-
A eurodeputada está este venres ás 17:00h. na Aula Ronda con Miguel Arenas e Miren Etxezarreta presentando o libro do futuro das pensións
-
O sábado intervirá no evento ‘Europa. Al servei dels pobles o del capital’, en Poble Sec, nun coloquio sobre ‘Como saír da ditadura do euro e da débeda?’
Santiago, 22 de febreiro de 2019. A eurodeputada galega Lídia Senra emprende esta mañá unha viaxe a Barcelona, para participar este venres e o sábado en varios actos públicos na capital catalá, convidada por diferentes colectivos. Concretamente, a europarlamentaria membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) intervirá hoxe a partir das 17:00 horas na Aula Ronda de Barcelona (Carrer Trafalgar, 50-52), nun acto organizado pola Marea Pensionista de Catalunya e pola Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións, para presentar o libro ‘O futuro das pensións. Galiza, Estado español e Europa’1. Dito libro, editado pola propia Senra hai uns meses, recolle textos dunha quincena de expertos e expertas en seguridade social, materia laboral e xubilación e pensións de diferentes partes do Estado español e doutros países da UE, que participaron no ano pasado nunha xornada organizada por ela mesma en Santiago de Compostela2. No acto desta tarde en Barcelona, Senra estará acompañada na mesa de ponentes polo avogado laboralista e socio cooperativista de Col.lectiu Ronda, Miguel Arenas, así como pola economista e catedrática xubilada da Universitat Autónoma de Barcelona, Miren Etxezarreta, que tamén escriben no citado libro.
Xa o sábado, Lídia Senra está convidada a intervir nas xornadas organizadas polo Procés Constituent no barrio barcelonés de Poble Sec (Auditori de l’espai, C/ Calàbria, 66) baixo o título de ‘Europa. Al servei dels Pobles o del Capital? Quina sobirania ens queda?’3. Dentro desa xornada, a partir das 16:00 horas, desenvolverase un coloquio sobre como saír da ditadura do euro e da débeda, no cal participarán de ponentes ademais de Lídia Senra, os economistas Sergi Cutillas, Arcadi Oliveres e Josep Lluís Notivoli.
A eurodeputada aproveitará a súa presenza en Barcelona para defender tamén alí a necesidade de loitar tanto no ámbito social como no político para que os dereitos das persoas estean por riba dos intereses do capital e reclamará como imprescindible e irrenunciable que as Administracións garantan uns servizos públicos básicos e de calidade como son o acceso a unha sanidade, a unha educación, e a unhas pensións dignas. “O que non pode ser é que a UE impulse o mercado privado das pensións como está a facer agora tratando de sacar adiante o chamado Produto Paneuropeo de Pensións Individuais (PEPP), favorecendo os intereses da banca e das aseguradoras, das empresas de investimento, a pesar de que iso implique que moitas persoas entren na pobreza ao rematar a súa vida laboral porque as pensións dependerán da capacidade de aforro persoal”, denuncia Lídia Senra, quen tamén arremete contra esta UE actual do capital, que “a pesar de ter imposto aos Estados un teito para o gasto público que se traduce en recortes en servizos públicos básicos, non dubidan en recomendar aos Estados que sigan detraendo recursos públicos mediante os incentivos fiscais para favorecer a contratación deste Produto”.
En canto á ditadura do euro e da débeda, Lídia Senra defende que a chamada débeda dos Estados coa UE é “unha estafa, un negocio e un elemento de chantaxe para os pobos e para manter de xeonllos ás clases populares”. A eurodeputada sempre defendeu que non é lexítimo nin ético que unha débeda provocada na súa inmensa maioría en orixe pola banca e as grandes empresas multinacionais se traspase ao conxunto da cidadanía e sexa utilizada para facer negocio, por iso, chama a plantarse e a que as forzas de esquerda teñan valentía e se neguen a pagar esta débeda ilexítima, apostando por desenvolver políticas de defensa dos servizos públicos e a favor da maioría da poboación, non da minoría rica. A Comisión Europea prevé un nivel de débeda pública bruta para o Estado español do 96,2% do Produto Interior Bruto (PIB) neste 20194.
__________
1A versión dixital completa do libro pódese consultar aquí:
2 Aquí información sobre a xornada que tivo lugar en setembro:
3 Información das xornadas aquí: