AGE en Europa
  • Inicio
  • Actualidade
  • Xornadas
  • Publicacións
  • Videos
  • Contacto
  • Inicio
  • /
  • ACTUALIDADE
  • /

Lídia Senra esixe maior esforzo público en determinar as causas que hai detrás dos incendios forestais

30 Setembro, 2016 AGEe, GUE/NGL, incendios forestais, Lidia Senra, lumes
  • Preguntánse se existe relación entre o lume e posibles intereses de grandes empresas en usar as terras queimadas para os seus intereses 
  • A eurodeputada de AGEe presenta a xornada que este sábado reunirá todo o día en Ourense a bombeiros/as e expertas/os na materia

 lidia-senra-e-barbara-loureiro-en-rolda-de-prensa

Santiago, 30 setembro 2016. Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) e membro do Grupo Confederal da Esquerda da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), reclamou este venres un maior esforzo por parte das Administracións públicas para determinar as verdadeiras causas que pode haber detrás dos incendios forestais. Senra compareceu hoxe pola mañá en rolda de prensa en Santiago, xunto á brasileira Bárbara Loureiro Borges, enxeñeira forestal e membro da coordenadora do Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra (MST), para presentar a xornada “Os incendios forestais na UE. O negocio do lume”, que durante todo este sábado reunirá no Auditorio Municipal de Ourense a bombeiras e bombeiros e expertas e expertos tanto galegos como doutros lugares de Europa e do mundo, para reflexionar e afondar sobre o problema dos lumes no rural.

“Estou profundamente convencida de que detrás dos lumes forestais hai algunhas causas que teñen que ver con usar a posterior eses terreos queimados para intereses concretos de grandes corporacións empresariais, chamémoslle especulación urbanística ou aproveitamento deses espazos para algo. Pregúntome, por exemplo e lanzo esta reflexión sen resposta probada: Existe algunha relación entre todos os curutos dos montes que arderon hai tempo na Galiza e o feito de que despois se instalaran en algún deles parques eólicos? Igual si hai algunha relación. Déixoo no aire”, afirmou Lídia Senra, que chamou a avanzar na reflexión colectiva para atopar unha solución á lacra dos incendios. “Os lumes provocan en moitos casos impotencia nas donas e donos do monte que acaban cedendo o uso dos  terreos queimados a moi baixos prezos, tamén sería un tema a analizar”, propuxo a eurodeputada.  “Profundizar na relación entre os lumes e  o que realmente pode haber detrás na Galiza, na UE e no mundo é fundamental para conseguir acabar con esta lacra”, exclamou.

Lídia Senra criticou que “as Administracións sempre se centran en que o problema ven da man dunhas cantas persoas que son pirómanas e prenden lume simplemente”. “Efectivamente non negamos o feito de que en algún caso poida deberse a isto, pero hai que reflexionar máis alá. Non nos parece que un problema semellante, que afecta a tantos países do mundo e ten carácter internacional, teña simplemente ese motivo”, afirmou. “Non pode tratarse dunha cuestión de piromanía xeralizada no mundo, por iso hai que explorar e ver que intereses hai detrás do lume e se hai causas múltiples cales son para prender as lapas”, engadiu.

Na xornada deste sábado en Ourense, organizada polo propio GUE/NGL e por AGEe e aberta ao público sen necesidade de inscrición previa, participarán como ponentes bombeiras e bombeiros de Galiza e do resto do Estado español, así como traballadores forestais das Administracións públicas, economistas, membros do Sindicato Labrego Galego (SLG), do MST do Brasil, de Unidade Popular de Grecia, da Confederação Nacional de Agricultura de Portugal e tamén os deputados no Parlamento Galego Antón Sánchez e Davide Rodríguez, exalcalde de Manzaneda, ou a membro de Anova Ourense María Conde.

