- A eurodeputada de AGEe asegura que con este tratado as corporacións multinacionais van ter capacidade para incidir nas lexislacións
- Ningunha denominación de orixe galega está protexida no texto de 1.600 páxinas que irá ao pleno do Parlamento Europeo en febreiro
Santiago, 02 decembro 2016. Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), denunciou hoxe en Santiago que tanto a Unión Europea como Canadá están a intentar ratificar o máis rápido posible o Acordo Económico e Comercial Global coñecido como CETA, sen permitir que teña lugar debate previo. Durante a rolda de prensa que ofreceu esta mañá en Compostela, a eurodeputada galega preguntouse cantas persoas do conxunto da cidadanía saben de que se está a falar cando se fala de CETA e concretamente, cantas saben que se trata dun acordo de 1.600 paxinas que xa está “negociado, pechado, que os gobernos dos Estados que forman parte da UE xa asinaron e que agora pretende ser ratificado o próximo febreiro polo pleno do Parlamento Europeo sen que se permita debate previo ningún”.
“É un tratado que vai incidir dunha forma moi importante e de xeito negativo nas nosas vidas e ademais será a porta de entrada dos intereses dos Estados Unidos en Europa a través de Canadá, será un avance do que podería supoñer o TTIP”, denunciou Senra. E é que en Canadá operan 24.000 empresas estadounidenses e o 81% das compañías canadienses son subsidiarias de compañías de EEUU. Ademais, o 75% das empresas mineiras do mundo están rexistradas en Canadá, segundo datos do informe do propio GUE/NGL sobre o CETA.
Lídia Senra leva tempo opoñéndose a este tratado e ademais forma parte do grupo de ao redor de 90 eurodeputados e eurodeputadas que presentaron unha resolución para pedir que o Tribunal de Xustiza da UE faga un informe sobre a compatibilidade do CETA con algúns artigos do Tratado da UE e do Tratado de Funcionamento da UE, xa que “estamos a falar dun acordo que pretende modificar normativas que están vixentes na UE”. Non obstante, os grupos maioritarios, do PPE e do PSE, votaron en contra de que o pleno do Parlamento non poida ratificar o CETA mentres non estea elaborado ese informe de compatibilidade e tamén votaron en contra de que a Comisión de Agricultura poida debater sobre este tratado.
“Estamos falando de que o CETA é un tratado que inclúe mecanismos que autorizarán a miles de corporacións a ter máis dereitos que a cidadanía e que os gobernos dos países”, dixo. Neste sentido, exemplificou claramente sobre a situación vivida en Corcoesto. “A Xunta dedidiu parar ese proxecto de explotación mineira debido á presión e mobilización social. Pero se o CETA estivera en vigor, a empresa canadiense tería dereito a demandar ao goberno galego por opoñerse ao proxecto e a Xunta podería ser sancionada nuns tribunais que están feitos a medida, sendo o pobo galego condenado a pagarlle á empresa o lucro cesante por non abrir esa mina que pretendía”, dixo. “É dicir, o CETA atenta contra a democracia, algo para nós gravísimo, traerá privilexios para as corporacións transnacionais por riba dos gobernos”, defendeu.
O CETA, ademais, inclúe “cláusulas antidemocráticas que van impedir que calquera goberno que queira establecer servizos públicos novos ou que queira reverter a privatización de algún servizo poida facelo”. E tamén eliminará o principio de precaución, suprimindo o que eles chaman barreiras non arancelarias, que son normativas sobre a protección da saúde, do medio ambiente e do benestar animal.
“Ningunha das denominacións de orixe galegas están protexidas no CETA; e a porta aberta á importación de carne de vacún vai prexudicar, e moito, aos produtores e produtoras da carne de vacún e ás zonas rurais galegas que dependen desta actividade”, alertou Lídia Senra. É por iso que “son temas o suficientemente graves como para dicir non ao CETA”.
Nesta liña, a eurodeputada galega esixiu que no caso de que o Parlamento Europeo ratifique o CETA, de ningunha maneira entre en vigor de forma provisional sen que os Parlamentos dos Estados membros da UE o ratifiquen, nin sen consulta á cidadanía nin sen debate público.
“Co CETA, irán ao mercado produtos que non cumpran o principio de precaución, rebaixarase a normativa laboral e supoñerá unha maior precarización e aumento do desemprego. É un acordo para favorecer os intereses das multinacionais e vai contra os pobos, debemos votar en contra”, insistiu Lídia Senra, que chamou á mobilización social para exercer presión sobre as e os eurodeputados para que reflexionen e apliquen a sensatez e non poñan en perigo ao conxunto da poboación aprobando o CETA. “As eurodeputadas e eurodeputados debemos asumir os compromisos que adquirimos coa poboación cando nos presentamos ás eleccións. Quen nos vota é a poboación, non as multinacionais. Sen embargo, parece que hai deputadas e deputados aos que lles esquece isto e só defenden ás multinacionais”, zanxou.