- A eurodeputada de AGEe interviu na primeira reunión da Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo tras a volta das vacacións estivais
- Reclama ás institucións europeas priorizar a loita contra o desemprego, a pobreza e a exclusión social, non a imposición de políticas de axuste
Santiago, 30 agosto 2016. Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), interviu este martes pola mañá en Bruxelas na que foi a primeira reunión da Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo despois das vacacións do verán. Senra pediu quenda de palabra para, no debate sobre “Investir en crecemento e emprego. Maximizar a contribución dos Fondos Estruturais e de Investimento Europeo”, lanzar un chamamento antes de que case comezase o debate. “Estou de acordo en que este é un debate moi importante que hai que dar e no que nós por suposto tamén imos aportar na medida das nosas posibilidades”, dixo, “pero antes de nada gustaría propoñer que un dos primeiros puntos que deberiamos incluír neste debate é que baixo ningún concepto a comisión poida usar os Fondos Estruturais e de Investimento como chantaxe aos Estados”.
A eurodeputada galega fixo mención na súa intervención en Bruxelas á situación vivida un mes, cando “coñecemos que a Comisión Europea ameaza a Portugal e ao Estado español con suspender os Fondos de Investimento e Estruturais se estes Estados non cumpren cos obxectivos impostos de axuste orzamentario e sen ter en absoluto ningunha consideración sobre cal é a situación de crise que os nosos pobos están atravesando e como está a impactar a crise no desemprego, no medio rural, no aumento da pobreza e da exclusión social”, defendeu. Ante esta situación, Lídia Senra fixo un “chamamento” a todas as eurodeputadas e eurodeputados para que “teñamos a capacidade e a valentía de dicirlle á Comisión que non xogue, que non ameace e que non chantaxee aos pobos de Europa”.