Para Lídia Senra, o importante da xornada será debater en conxunto e facer fincapé en 4 eixos básicos relacionados cos lumes. Así, puxo a énfase en que o abandono do mundo rural xoga a favor do lume e na necesidade de ter claro que a desaparición das explotacións agrarias e que non existan labregas e labregos traballando por todo o país e coidando da terra favorece que o lume se expanda. Tamén criticou o modelo forestal e a proliferación dos eucaliptais como outro dos aspectos clave que contribúe a que o lume se propague. En terceiro lugar, sinalou o cambio climático, que provoca aumento das temperatura e grandes épocas de seca prolongadas como outro aspecto que contribúe a xerar máis dificultade nas tarefas de extinción dos incendios e na rápida propagación das lapas. E en cuarto, destacou a necesidade de manter un servizo público de extinción de incendios con bombeiras e bombeiros forestais e de rematar coa precariedade actual que viven.

Pola súa parte, a brasileira Bárbara Loureiro Borges, que o sábado estará como ponente na xornada, explicou que no 2015  se rexistrou un millón de quilómetros cadrados de área queimada no Brasil, terras que despois son utilizadas maioritariamente para producir para a exportación soia, millo e cana de azucre. A membro do MST criticou o “modelo devastador do monocultivo” e avogou por levar a cabo modelos agrícolas alternativos. “Mudar o sistema agrario é fundamental, hai que ir a un novo modelo de produción, a unha reforma agraria popular, baseada na pequena agricultura, na non explotación das e dos camponeses, e tamén afondar na educación ambiental”, defendeu, para explicar que tamén no Brasil o eucalipto entrou con moita forza nas terras e as multinacionais expulsaron das súas terras ás labregas e labregos para producir pasta de celulosa.

O obxectivo desta xornada é sacar propostas en limpo coa implicación das persoas que viven en primeira persoa o problema dos incendios forestais, para poder despois realizar un mellor traballo de defensa no Parlamento Europeo. “Na Galiza, é fundamental establecer un modelo de agricultura onde haxa labregas e labregos producindo en todo o territorio. O monocultivo, o eucalipto, é un modelo que favorece que o lume se expanda. Mañá sacaremos máis conclusións”, dixo Lídia Senra. “Que hai detrás do lume? Quen se aproveita ao final dos incendios? As grandes empresas, non as pequenas explotacións. Hai grandes intereses detrás da terra queimada para facilitar as condicións para que as multinacionais poidan explotar os terreos que lle interesan. Mañá afondaremos máis”, concluíu a eurodeputada.

anterior seguinte

Artigos relacionados

Lidia Senra no banco mais fedento do mundo con vistas ao vertedoiro de sogama

Lídia Senra: “Na Galiza urxe un modelo de xestión de residuos público 100%, descentralizado e baseado na redución, reciclaxe, reutilización e protección do medio ”

14 Maio, 2019
Comprobando o estado da contorna da Lanzada_2656x1494

Lídia Senra denuncia ante a CE a invasión de especies exóticas na Lanzada e as obras que danan as dunas

12 Abril, 2019
VdMRXGtM

Lídia Senra reclama na CE solucións para que unha muller poida acceder sen barreiras á súa casa en Abadín

9 Abril, 2019

Últimas novas

  • Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra
    Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito 26 Maio, 2019
  • Lidia Senra comprando no mercado de teo
    Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei” 25 Maio, 2019
  • Vista xeral_2592x1460
    Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade 24 Maio, 2019

Etiquetas

acordos comerciais actividades AGEe agricultura bruxelas Comisión Europea comité de emerxencia da Ría de Ferrol compromiso por europa contaminación crise agrícola europea crise de dereitos dereito a decidir dereitos humanos economía rural eleccions europeas emerxencia social En Marea estafa bancaria estafa financieira feminismo GUE/NGL leite liberalización liberalización comercial liberalización sector lácteo libre mercado Lidia Senra marisqueo mariñeiros mulleres OMC Organización Mundial do Comercio PAC Parlamento Europeo pensións pesca pesca artesanal pleno políticas públicas rural soberanía alimentaria sustentabilidade transxénicos UE Unión Europea

Calendario

Maio 2025
M T W T F S S
« Mai    
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031  
Aviso legal

Este sitio web utiliza cookies para dar unha mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das cookies mencionadas e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para obter máis información. .

ACEPTAR
Aviso de cookies