• Reclámanlle á Comisión Europea que explique, con tempo para debate, como pensa proceder para afrontar os riscos das/os consumidoras/es
• Fanse eco do estudo da Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria que advirte dos elementos xenotóxicos e canceríxenos do ingrediente
Santiago, 11 xaneiro de 2017. Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), ven de presentar, xunto con outros máis de 60 eurodeputados e eurodeputadas,unha pregunta parlamentaria dirixida á Comisión Europea e con petición de sexa contestada de forma oral e con debate. Nela interésante por saber como pensan proceder as autoridades europeas fronte aos posibles riscos para as e os consumidores derivados da presenza de ésteres glícidílicos de ácidos graxos en alimentos, sobre todo en aceites de palma e en graxas de palma. As e os europarlamentarios asinantes fanse eco do estudo feito público pola Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA), no que se fai saber que existen probas suficientes de que os ésteres glicidílicos de ácidos graxos, contaminantes que se forman durante o proceso de produción de aceites vexetais refinados, son xenotóxicos e canceríxenos.
Neste sentido, as e os deputados chaman á CE a explicar se ten ou non a intención de adoptar disposicións para limitar a presenza de substancias de risco nos aceites de palma e protexer así a saúde das persoas.
De acordo coa EFSA, os bebés alimentados con preparados para lactantes están expostos a niveis de ésteres glicidílicos de ácidos graxos até dez veces superiores aos admisibles. Se ben é certo que nos últimos seis anos os niveis destas substancias contidos nos aceites e graxas de palma se reduciron á metade, o aceite de palma continúa sendo a principal fonte de tales compoñentes para a maior parte das persoas. Ao ser un ingrediente de aperitivos, galletas, galletas salgadas e doutros produtos alimenticios e de alimentos infantís, o aceite de palma é un motivo de preocupación polos seus posibles prexuízos para a saúde, en particular, de nenas e nenos e mozas e mozos, así como en xeral, de todas as persoas que consumen produtos alimenticios ricos en ácidos graxos de palma.
Lídia Senra considera que, ademais, é necesario subliñar que “non hai ningunha necesidade de manter o aceite de palma na alimentación”. A maiores dos problemas que se detallan nesta pregunta, nos países do Sur onde se produce este aceite para a exportación, o cultivo da palma está causando verdadeiros estragos sociais e ambientais. As extensas plantacións de palma están ocupando as terras que son necesarias para garantir a alimentación nestes propios países e que deberían ser postas a disposición das e dos labregos nestes países para producir os alimentos que precisan e non a palma para exportar.