas ante unha situación que xera moita inseguridade e angustia á tripulación deste tipo de buques”.