- Esta mesma semana presentará unha primeira denuncia á Comisión Europea e solicitará xuntanzas cas Direccións Xerais correspondentes
- Critica a “desprotección” e “vulnerabilidade” ás que o PPdG está sumindo ao noso país lexislando á medida das empresas transnacionais
Bruxelas, 17 de outubro de 2017. Lídia Senra expresou hoxe a súa fonda preocupación pola aprobación da Lei de Fomento da Implantación das Iniciativas Empresariais en Galicia, máis correctamente nomeada Lei de Depredación de Galiza, un texto que, advertiu, “o único que fomenta é o espolio e destrución dos nosos recursos naturais e, de paso, arrampla tamén cos xa de por si limitados dereitos da cidadanía para facer fronte ás ameazas das empresas que queren esquilmar o noso País”.
O empuxón dado polo Partido Popular a esta lei “deixa ben claro que o Goberno da Xunta traballa para as empresas privadas, non para as galegas e galegos” valorou Senra. Ao contrario do que quere dar a entender a exposición de motivos desta lei, a sociedade galega non está preocupada por facer “máis atractiva” a explotación mineira, o acaparamento de terras nin a proliferación de eólicos e eucaliptos.
De feito, fai menos de cinco anos a sociedade galega deixou ben claro a súa posición neste sentido cando gañou a batalla contra a mina que a corporación canadense Edgewater quería explotar en Corcoesto. “Logo de loitas sociais como as que o pobo galego ten levado adiante contra a explotación salvaxe da nosa terra, a aprobación desta lei alegando que é unha demanda social é dun cinismo impresentábel”, recriminou a eurodeputada galega integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) no Parlamento Europeo.
Diante desta situación de desprotección total “ante a rapiña empresarial e a vulnerabilidade que provoca fronte a iniciativas privadas que poden ter graves consecuencias para as persoas o medio ambiente”, Lídia Senra denunciará diante da Comisión Europea a posíbel vulneración ou incorrecta transposición de normativas comunitarias nas que poda estar incorrendo a Lei aprobada hoxe polo Partido Popular.
“Imos analizar o texto e plantexar directamente á Comisión xa nesta semana a posibilidade de incompatibilidade con normativas europeas”, abondou a eurodeputada galega, “paralelamente tamén solicitaremos reunións cas direccións xerais da Comisión Europea correspondentes, para trasladarlles directamente esta denuncia”.
Aliás, Lídia Senra púxose tamén a disposición da plataforma de colectivos sociais que están coordenando a loita contra a Lei de Depredación da Galiza para prestarlles apoio nas posíbeis vías de denuncia que poderían activar nas institucións comunitarias, nomeadamente a través da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo e a solicitude de apertura dun procedemento de infracción por parte da Comisión Europea a través do servizo de tramitación de queixas ao ente comunitario. Asemade, o vindeiro domingo 22 de outubro Lídia Senra participará na manifestación convocada por dita plataforma en Compostela.