- A eurodeputada rexistra en Bruxelas unha pregunta por escrito dirixida á CE na que lle pide explicacións pola contaminación da zona a pesar dos fondos europeos destinados supostamente a arranxar a situación
- A europarlamentaria reclama que se destine algunha partida económica para lucro cesante dos mariscadores e mariscadoras mentres non se leve a cabo o dragado e non poidan saír a faenar
A Coruña, 24 de febreiro de 2017. A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) ven de denunciar no Parlamento Europeo a situación de parálise na que se atopa o proxecto de saneamento integral da ría do Burgo. Así o anunciou a propia Lídia Senra este venres pola mañá na Confraría de Pescadores da Coruña, onde acompañada por Manuel Baldomir, membro dos órganos de goberno da Confraría e mariscador, ofreceu unha rolda de prensa para dar conta da pregunta por escrito dirixida á Comisión Europea que rexistrou esta semana en Bruxelas.
Senra fai fincapé en que o proxecto de saneamento integral da ría do Burgo, que comezou no 2013, foi financiado pola UE co obxectivo de recuperar a ría ante a elevada contaminación que padece, os problemas nos fondos e de lodos e o consecuente perigo para a saúde pública. Non obstante, actualmente, o dragado, orzado polo Goberno do Estado español en máis de 46 millóns de euros, aínda non foi posto en marcha e a mortandade do marisco é elevadísima, deixando aos mariscadores e mariscadoras sen o seu medio de vida.
Considerando a visita dunha delegación da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo en 2013 á ría do Burgo; o informe emitido por esta confirmando o mal estado da ría; o procedemento de infracción aberto ao Estado Español por esta casuística; e as respostas da Comisión Europea a múltiples preguntas parlamentarias anteriores realizadas por diferentes grupos políticos, Lídia Senra insta agora á CE a explicar que seguemento ten realizado sobre a situación na ría do Burgo nos últimos anos. A eurodeputada tamén quere saber se a CE fixo algún seguemento da utilización dos fondos europeos FEDER destinados a mellorar o saneamento da ría.
Na defensa dos traballadores e traballadoras que viven da ría, Senra pregunta á CE se sería posible que se destinasen partidas económicas para lucro cesante das mariscadoras e mariscadores da ría do Burgo mentres non se leve a cabo o dragado e estas persoas non poidan saír a faenar.
Senra estará moi atenta á contestación que lle dea agora a Comisión Europea ao escrito rexistrado esta semana. Habitualmente, o trámite de resposta por parte do organismo comunitario adoita tardar entre 4 e 6 semanas. A eurodeputada insistiu na rolda de prensa en reclamar vontade política por parte das Administracións para solucionar este problema dunha vez por todas e unha vez máis defendeu que as sancións económicas “non arranxan o problema”. “Obriguen a facer o saneamento das rías”, exclamou.
Pola súa banda, Manuel Baldomir, que agradeceu o apoio amosado por Lídia Senra á loita do colectivo, criticou, durante a comparecencia ante os medios de comunicación, a falta de resposta por parte dos diferentes gobernos a esta situación de parálise do saneamento da ría do Burgo. Neste sentido, lembrou que aínda non foi aprobado o estudo de impacto ambiental do proxecto do dragado, a pesar de que xa rematou o prazo de alegacións hai sete meses. Tamén denunciou que por parte da Confraría “se solicitou unha reunión co delegado do Goberno e a resposta foi que non nos ía recibir porque non tiña ningunha información que darnos, a pesar de pasar 7 meses desde que acabou o prazo e a pesar de que nós, as mariscadoras e mariscadores, estamos indo a pique”, afirmou.
Baldomir asegurou que a economía do sector marisqueiro da ría do Burgo “estase vendo moi mermada”. “Temos moita mortandade de ameixa e temos moitos compañeiros e compañeiras que están adebedando as cotas da Seguridade Social porque poden facer fronte aos pagos, compañeiros e compañeiras que están gañando 400 euros ao mes e se teñen que pagar 200 de Seguridade Social, obviamente escollen alimentar aos fillos. As situacións son moi dramáticas, por iso non podemos seguir agardando máis polo dragado”, dixo.
O representante da Confraría da Coruña explicou que de 7 quilos que se lle permiten coller, están extraendo 2 habitualmente e que dos 2000 traballadores e traballadoras que había nos anos 80, hoxe en día “quedamos traballando na ría do Burgo só 100”. “Non se pode consentir isto. Cunha ría ben limpa e dragada, a ría do Burgo daría para aumentar 300 postos de traballo máis, é dicir, podería haber 400 postos de traballo aquí, non 100 como hai agora. Por que o goberno non draga a ría do Burgo dunha vez? Que intereses ocultos hai para non levalo a cabo? Non o sabemos”, concluíu.